A escritora galega Carmen V. Valiña.
A escritora galega Carmen V. Valiña: "Aínda culpamos ás mulleres por deixar os coidados"
A autora do libro que recolle as historias das mulleres que estiveron encerradas en Conxo acaba de ser premiada na 75ª edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega
Pódeche interesar: 'Coralia e Maruxa', o libro ilustrado sobre as irmáns Fandiño que está nas bibliotecas da Coruña
Dende que saiu a súa primeira edición As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936) o ruxe ruxe arredor deste libro publicado pola Editorial Galaxia era ben forte. Tanto que conseguir un exemplar foi tarefa complicada xa que voaban nada máis estar impresos.
A historiadora, escritora, divulgadora e xornalista Carmen V. Valiña (Baio,1985) escribe sobre a historia das persoas que menos importaron: mulleres e tolas. Elas, as internas no manicomio de Conxo entre o 1885 e o 1936 son as protagonistas de cada relato. Mulleres analfabetas, chegadas da aldea, rebeldes, cuestionadas, xulgadas.
Carmen V. Valiña é directora da escola de feminismos Periféricas onde leva anos traballando anos traballando na recuperación da memoria de mulleres anónimas e na igualdade de xénero, tanto desde o ámbito da investigación como coa propia escola.
Carmen V. Valiña durante a presentación do libro.
Cal é o punto de partida ou a semente deste libro?
O libro é froito dunha investigación despois de acceder ós antigos arquivos de Conxo que, dun xeito casual, tiven constancia de que estaban gardados na Cidade da Cultura de Galicia. Eu quería facer un traballo que fora máis aló do académico ou de ser simplemente un ensaio, que o é. Era algo máis persoal, así que intentei achegar estas historias persoais cunha linguaxe que é para todos e todas e que o que quere é aproveitar o persoal para construir unha memoria colectiva.
Todas as historias que aparecen no libro son reais, todas protagonizadas por mulleres invisibilizadas e fortemente discriminadas.
Como dis, todas as protagonistas das historias son mulleres que chegan a Conxo por diferentes motivos máis todas elas comparten un perfil ou rasgos comúns?
Sí, podemos decir que a maioría de elas eran analfabetas, que tiñan moi pouca formación e falta de recursos. Iso facía que para elas fora imposible coñecer os seus dereitos, ter información… Pero tamén tiñan en común que todas eran consideradas malas mulleres porque non entraban dentro dos moldes do que se agardaba de elas (ter un marido,filos, coidar da casa, da familia…).
Eran, moitas, rebeldes e fortes, mulleres que racharon con normas impostas e que foron entendidas como enfermas.
Na maioría dos casos estas mulleres chegaban ata o psiquiátrico da man da familia, máis en concreto dalgunha figura masculina como o pai, un irmá, incluso o cura…
Así é, case sempre estaba detrás un home, ás veces familiar directo ou un home que era achegado á familia e que tomaba a decisión de acudir a este centro, nun intento de axudar ás familias e despois alí, todo o corpo de psiquiatras o conformaban homes. Isto quere dicir que existía unha ollada machista, moi aceptaba socialmente.
Moitas das internas intentaban manter o contacto cos familiares e outras tantas pedían ser visitadas, aínda así comprobamos que poucas recibían visitas e tamén en contados casos recibían correspondencia de volta. É dun desarraigo real ou era froito do que a sociedade pensaba e dun xeito de actuar moi concreto?
Polo que puiden comprobar na documentación, esta amosa que na maioría dos casos se desentendían delas. É certo que nalgúns rexistros comprobamos que existiu un intento de que sairan pero por unha banda a sociedade non estaba preparada para recibilas e por outras ás familias sentían que non tiñan recursos ou ferramentas para facerse cargo.
O que pasaba é que a vergoña estaba instaurada e por suposto tamén existía un componente económico xa que mentras esas mulleres estaban ailladas non podían reclamar nada, non podían obter cartos e ser independientes.
"Normalizamos falar de ansiedade, ou de depresión pero aínda segue molestando ou incomodando falar de outros trastornos como a esquizofrenia, por exemplo"
Dende a Pandemia polo Covid 19 comezamos a falar moito máis de saúde mental nos medios, nas redes sociais, facémolo dunha forma axeitada ou queda camiño por diante?
É certo que hoxe falamos de saúde mental moito máis do que se facía hai uns anos, o problema é que hai moitas doenzas que aínda seguen a ter estigma. Normalizamos falar de ansiedade, ou de depresión pero aínda segue molestando ou incomodando falar de outros trastornos como a esquizofrenia, por exemplo.
E se ademáis quen padece a enfermidade é unha muller semella que aínda se penaliza maís porque está deixando de coidar, deixando a súa casa, o que se agarda que faga na familia… Unha vez máis o machismo está presente tamén na enfermidade.
Estás de noraboa tras recibir o Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega que foi elexida entre 43 candidatas.
Para min é unha ledicia este premio, non só polo recoñecemento literario senón tamén porque me permite poñer sobre a mesa, agora a través da ficción, cuestións que me preocupan e desexo visibilizar , como as historias das nosas ancestras e a memoria histórica.