El Español
Treintayseis
Vivir
|
Música

Fillas de Cassandra: "Estamos desexosas de soltar as ideas que se cociñan xa nas nosas cabezas"

Sara Faro e María SOA falan dos comezos por separado e do recorrido xuntas no mundo da música, sendo "dúas persoas que verten todas as súas aprendizaxes con moita ilusión dentro dun mesmo proxecto que non pecha as portas a nada"
María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra.
Sabela Andrés
María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra.

Fillas de Cassandra gañou co primeiro LP, Acrópole, ser dúas caras ben visibles do panorama musical e tamén do movemento feminista en Galicia. A súa canción II. Lisístrata (Varre Vasoira), foi das primeiras en soar por todas partes na voz de mulleres e cativas que saían coas súas vasoiras para esconxurar os males, e é esta cantiga a nomeada agora nos Premios Academia da Música na categoría Mellor Canción en Galego/Bable.

Coa xira Últimas dionisíacas, están a encher salas de concertos, facendo cantar en galego a miles de persoas que berran con elas o lema ‘Todas son Cassandra’. E, entre viaxe e viaxe, e aínda dixerindo as últimas colaboracións tan agardadas con ZETAK e as Tanxugueiras, Sara Faro e María SOA actuaron este mércores 17 de abril nos premios MIN da Música Independente, onde estiveron nomeadas en catro categorías.

...Mais isto non é un traballo de onte pra acá. Sara e mais María cóntannos o camiño percorrido: 

Ola, Sara e María. Grazas polo voso prezado tempo! Antes de nada, contádenos como foi aquel primeiro concerto xuntas.

Para aquel primeiro concerto xa houbo unha proposición indecente de colaborar nun tema a medio compor. Foi a primeira vez que nos xuntabamos nun mesmo espazo e case que falabamos. Rematamos o tema nun plis e lanzámonos a tocalo no evento. O entendemento no musical e persoal foi instantáneo e penso que diso nos decatamos ambas e incluso a xente que estivo alí. Sempre lembraremos aquela muller que na proba de son preguntou ao escoitarnos en conxunto: e como se chama o grupo? Había xa algo que nos vencellaba.

Como vos definiriades e como combinastes as vosas personalidades e maneiras de crear? 

Por separado somos persoas contrastantemente diferentes nalgunhas cousas e asombrosamente iguais noutras. No ámbito artístico vimos de lugares diferentes. Por unha parte, Sara adentrouse dende pequena no mundo do tradi a través do grupo de pandereteiras do seu barrio, mentres que María comezou a tocar o piano coa súa nai dende moi temperá idade. Os mundos, sen sabelo, converxeron entre si, María estudando gaita polo camiño e Sara collendo a guitarra por primeira vez. Sara estuda teatro e María a carreira de música compaxinando coa ximnasia e coa danza. Todo se atopa en Fillas de Cassandra. Dúas persoas que verten todas estas aprendizaxes con moita ilusión dentro dun mesmo proxecto que non pecha as portas a nada. 

Fillas de Cassandra retratadas por Sabela Andrés.

Vós sodes agora un exemplo a seguir para moitas… Mais cales foron as vosas referentes? 

Sen dúbida en primeiro lugar as nosas nais e todo o que elas nos aportaron dende o seu agarimo. Dende pequenas admiramos referentes dos diferentes ámbitos artísticos como son Gloria Fuertes, o grupo musical Ella Baila Sola, pianistas como Martha Argerich ou artistas como Guadi Galego. Máis recentemente Maria Zambrano, Rosalía ou Jatia Buniatushvili. Todas elas, xunto con moitísimas máis, conforman un inesquecible legado que nos influencia dun xeito ou doutro.

O pasado 23 de marzo emitíase na canle da Televisión de Galicia a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, un acto sempre moi esperado do que este ano fostes as encargadas de poñer a banda sonora. Como foi a experiencia?

Acompañar á gala dos XXII Mestre Mateo foi algo moi especial que quedará sempre nas nosas lembranzas. Poder compartir coa xente tanto alí presente coma nas súas casas a través da TV a nosa música, foi unha oportunidade preciosa que Noemi Rodríguez puxo sobre nós (preparando ademais un espazo perfectamente inspirado na idea da Acrópole). Pero non so iso, compor e producir a banda sonora da gala a través de catro pequenas pezas que acompañarían ás recollidas dos premios, aos presentadores e demais, foi moi emocionante. Baixo o nome de Fillas de Cassandra era a primeira vez que o levabamos a cabo e estamos sumamente orgullosas do traballo, reflexado de forma anecdótica en todas as persoas que nos pediron que compartísemos estas cancións de xeito público. En definitiva, unha pasada.

