Chega o verán e con el, a invasión pacífica dos campamentos. En Galicia, e os que eu vexo, na contorna da Coruña, hai campamentos para todos os gustos: urbanos, rurais, de praia, de monte, de inglés, de ciencia, de robótica ou de manualidades. Algúns son tan completos que unha xa non sabe se está apuntando á crianza a un campamento ou a un máster acelerado en supervivencia infantil. Moitos contan con servizo de madrugadores (ese salvavidas para as familias), comedor, actividades estruturadas e ata camisetas iguais para que non se escape ningunha por erro. Son como pequenas expedicións organizadas, con líderes, normas e moita, moita enerxía.

As rúas da Coruña durante xullo e agosto están cheas de pequenos exércitos de cores: grupos de nenos e nenas con gorra, mochila e camiseta identificativa, camiñando en fila cara a un museo, un parque ou unha actividade misteriosa que só eles e elas entenden. Pero o que nunca falla é o deporte. Xogan, corren, saltan, fan circuitos, carreiras de sacos, fútbol, xogos de auga, obradoiros de baile... e todo cun entusiasmo que faría tremer calquera maratón. Non hai móbil, non hai pantalla, só amizades novas, moito movemento e merendas a media mañá que saben a gloria.

Os campamentos, ademais de ser espazos de lecer e conciliación, son unha ferramenta clave para inculcar hábitos de vida saudables desde a infancia. Grazas ao xogo e ao deporte, aprenden o valor do esforzo, da cooperación, do respecto ás normas e ás demais persoas. A actividade física convértese nunha rutina divertida, asociada á liberdade e ao verán, facendo máis fácil que se manteña no tempo. Estes espazos tamén favorecen a autoestima, a autonomía e a convivencia, converténdose nunha semente de valores que medra en cada carreira, en cada equipo, en cada sorriso suado baixo o sol.

En tempos de pantallas e rutinas aceleradas, os campamentos son unha illa de aire fresco. Un lugar onde a onfancia pode ser, simplemente, infancia. Onde aprender sen decatarse, onde cansarse con gusto e onde vivir un verán que, seguramente, lembrarán moito máis que calquera capítulo de YouTube. E as familias, mentres tanto, agradecen unhas horas de respiro sabendo que os seus pequenos e pequenas están en boas mans, acompañados por profesionais que lles achegan vivencias inesquecibles, fomentan o xogo activo e inculcan, a través de actividades divertidas, hábitos deportivos saudables. Que máis se pode pedir?