Francisco Jorquera, voceiro do BNG da Coruña ante o palacio de María Pita.
Ofrecido por:
Francisco Jorquera: "O goberno da Coruña preocúpase máis por facer grandes anuncios que por cuestións básicas"
O voceiro do BNG na Coruña non será o candidato do partido nas próximas eleccións municipais nun momento político no que ve necesario un relevo no seu grupo municipal
Máis información: Francisco Jorquera no será el candidato del BNG de A Coruña en 2027: "A política non a vou deixar"
Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) define o seu modo de traballar na procura de "ser honesto e riguroso" facendo unha política "en positivo" sen esquecer a representación da cidadanía. Tras anunciar a semana pasada que non será o candidato polo BNG á alcaldía da Coruña nas vindeiras eleccións municipais, os seus rivais políticos coincidiron en destacar del a súa forma de traballar lonxe do ruido e con coherencia, tal e como o definiron a alcaldesa Inés Rey e o voceiro popular Miguel Lorenzo.
Nun momento de crispación política que chega ao local Jorquera, quen antes de cumprir os 18 anos xa daba os seus primeiros pasos na política por "compromiso coa sociedade e por sentimento de país" e pasou polo Senado, o Congreso e o Parlamento galego antes do Concello da Coruña, marchará do BNG coruñés para dar paso a unha renovación "necesaria".
Falamos co aínda voceiro nacionalista a tan só uns días de coñecer quen será a persoa que o sustitúa para liderar o proxecto do BNG para a cidade da Coruña.
Anunciou que deixa a primeira liña da política despois de toda unha vida dedicada a ela. Que sinte?
Alivio. Foi unha decisión moi meditada, moi reflexionada e tomada hai tempo, outra cousa e que agardase a este momento para facela pública. Tamén síntome enormemente agradecido a moitas persoas que me transmitiron o seu respecto e o seu afecto. Estou profundamente agradecido.
Cando tomou a decisión?
Despois das pasadas eleccións municipais xa lle andaba dando voltas. Aínda que vou seguir sendo militante nacionalista e vou seguir cooperando co BNG que se moi solicite, hai outros aspectos da miña vida aos que lles quero prestar máis atención e dedicación. En segundo lugar, a política tamén provoca desgaste. Creo que o que podía aportar á política local e ao BNG xa o aportei. Hai que saber pechar etapas e creo que A Coruña necesita persoas xóvenes, sobradamente preparadas, con ganas, con ilusión e con forza para darlle o impulso que necesita. O BNG as ten e é o momento de que esas persoas asuman maior protagonismo.
A Coruña necesita persoas xóvenes, sobradamente preparadas, con ganas, con ilusión e con forza para darlle o impulso que necesita
Leva toda a vida vinculado á política. Como recorda eses primeiros anos?
Se entrei a militar en política foi por compromiso coa sociedade e por sentimento de país. A primeira organización na que militei foi unha organización estudiantil, Erga, que aínda era ilegal e eu non cumprira os 18 anos. Nunca concebín a política como unha carreira. Se me din que ía ser senador, deputado no Congreso, deputado no Parlamento galego e concelleiro na Coruña, non o creería. Entrei a militar porque creo que a política é unha ferramenta imprecindible para transformar as cousas.
Participou tamén no acto de fundación do BNG.
Si, pero a min nunca me gustou atribuirme medallas que non me corresponden. Cando se fundou o BNG acababa de cumprir 21 anos. Fun unha das 900 persoas que estiveron presentes naquela asemblea fundacional que tivo lugar no frontón de Riazor, aquí na Coruña.
Como recorda ese momento?
Foi un momento de ilusión pero tamén conflictivo. Cando se fundou o BNG eran anos difíciles para o nacionalismo galego. Sinceramente, creo que se a todos os que participamos se nos di que o nacionalismo galego ía acadar o nivel de apoio social que ten hoxe e a representación institucional e enraizamento social que ten, non o acreditaríamos. Os momentos duros que pasamos dounos por ben empregados porque hoxe en día o BNG é unha organización sólida, solvente e enraizada e vista por unha parte moi importante da sociedade galega como a esperanza da Galiza.
Francisco Jorquera, voceiro do BNG na Coruña.
A pouco máis dun ano das eleccións municipais, en que momento está a política local coruñesa?
Últimamente, por desgraza, creo que hai certa degradación do debate político. O que percibimos é que se está trasladando miméticamente aquí ao Concello a lameira na que desde fai bastante tempo se está convertindo a política española. Hai veces que o pleno do Concello é máis noticia por broncas, por descalificacións e por ruido, que por cuestións que realmente teñan que ver cos intereses dos cidadáns. Preocúpame esa evolución. O BNG pode ser moi duro e contundente nas críticas, pero sempre as fundamenta con argumentos, que poden ser compartidos ou non, como todo. O contraste entre proxectos políticos non pode acabar derivando en descalificacións persoais e insultos. Isto desprestixia a propia política, cando a política é insustituible. Eu pediría aos partidos que teñen esa deriva unha reflexión e rectificación.
