As librarías da Coruña, motor cultural e social da cidade

As librarías da Coruña, motor cultural e social da cidade

Cultura

As librarías da Coruña, motor cultural e social da cidade

A labor da Asociación de Librarías da Coruña (LIBAC) consolídase como unha rede activa no fomento da cultura de proximidade

Publicada

Nun contexto no que o consumo cultural está cada vez máis condicionado polas pantallas e os algoritmos, as librarías continúan a desempeñar un papel clave na vida urbana. Na Coruña, a Asociación de Librarías da Coruña (LIBAC) consolidouse como unha rede activa que vai máis alá da venda de libros, apostando pola cultura de proximidade, a dinamización dos barrios e o fomento da lectura. A Asociación conta co respaldo do Concello da Coruña nesta iniciativa.

A entidade, que agrupa a diferentes librarías da cidade, traballa para poñer en valor estes espazos como auténticos motores culturais e sociais. A través da organización de actividades conxuntas, da presenza en feiras e da celebración de datas sinaladas como o Día das Escritoras, o Día das Librarías ou as campañas de Nadal, LIBAC contribúe a transformar as librarías en puntos de encontro para a veciñanza.

O marcapáxinas da asociación

O marcapáxinas da asociación

Cada establecemento asociado converte o seu local nun pequeno foco cultural, cunha programación que inclúe presentacións de libros, encontros con autoras e autores, obradoiros, sesións de contacontos ou clubs de lectura. Iniciativas que achegan a literatura aos barrios, fomentan o pensamento crítico e fortalecen a vida comunitaria arredor da lectura.

Ademais, a Asociación exerce como voz colectiva do sector, reivindicando a figura do libreiro e da libreira como mediadores culturais e referentes próximos para as persoas lectoras. Un labor que cobra especial relevancia nunha cidade como A Coruña, cunha longa tradición literaria e unha cidadanía activa.

Desde LIBAC subliñan que a presenza das librarías garante diversidade cultural, impulsa o comercio local e contribúe a construír unha cidade máis lectora, crítica e viva. Coincidindo coas datas do Nadal, a Asociación quixo tamén trasladar unha mensaxe de bos desexos á cidadanía, animando a seguir facendo dos libros un espazo de encontro, refuxio e unión.