A xira Últimas Dionisíacas deste voso primeiro LP Acrópole estavos a levar aos escenarios de moitos lugares. Tocastes hai pouco no Auditorio Mar de Vigo e na Sala Inn (A Coruña) facendo sold out, e quedan aínda por diante moitos concertos por Galicia, mais tamén en Barcelona, Madrid, Oviedo, Vilanova i la Geltrú... De feito, hai só uns días estabades en Barakaldo para tocar no Zeid Fest. Como está a ser esta xira? Como é ver a xente bailar ao ritmo dos temas que, imaxino, sentides tan dentro de vós? 

A xira sempre é un espazo de aprendizaxe e descubertas en moitos sentidos. Chegamos, logo do verán pasado, con algunhas certezas acerca do como queriamos configurar este novo espectáculo Últimas Dionisíacas, o que desexabamos vivir sobre o palco a nivel musical ou compartir coa xente de nós no persoal, xa con maior consciencia e medios para facelo. Así fomos configurando a equipa que nos acompaña e que é xa parte fundamental desta xira. Tamén afirmamos o que queriamos manter, a nosa forma de comunicarnos co público, de contar e vivir, co corazón por diante (a pesar de ser ambas dúas persoas que lle poñen moita razón a todo). Que os cantos que creamos resoen agora na voz e corpo de tantas persoas non deixará nunca de emocionarnos e facernos vibrar como aquelas primeiras veces porque sempre haberá espazos e caras novas que nos volvan a sorprender.

E lembrades agora o que vos pasaba pola cabeza a primeira vez en que subistes a un escenario xuntas? 

A primeira vez como tal foi o día en que compartimos a primeira canción, en metade dos dous concertos o día 21 de xullo nas xornadas feministas. Foi a conclusión dun día moi emocionante e a súa vez inspirador, contrastando cos homes das ventás que gritaban en contra da manifestación e que calásemos xa. A seguinte vez, que podería ser a primeira xa como Fillas e co proxecto montado foi no Auditorio do Concello de Vigo, no 25N presentando xa algunhas das cancións que se finalizaran nesa mesma semana ou nesa mesma mañá. Chamáronnos sen ter practicamente nada composto, como unha aposta por nós e polas nosas líricas e músicas. Foi impresionante sentirnos enriba dun escenario xuntas compartindo algo que xa para nós era como un secreto inigualable que tiñamos ganas de contar a voces.

María, ti que es filla de nai pianista, digamos, dunha maneira romántica, que a música a levas no sangue. Que supón para ti dedicarte profesionalmente a isto? 

Efectivamente, dende pequena escoitaba tocar a miña nai mentres eu bailaba por toda a casa, ao meu pai dirixir orquestras imaxinarias diante de min e cantar a voces os tres as cancións no coche. Todo isto fixo que fora eu quen comezase a cantar e pedise ir ao conservatorio para tocar o piano. Sempre formou parte de min e non concibín o futuro de ningún outro xeito, tanto no ámbito clásico como noutros estilos (como agora experimento con Fillas). Ter chegado ao punto de poder tocar nalgúns espazos con pianos de cola, cantar as cancións con tanta xente cantando comigo e que todo isto me de para vivir tranquilamente é un soño palpable polo que traballei sempre e no que puxen ilusión e ganas, coa confianza de que ía ser así.

E para ti, Sara, a música acompáñate dende nena ou achegácheste a ela na mocidade? Ademais, fas teatro e escribes... Como se complementan entre si estas disciplinas artísticas? 

Achegueime á música dunha forma case inconsciente sen saber todo o que viría despois. Foi a miña nai a que, mal que puiden coller unha pandeireta na man, apuntoume xunto coa miña irmá ao grupo de pandereteiras do meu barrio. Ese foi o primeiro contacto, pero logo non deixou de acompañarme das máis diversas formas, fora de forma autodidacta, aprendendo a tocar a guitarra e compondo as miñas primeiras letras, ou acudindo a aulas.

A miña fascinación polo teatro vén da súa natureza integradora de todas as disciplinas artísticas e non artísticas. Todos os meus intereses viñan a confluír alí ao ser, en certa forma, unha representación do mundo. Tamén a palabra tiña moito que dicir, mensaxe e música sempre foran para min indisociábeis. Ás veces din que Fillas somos un pouco storytellers, contar historias estivo dende os albores presente nas nosas composicións.

Fillas de Cassandra nunha imaxe de Sabela Andrés.

