Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, no seu despacho durante a entrevista a Quincemil.

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, no seu despacho durante a entrevista a Quincemil. Enrique Romanos Tardío

Ofrecido por:

A Coruña

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros (A Coruña): "Se non fora pola situación do país, poñería a outra persoa no meu sitio"

40 anos despois de acceder por primeira vez á alcaldía, García Seoane fala da súa carreira política, os seus ideais e o seu futuro no Concello

Máis noticias: Oleiros (A Coruña) aprueba el presupuesto para 2026 con más gasto en servicios básicos

Publicada

En 1985, Ángel García Seoane (Perillo, 1951) accedía por primeira vez á alcaldía de Oleiros. Agora, o seu despacho do Concello é testemuña destes 40 anos en política, con obxectos como un documento que o acredita como Fillo Adoptivo da Habana, un libro de Raúl Castro colocado sobre o escritorio no que só senta "para asinar" ou unha fotografía xunto á guatemalteca Rigoberta Menchú, a quen apoiou durante a súa candidatura ao Nobel.

Con máis de catro décadas de experiencia ás súas costas, en Quincemil falamos co rexedor, coñecido popularmente como 'Gelo', para repasar a súa carreira política, as súas posturas máis aló do límite municipal e tamén do seu futuro no Concello e a súa sucesión.

Este ano cúmprense 40 anos desde a primeira vez que foi nomeado alcalde. Como o recorda?

De mandato son 46 anos, porque o grupo que constituín de Alternativa dos Veciños se presenta en 1979 e temos o goberno desde o 79. Alcalde si desde o 1985, pero de carambola. Os do PSOE traicionaron o partido e presentaron unha moción contra o seu alcalde, este dimite e hai unha votación coa que saio elixido. E desde aquel entón.

Como foron os seus inicios na política?

Son político desde neno porque a situación que se vivía naquelas épocas... Hoxe se queixa a xente, pero si que había que queixarse entón. Non había nada de nada nin futuro ningún. Eu quería ser músico, contra a vontade da miña nai, e grazas á música tiven unha independencia total. Levaba o tema político nas venas e aproveitei esa independencia para ser independente sempre.

A experiencia como músico axudouno na política?

Deume independencia e cartos, porque tiven sorte de estar nunha orquestra moi boa, Os Trovadores. A partir de aí me foi moi ben na vida. Podía ser eu mesmo.

"O que está vivindo agora o presidente do Goberno, con eses bulos... Todo iso eu o sufrín. Hoxe aínda estou sendo perseguido"

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños

En tantos anos viviría momentos complicados. Cales foron?

Houbo momentos terroríficos. O que está vivindo agora o presidente do Goberno, con eses bulos... Todo iso eu sufrino. Sufrín persecución por erradicar as casas de citas ou as barras americanas. Levamos unha política urbanística moi seria pero non sentaba ben á xente e traía problemas tremendos cos poderes económicos. Foi unha persecución constante ata hoxe. Hoxe aínda estou sendo perseguido. A veces os políticos que non gañan as eleccións lévanme aos tribunais para ver se conseguen que se repita a operación de Santa Cristina.

Precisamente polo de Santa Cristina chegou a estar inhabilitado seis anos. Como foi esa etapa?

O de Santa Cristina foi vergoñoso. Eu defendín a praia do meu pobo, de Perillo. Había unha caseta que tirou unhas pedras por diante na praia mesmo e eu ordeno sacar aquelas pedras. Non as sacan, as saco eu e me sacan de alcalde por limpar a praia de Santa Cristina. Foi unha persecución en toda regra. Desas houbo moitas. Tiven 18 querellas criminais.

E tamén por unha demolición produciuse o caso da Casa Carnicero.

Iso é pecata minuta en relación co que me aconteceu nos anos anteriores. Foi unha demolición dunhas ruinas que poñían en perigo a vida das persoas que transitaban pola Nacional VI. Como alcalde tiña atribucións para facelo. Son un gran defensor do patrimonio e o único alcalde de España que levou a cabo a recuperación de 27 edificios singulares que eran de propiedade privada.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil. Enrique Romanos Tardío

Foi difícil tomar esa decisión de demoler a Casa Carnicero?

Antes estaba o perigo ás persoas pola ruina. Ese día había temporal e o día anterior caera un muro pola parte de atrás. Se caia por diante aplastaba un coche e sería unha festa para aqueles que me odian tanto. Houbo outras querellas. A máis denigrante que tiven, a gañei tras seis anos procesándome como delincuente por presuntamente ter fincas ilegais e cobrar diñeiro ilegal. Nada diso puido demostrar a xuiza nin quen denunciaron. Non puideron conmigo porque non son un delincuente.

