Territorio Activa
Mover o corpo para coidar a mente: o deporte como política de saúde pública
A xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar reflexiona sobre a saúde mental como un dos grandes retos sociais do noso tempo e o papel fundamental que pode xogar a actividade física ao respecto
Cada vez hai menos dúbidas: a saúde mental é un dos grandes retos sociais do noso tempo
A ansiedade, a depresión ou o estrés crónico deixaron de ser realidades marxinais para converterse nun problema estrutural que afecta a millóns de persoas. En España, estímase que máis do 25% da poboación experimentará algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. E, no caso da poboación máis nova, os indicadores non deixan de empeorar.
Neste contexto, o debate público adoita centrarse, de forma lóxica, no reforzo dos servizos sanitarios, na atención psicolóxica ou na necesidade de reducir o estigma. Pero existe unha ferramenta poderosa, accesible e baseada na evidencia científica que segue infrautilizada: a actividade física.
A evidencia é clara: moverse mellora a mente
Numerosos estudos científicos levan anos demostrando que o exercicio físico regular ten un impacto directo e significativo na saúde mental.
A práctica de actividade física contribúe a reducir os síntomas de ansiedade e depresión, mellora o estado de ánimo e incrementa a sensación de benestar. Isto explícase, en parte, pola liberación de endorfinas e outros neurotransmisores asociados ao pracer e á regulación emocional, pero tamén por factores psicolóxicos e sociais: sensación de logro, mellora da autoestima, contacto social ou ruptura coa rutina sedentaria.
De feito, a evidencia acumulada indica que o exercicio pode ter efectos comparables a intervencións farmacolóxicas leves en determinados casos de depresión, e actúa ademais como un importante factor protector a longo prazo.
Non falamos, polo tanto, só de benestar. Falamos tamén de prevención.
Unha ferramenta accesible
A gran vantaxe da actividade física como ferramenta de saúde mental é a súa accesibilidade. Non require tecnoloxía complexa nin grandes investimentos individuais: camiñar, correr, bailar ou practicar deporte en grupo son opcións ao alcance de boa parte da poboación.
E, sen embargo, a realidade é que seguimos sendo unha sociedade maioritariamente sedentaria.
En Galicia, máis da metade da poboación non realiza actividade física de maneira regular. Isto implica non só un impacto negativo na saúde física, senón tamén unha oportunidade perdida en termos de benestar emocional e prevención de trastornos mentais.
O problema, polo tanto, non é a falta de solucións. É a falta de integración destas solucións nas políticas públicas e nos hábitos cotiáns.
Do deporte como recomendación ao deporte como prescrición
Se asumimos que a actividade física ten un impacto real e medible na saúde mental, a seguinte pregunta é evidente: por que non está máis integrada nos sistemas de saúde?
Noutros países europeos xa se avanzou cara a modelos de "prescrición de exercicio", nos que profesionais sanitarios derivan pacientes a programas de actividade física adaptada como parte do tratamento. Este enfoque permite actuar non só sobre os síntomas, senón tamén sobre as causas estruturais vinculadas ao sedentarismo e ao illamento social.
Tamén en España se están a dar pasos ao fronte neste sentido, pero polo de agora de xeito desigual entre comunidades. Así, en Baleares creouse no 2023 a categoría de Técnico/a de Educación Física como persoal estatutario do Servizo de Saúde, unha figura que reforza a intervención do exercicio físico como ferramenta coadxuvante en programas sanitarios. Dar este paso supón entender o deporte non como un complemento, senón como unha ferramenta preventiva e de mellora da condición da saúde de primeiro nivel.
Galicia ante unha oportunidade estratéxica
Galicia conta cunha base sólida para dar este salto: unha industria do deporte estruturada, unha rede de entidades e instalacións deportivas ampla e unha crecente conciencia social sobre a importancia da actividade física.
Pero o reto non é menor: activar ás persoas que hoxe están fóra do sistema.
E aquí é onde cobra todo o sentido o Plan 2 Millóns, impulsado polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Precisamente, o primeiro eixo estratéxico deste Plan é a saúde comunitaria, sendo a receita deportiva unha das accións clave. Como mostra do traballo que se está a facer neste sentido, actualmente levamos a cabo dous obradoiros financiados polo IGAPE que buscan, por un lado, desenvolver unha proba piloto que permita cuantificar o impacto do Plan 2 Millóns e, por outro lado, deseñar unha pilotaxe da receita deportiva en Galicia que permita crear unha ponte real, eficiente e expansiva entre o sistema sanitario e o sistema deportivo.
En definitiva, o noso obxectivo (alcanzar os dous millóns de persoas activas en Galicia) non é só unha meta deportiva. É unha aposta directa pola saúde pública, tamén pola saúde mental.
Porque cada persoa que incorpora a actividade física á súa vida está reducindo o risco de padecer problemas de ansiedade ou depresión, está mellorando o seu benestar emocional e está contribuíndo a unha sociedade máis saudable e resiliente.
Un cambio de enfoque necesario
Se queremos abordar de forma efectiva os retos da saúde mental, precisamos ampliar a mirada.
Non abonda con actuar cando o problema aparece. É necesario investir en prevención, en hábitos e en estilos de vida activos que reduzan o risco antes de que sexa necesario intervir.
O deporte e a actividade física ofrecen unha oportunidade única para facelo: son escalables, sostibles e teñen un impacto demostrado tanto a nivel individual como colectivo.
O reto, agora, é darlles o lugar que merecen.