O teatro é unha disciplina que en Occidente ten o seu nacemento na Grecia Antiga... Que vos din os versos Son deusa e son Casandra, violada por un deus e non crida

Pois que non nos van dicir! Foi neses versos de Alejandro Céspedes en Las caricias del fuego onde apareceu, como unha revelación para nós, a palabra Cassandra, con todo o que esta traía da man consigo. A súa historia falounos tan de preto, díxonos e explicounos tantas cousas sobre o que sentiamos como mulleres deste tempo en moitas ocasións, que ao unir o concepto de Fillas (que viña da importancia que atribuímos ás antergas), demos coa chave do grupo.

En Acrópole visitades os mitos gregos para reinterpretalos e re-entendelos, mostrando con música os paralelismos entre os días de hoxe e tempos pasados que semellan, por veces, non quedar tan lonxe. De onde xurdiu a idea de configuralo desta maneira?

Todo comezou con Cassandra, coa forma en que resoaba en nós a súa historia e na realidade de todas as mulleres, eternamente cuestionadas. Iluminóusenos un día no que comezamos a tirar do fío pola curiosidade e a certeza de que noutros mitos atoparíamos historias semellantes ás nosas vivencias. E así foi. Seguimos unha a unha sacándoas todas e era impresionante, tería dado para tres discos máis. Eliximos aquelas que nos inspiraban para contar algo máis explícito noso e que traspasase algunha historia persoal. Así se conformou Acrópole.

"Comezamos a tirar do fío pola curiosidade e a certeza de que noutros mitos atoparíamos historias semellantes ás nosas vivencias"

Fillas de Cassandra

I. Antígona, Da voz de Lisístrata, II. Lisístrata, III. Pandora, IV. Eco, V. As Moiras, VI. Dafne e Syrinx, Da voz de Cassandra, VII. Cassandra, VIII. Acrópole... E logo, Tataravoa, Tola, Punheta ou Quen é a que canta? Ben, de todos —e agardo non deixar algún atrás— , cal é o tema que máis vos emociona e que non poderedes esquecer nunca? 

María: María: Buf... Realmente é complicado nin sequera intentar esquecer algún deles. VIII. Acrópole non forma parte da xira das Últimas Dionisíacas e vótoa de menos en cada concerto. É unha canción que une todo o disco e que pon fin ás composicións, xa que se fixo o último día no mesmo estudo de gravación. Escoitar o piano soando en tantos espazos o ano pasado era para min tan emocionante que as veces me costaba entrar coa voz medio rota uns compases máis tardes. Se tivera que dicir algunha neste momento, sería esa se dúbida.

Sara: Quizais sexa Antígona pola fascinación que me esperta o directa e concisa que é: non precisa máis de tres versos para aunar o sentido último do álbum. Se tivera que dicir algunha neste momento, sería esa se dúbida.

Hai nadiña que sacastes Quen é a que canta?, unha colaboración esperadísima coas Tanxugueiras. Como foi esa experiencia? 

Tiña que pasar e pasou. Foi moi bonito compartir con elas todo o proceso compositivo dende o comezo, reunidas as cinco nunha habitación falando do concepto e as harmonías. Estrear a canción no seu fin de Xira Último Diluvio e no comezo da nosa, Últimas Dionisíacas, foi realmente o que culminou a experiencia. 

E repetiredes?

Non dubido en que volveremos a cadrar en futuras ocasións.

Diciades ao comezo da entrevista que non pechades as portas a nada e, realmente, semella que o voso é experimentar. Que diferencia de estilos se atopan na vosa música? Sentar a escribir e dar forma a cada canción ata ter un disco cunha narrativa ben fiada como a de Acrópole... Como é o proceso de crear xuntas? Facedes moito uso da intuición á hora de escribir e compoñer ou é algo máis racional? 

É habitual que se busque fixar a nosa esencia compositiva nun dos estilos que poden converxer nas nosas cancións, pero o certo é que os puntos de partida creativos son do máis diverso e é precisamente un resultado das diferentes influencias que temos: para nós pode ser igual de inspirador o contrapunto das voces no barroco, os ritmos case tribais das pandereteiras, un verso dun poema que se te crava e unha discusión con algún tío que non che deixa bailar en paz na discoteca. Os incidentes incitadores son do máis diverso, como son as músicas que dende aí medran.

Unha melodía pode xurdir na espera dun tren que se retrasa, uns acordes ao piano, nos cinco minutos de descanso entre aulas nunha longa tarde de luns e algunha que outra frase, tratando de aparcar o coche. Non hai un lugar concreto, as ideas asáltannos e nós, deixámonos levar. Ás veces estamos xuntas nun mesmo cuarto ou furgoneta, dando voltas e pensado, e ás veces enviamos audios que poden resultar inspiradores para a outra e imos tirando do fío. Tanto isto, como compor os vídeos musicais é un proceso moi divertido no que podemos explotar todas as inquedanzas artísticas que temos.

