A Tribo do Milladoiro.

A Tribo do Milladoiro. Cedida

Ofrecido por:

Cultura

A Tribo do Milladoiro: "Se cambias a mirada, verás o futuro"

Once mozos e mozas de Ames reivindican o seu barrio, as identidades diversas e o poder transformador da mocidade nunha campaña de sensibilización ideada e protagonizada por eles e elas mesmas

Publicada

A Tribo do Milladoiro é un grupo de rapaces e rapazas de procedencias diversas que teñen dúas cousas en común: viven no Milladoiro e defenden o poder da mocidade para transformar o mundo.

Fronte aos discursos que asocian barrios periféricos, inmigración e diversidade con inseguridade ou conflito, A rapazada da Tribo do Milladoiro responde con once carteis de gran formato, protagonizados polas propias integrantas do grupo, con mensaxes directas e optimistas escritas, tamén, por eles mesmas. O resultado é unha galería de once voces adolescentes que falan de diversidade e convivencia, de creatividade, de diálogo, de identidade e de orgullo de pertenza.

Cada cartel combina o retrato fotográfico dun ou dunha integrante da Tribo - coa característica composición de dous fragmentos de cara que se xuntan ao cambiar a perspectiva - cunha frase creada por esa persoa. "A periferia está chea de vida", di Marelys. "Ser diferente non é malo", apunta Ángel Fidel. E Ryuu engade: "A mestura está en todas nós". A idea principal é que a mocidade, a migración e as localidades como O Milladoiro nas que convive moita xente nova e diversa non só non son un problema, senón que son a solución. É aí onde se atopa a vida e, tamén, o futuro.

A rapazada da Tribo pídelle á sociedade que non a rodea se deixe levar polos discursos do odio e do medo e que tente mirar a realidade a través dos seus ollos. Con optimismo, con creatividade e con esforzo, conseguiremos construír un futuro mellor para todos e todas. Elas están dispostas.

A Tribo do Milladoiro é un proxecto piloto de comunicación participativa impulsado por Agareso, en colaboración co IES do Milladoiro e co apoio da Fundación laCaixa, que busca mellorar a convivencia cidadá intercultural e a cohesión social na localidade, convertendo a mocidade en mediadora da súa contorna comunitaria. O 19 de xuño de 2026, na Casa da Cultura do Milladoiro, 24 mozos e mozas presentaron ante as súas familias, o seu profesorado e a súa veciñanza o resultado de seis meses de traballo: tres curtametraxes, unha campaña e moitas cousas aprendidas polo camiño. As pezas están agora dispoñibles na rede, onde acumulan miles de visualizacións. Á volta do verán, presentarán o froito do seu traballo en varios IES e universidades da contorna.