Parece que a cidadanía mostra desafección e desinterese pola política. A que cre que se debe isto?
En parte por certas formas de facer política que provocan fastío. Un mal uso das redes sociais, que eu tamén teño, acaba no debate político. O buscar única e exclusivamente o que te permite reafirmarte nas ideas que a priori tes, en vez de buscar o contraste. Para ter unha opinión formada fonda é imprescindibel contrastar as cousas e non ter medo de escoitar outras opinións. Nas redes moitas veces o que máis impacto consegue é a descalificación rotunda. Por desgraza, estase trasladando tamén á esfera política e creo que é unha das razóns que está provocando esa degradación do ambiente político. A min me preocupa porque a antipolítica conduce a impoñer nada máis que unha política, que é o fascismo, ou se queremos matizar, o fascismo 4.0 adaptado ao século XXI. Eu me lembro de cando vivía Franco e o que fomentaba era o apoliticismo e o antipoliticismo, coma se o réxime franquista non fora político. O desprestixio da política a quen beneficia é aos máis demagogos, ás persoas que teñen menos escrúpulos, aos populistas. Trump é un bo exemplo, pero poderíamos poñer máis.
Nas redes moitas veces o que máis impacto consegue é a descalificación rotunda. Por desgraza, estase trasladando tamén á esfera política
Neste escenario, que pode facer o BNG?
Aportar algo distinto, como creo que xa está facendo e por iso creo que o BNG é percibido pola maioría da sociedade galega como a alternativa aos sen gobernos sucesivos do señor Feijóo e o señor Rueda ao frente da Xunta de Galiza. Creo que iso se pode trasladar ao goberno local, que ten debilidades evidentes. Buscar a alternativa no PP é confundirse, é o retorno ao pasado. Sería dar marcha atrás. Quen realmente pode ofrecer un horizonte de futuro ilusionante á cidade da Coruña é o BNG.
Cales son esas debilidades que ve no goberno local?
Demasiada preocupación por grandes anuncios e pouca preocupación para atender ás cuestións básicas. Cando falo cos veciños e veciñas, a maioría da xente non pide un novo palacio de congresos, pide que os parques estean ben coidados, que as beirarrúas e as calzadas estean en bo estado... Creo que moitas veces o goberno local centrou moitos esforzos en propostas propagandísticas que non teñen que ver coas necesidades reais dos cidadáns.
Como o Mundial?
O do Mundial 2030 non deixa de ser un exemplo. A alcaldesa, con todos os respetos, unha vez que A Coruña foi preseleccionada se vestiu coa camisola de Naranjito. Hoxe (polo luns), en cambio, dicía que o Mundial non pode ser unha hipoteca para a cidade. Eu me pregunto se esa reflexión non a puido facer no seu momento, porque o BNG precisamente o que criticaba era iso.
O goberno local ten debilidades evidentes. Buscar a alternativa no PP é confundirse, é o retorno ao pasado
Entre os motivos da súa marcha fala dunha renovación "necesaria" para o BNG. Por que agora?
As persoas non somos eternas e non debemos selo. O que podía aportar o aportei e agora, o lóxico, é que pase a ocupar outro lugar e que o protagonismo pase a recaer en persoas máis xóvenes e con máis ganas e ilusión, que ademais están sobradamente preparadas.
O nome de Avia Veira, que xa foi voceira municipal, está soando moito.
Pareceríame moi boa candidata, como me parecerían tamén moi bos candidatos os outros compañeiros do grupo e persoas que non están nel. Teño que ser moi respectuoso cos procedementos internos da organización. Somos unha organización democrática e a última palabra a teñen os afiliados do BNG na cidade da Coruña.
Volvendo á súa carreira, de que momento se sinte máis orgulloso?
É moi difícil. Pero nun momento, cando fun deputado no Congreso nos primeiros anos da segunda lexislatura de Zapatero, o BNG foi decisivo na negociación dos orzamentos xerais do Estado. O investimento do Estado en Galiza naqueles orzamentos segue marcando o máximo histórico.Tamén conseguimos que a maioría da Cámara reprobara ao goberno central por pretender invadir competencias autonómicas. E tamén me quedaría co manifestado por moita xente nestes días. Sentinme moi abrumado por todas as mostras de cariño.
E que lle quedou ou que lle queda por facer en política?
O que me queda, que é a miña máxima aspiración, é volver a ser militante de base. Sempre tomei as responsabilidades que me asignaron moi en serio e hai veces nas que unha persoa por equilibrio emocional o que necesita é sentirse liberado de responsabilidades. En política, a única aspiración que me queda é contribuir como un militante máis a que teñamos unha presidenta da Xunta de Galiza.