"‘Para nós pode ser  igual de inspirador o contrapunto das voces no barroco, os ritmos case tribais das pandereteiras, un verso dun poema que se te crava e unha discusión con algún tío que non che deixa bailar en paz na discoteca"

Fillas de Cassandra

E o proceso de despois? As gravacións no estudo, pensar e rodar os vídeos musicais...? Como é? 

O proceso de gravación dos temas e dos videoclips segue sendo igual de divertido, quizais algo máis custoso no sentido de levar a cabo toda a produción e sentilo todo no seu sitio, somos bastante esixentes á par que o deixamos todo pola emoción. Con isto queremos dicir, algunhas veces se sae ben a primeira toma dunha voz, quédase e non se gravan máis, e por outra, se sentimos que hai algo que non acaba de chegar a nós, grávase as veces que faga falta e próbanse cousas diferentes ata dicir, esa é. Compaxinando isto con saber ceder e renderse nalgúns casos cando, claramente, se nos vai a olla xa.

Séntese a presión?

Imaxino que sentimos a presión cada vez máis porque sabemos a repercusión que ten, pero realmente cando hai algo que nos gusta e nos inspira, facémolo sen pensar en nada, sacando o resultado porque, se nos gusta a nós, é razón de peso para ir para adiante con iso.

Como foi ata o de agora facerse un oco na música, nos escenarios e na boca da xente? E como é, baixo a vosa experiencia, a parte que non se ve deste mundo? 

É surrealista, aínda a día de hoxe, para nós. Sentir que estamos aí, formando parte da música galega do noso tempo e compartindo co que xa son amizades este momento. Saír a un concerto e ver as caras das persoas que cantan con nós as cancións é o máis impresionante que nos pasou nunca e estamos realmente agradecidas polo apoio e tremendamente orgullosas do noso traballo. 

Esa parte que non se ve dentro da industria as veces é algo máis complicada. Atópaste con situacións nas que hai que lidar e das que sen dúbida aprendemos moito. Temos a sorte de contar cunha equipa que nos apoia e concretamente con Manuel (de Tremendo Audiovisual), que nos aconsella respectando as nosas decisións. En definitiva, Cassandra podería dar boa conta do que acontece dentro da industria.

"Saír a un concerto e ver as caras das persoas que cantan con nós as cancións é o máis impresionante que nos pasou nunca e estamos realmente agradecidas polo apoio e tremendamente orgullosas do noso traballo"

Fillas de Cassandra

Hai unha vaca que leva o voso nome. Penso que foi María quen dixo nunha entrevista que é moi chulo que alguén na súa casa pensara en vós ao nomeala súa vaquiña. Pode semellar pouca cousa despois de todo o que nos contastes, pero a min deixoume marabillada. Iso faime pensar no agarimo que debedes recibir da xente que vos escoita. Como se leva e como se sente?

Realmente, é para nós moi emocionante percibir o tempo e as ganas que xente adica ao proxecto e incluso, a Sara e María como persoas. Recibimos moitísimas mostras de agarimo. O máis importante para nós é o tempo que a xente inverte en vir, concerto tras concerto, quilómetro a quilómetro, para cantar con nós. Ademais, non deixan de sorprendernos todos os agasallos que nos brindan: as cartas, debuxos, doces, libros, fotografías e ata tatuaxes, o nome a unha vaca (á que lle debemos aínda unha visita) e á vez en que viñeron dúas rapazas cuns traxes cuspidiños aos nosos que coseran nas súas casas!

Como é o 'Continuará' das 'Fillas de Cassandra'? 

Pois de novo é Cassandra a que vaticina o futuro, nós como fillas aínda estamos a aprender as dotes. Polo momento, coa mesma ilusión de poder crear cousas que non existen no "agora" e co traballo constante que nos permite ter máis ferramentas. Desexosas de soltar as ideas que se cociñan xa nas nosas cabezas.

E desexosas tamén nós dese futuro que xa resoa coas vosas voces... Graciñas e sorte no camiño.

Próximas datas Últimas Dionisíacas

Sica Romero
Sica Romero
InstagramLinkedIn
Escritora e Historiadora del Arte especializada en el ámbito de la docencia y la museística, le fue otorgado el premio literario Arcebispo Juan de San Clemente por Avelaíñas Eléctricas, su primera obra de narrativa. Colabora en medios de comunicación de prensa escrita y radio. En los diarios Quincemil y Treintayseis publica cada domingo un artículo de divulgación cultural.
Vivir