Que queda destas malas experiencias?

Déronme moita forza. Cando me acusan de cousas que non fago, non afundo. E era para facelo. Non puideron conmigo porque non había delincuencia.

Como se sobrepón un?

Teño moito amor propio. Estou casado e non quería casar porque non quería ataduras. Quería loitar polo que cría fora como fora. Agora estou felizmente casado cunha familia marabillosa, pero naquel momento de forza xuvenil non quería ataduras. Importábame pouco morrer. Loitar si. Prefiro morrer dun disparo por loitar por eses ideais que dun accidente de coche.

É iso do que máis orgulloso se sinte?

Si.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil. Enrique Romanos Tardío

Neste municipio, o que ten as rentas máis altas de Galicia, as súas políticas sempre tiveron apoio. É un paradoxo que saira elixido alcalde?

Somos o municipio máis importante de Galicia en equipamentos e servizos. Temos máis que ningún concello de Galicia. A renta per cápita é outra cousa. Moita xente adiñeirada co tempo viu que Oleiros era o mellor sitio para vivir porque fixemos un paraíso. Hai moito rico en Oleiros? Si. Hai riquezas grandes pero tamén por profesións liberais.

Xa que falamos de vivenda, pensa pedir a declaración de zona tensionada?

De política de vivenda levan anos falando e non fixeron ningunha nin o goberno de Madrid nin o da Xunta. Non hai política de vivenda para as familias con menos recursos. En Santa Cruz ou Perillo non atopas un piso pequeno por menos de 350.000 euros. Nós estamos facendo promoción de vivendas desde o Concello e hai tres cooperativas que empezan agora as obras e venden a 215.000 euros, porque nós lles vendimos o terreo barato. Política de vivenda? Que veñan aprender de nós.

Estudará entón a declaración?

Non. Nós o que facemos é construir. Non somos un municipio masificado, así que non temos ese problema. Pero imos revisar o plan para que non se constrúa en zonas onde estaría erosionando a calidade de vida e o patrimonio.

"Que parte dos mozos, varóns principalmente, voten a un determinado partido vén dado por políticas erróneas de ministras que gobernan España. Os mozos ante as políticas de 'sí es sí', 'no es no', están cabreados"

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños

Outro aspecto da vivenda está nos pisos turísticos. Que políticas ten neste sentido?

Non sabía que neste país había pisos turísticos. Como nin o goberno de Madrid nin o de Santiago fixeron vivendas e aumentou o turismo, os pisos que se alquilaban a familias e estudantes se poñen ao servizo do turismo. Pero un piso non é un hotel, non hai lei que o ampare. Toda esa política de pisos turísticos é mentira e un fraude tremendo e consentido porque só importan os votos e non cabrear aos que cobran. Mentres, as persoas traballadoras que o necesitan viven a veces en currunchos e chabolas como pasa en Baleares ou Canarias. É tremendo o que está pasando.

Falando do que pasa noutros lugares, o seu goberno sempre tivo moita vocación de cooperación internacional. Por que?

Eu son político e non me avergonza ser político. O que é unha vergonza é canta xente se mete na política e a degrada. Eu sempre tiven ideais e defendín a xustiza e que todas as persoas poidan acceder aos seus dereitos. Non é agora Netanyahu. Levamos toda a vida cooperando con Nicaragua, con Cuba, con Guatemala cando acompañei a Rigoberta Menchú na súa campaña polo Nobel, co Sáhara e os países de África. Hai pouco mandamos tres contenedores de material á república de Cuba.

Na política nacional e internacional parece que hai unha tendencia cara a dereita entre a xente moza. Que supón para partidos coma o seu?

Esta fiebre de que parte dos mozos, varóns principalmente, voten a un determinado partido vén dado por políticas erróneas de ministras que gobernan España. Unha ministra non pode dicir "Nosotras vamos a hacer". Ten que dicir "vamos a mejorar el trabajo para hombres y mujeres". Falo tanto da compañeira do Coletas como a ministra de Ferrol. Eu son feminista desde que nacín. En Comisiones Obreras houbo sempre mulleres que daban o callo todos os días polos dereitos da muller. Veñen agora descubrir América? Non. Xa a descubriu Colón.

"Vox é o PP. Mentres existiu don Manuel Fraga Iribarne o PP era un solo. Agora son dous"

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños

Os mozos ante as políticas de "sí es sí", "no es no", están cabreados. Cando os cabreas se volven radicales pero hai que recordarlles a España que houbo na Guerra Civil e as miles de almas que morreron por loitar por ese dereitos que eles teñen. O mal, para min, está nas ministras estas de feminismo extraviado. Eu teño aquí no goberno a oito mulleres e cinco homes. Que non me veñan dar clases de feminismo.

