El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

O Decidámolo Xuntos de Cambre, un proceso baseado na escoita activa da veciñanza

María Pan Lesta, concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos do Concello de Cambre, explícanos o ambicioso plan de participación cidadá do goberno local
María Pan Lesta
Por María Pan Lesta

O traballo dun político non pode ser, unicamente, o de falar coa veciñanza. Moi ao contrario, a política ten que ser concibida como un servizo público á cidadanía no que a escoita activa debe ser o primeiro dos dogmas. Polo menos, en Cambre somos moito dese pensamento. Por iso, no 2016, púxose en marcha o programa participativo Decidámolo Xuntos, un dos primeiros da nosa comarca e, desde logo, un dos máis lonxevos a día de hoxe. 

Como a administración máis próxima á cidadanía, o Concello ten que ser máis consciente das súas verdadeiras necesidades e demandas e resolvelas dun xeito máis inmediato. É a nosa obriga brindarlles a máxima transparencia e garantir, en todo momento, que a nosa liña de traballo vaia acorde cos seus requirimentos. O Decidámolo Xuntos naceu, precisamente, para resolver todas estas cuestións, para ofrecerlle unha canle de comunicación directa co Concello e, sobre todo, para facela partícipe na construción dun Cambre mellor para todos e todas. 

Parque da Igrexa

O mecanismo desta iniciativa é sinxelo: a través dos medios dixitais, dos buzóns dos centros sociais e das reunións coas asociacións veciñais, os cambreses e cambresas teñen a oportunidade de dicirnos que lles preocupa e como podemos mellorar o seu día a día. Tras a valoración dos técnicos municipais, as proposicións pasan a unha fase de votación na que son, de novo, os propios cidadáns e cidadás os que deciden que propostas deberían resultar gañadoras e, polo tanto, pasar a formar parte dos orzamentos do vindeiro exercicio. 

Seis anos despois da posta en marcha deste programa, seguimos crendo firmemente nel, e non somos os únicos que o facemos. Os centos de veciños e veciñas que achegan as súas propostas de investimento, edición tras edición, demóstrannos que tamén o fan. A mellor proba disto son as cifras de participación acadadas na última edición, a de 2020. Nun ano marcado pola pandemia da covid-19 e no que non puidemos colocar un posto nas feiras e levar a cabo outras accións de promoción, os veciños e veciñas continuaron involucrándose no proceso participativo, facéndonos chegar as súas propostas e votando pola súa opción favorita na última das fases do Decidámolo Xuntos.

Foron máis de catrocentas as persoas que se sumaron á última edición e foron, precisamente, as súas ideas que nos trasladaron en 2020 as que se incluíron, de feito, dentro dos orzamentos do presente exercicio. Grazas a eses catrocentos veciños e veciñas, contamos xa cunha nova pista de calistenia, a segunda do termo municipal. Grazas tamén a eles, o parque da Igrexa e o do Barco, dous dos máis empregados, locen unha imaxe completamente renovada. E moi pronto, a súa implicación fará realidade o novo asfaltado do campo de fútbol do Brexo-Lema e a creación dun teatro na antiga piscina do Temple. Estas foron as iniciativas veciñais que gañaron a pasada edición, pero non son, nin moito menos, as únicas que se levarán a cabo. Agora que sabemos cales son as necesidades, non podemos facer máis que intentar cumprilas. 

Encaramos a nova edición do Decidámolo Xuntos coa ilusión e as ganas do primeiro día e mantendo a esencia deste programa intacta: seguir mellorando e incrementando os servizos para os nosos veciños e veciñas e, en definitiva, continuar construíndo, entre todos e todas, un Cambre mellor. Axúdasnos?

María Pan Lesta
María Pan Lesta
María Pan Lesta, concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos do Concello de Cambre. Nada na Coruna no 1975. Na actualidade veciña da parroquia de Cambre, lugar de Meixigo.