Vincula entón esta última onda feminista coa radicalización dos homes mozos?

A radicalización da que falas vén por erros tremendos de personas cunha televisión ao seu servizo e que mandan mensaxes que levan aos mozos a facer iso.

Terá que ver tamén a creación de partidos de ultradereita como Vox?

Vox é o PP. Mentres existiu don Manuel Fraga Iribarne o PP era un solo. Agora son dous. Pero era o PP todo, non é que se crearan novos partidos. O novo partido creouno o chiquilicuatre aquel de Ciudadanos que aparece e ca mesma desaparece. Non hai contido. Hai populismo e falta de proxectos políticos.

Volvendo a Oleiros, como evolucionou o municipio?

Cando chegamos non había auga, nin sumidoiros nin estradas, só dous do Estado e pistas rurais. Agora hai 1.300 rúas e 442 kilómetros de rede de sumidoiros e case 500 de auga e alumeado. Temos equipamentos únicos como polideportivos por todas as esquinas. Por que temos tres campións do mundo? Porque puxemos a infraestrutura, aínda que o mérito é deles. A miña obsesión é que a xente moza teña onde reunirse e temos casas de préstamo para que fagan festas. Esa é a diferencia de Oleiros.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, durante a entrevista con Quincemil. Enrique Romanos Tardío

Parte das infraestruturas son compartidas coa comarca. Como é a relación entre municipios?

Non é mala pero tampouco marabillosa. Hai algún concello con serios problemas de agua e nós somos cooperantes e puxemos unha parcela para que a Xunta faga unha estación de bombeo e levar a auga desde A Telva ata Bergondo e distribuila a Sada, Oleiros e Cambre. O servizo de basuras no seu día o crea Oleiros e Culleredo e hoxe hai 8 concellos. O meu sempre foi socializar.

O transporte na comarca é unha tarefa pendente?

É unha vergoña que non depende dos municipios, depende da Xunta. Non se entende como unha comarca como a da Coruña, a máis importante xunto con Vigo, non teña un servizo de transporte digno que invite a deixar o coche na casa. Un transporte de hora en hora non funciona. Ten que ser fluido e constante nunha comarca como a nosa.

Crearase a Comisión de Transporte?

Hai que loitar por creala. Esa política da Xunta de apoiar ás empresas que ten contratadas a min non me vale.

En que quedou o proxecto de unir Oleiros e A Coruña cun barco eléctrico?

O do barco non funciona porque non vale para todo o ano. Desde ponte da Pasaxe a María Pita hai 5 kilómetros. Non ten sentido. O que hai que ter é boas estradas e servizos de transporte. Igual que cando falan do tren de cercanías. O bus que pasa polo Burgo funciona de marabilla. Que hai que poñer máis? Poñan máis. Cando chegan eleccións todo o mundo fala do tren de cercanías, do que non farían cando gobernaran.

Aquí seguen gobernando e, para o ano, cos orzamentos máis altos da historia do municipio.

Sube un 9% e pasa a case 53 millóns de euros con todas as infraestruturas que hai que mellorar e crear. Subimos as tasas e os impostos porque o IPC sube cada ano e, se non o subes, os servizos custan máis e non garantes a calidade do servizo.

Que partida destaca máis?

A que destaca coma sempre é a de obras públicas, que está en 19 millóns de euros. Pero tamén é importante a de 14 millóns de euros de mantemento de todo o que creamos coma os parques. Temos máis que toda a comarca da Coruña.

"Como lle chamas a alguén que asalta un goberno? Golpista. Tejero que fixo? Era un golpista. Non conseguiu o golpe pero estes (os de Carral) si"

Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños

Unha das obras é a do multiusos. Como avanza?

Nestas datas do ano que vén se inaugurará.

Noutros municipios da provincia onde tamén gobernaba Alternativa perdeuse por mocións. Que valoración fai como presidente do partido?

O de Carral é unha sinvergüencería. Tiñamos un goberno único de Alternativa e tres golpistas nos traicionan e lle dan o voto ao PP. Iso non debería estar permitido. Non o estaba; é unha sentencia recente do Tribunal Supremo. Todas estas mocións aparecen a raíz desta sentencia. É unha vergoña que se rompa a vontade do pobo, porque Carral votou por Javier Gestal. É miserento. En Fisterra nos traiciona outro... Non hai máis que traicioneiros. Está Galicia chea. A algúns os compran e a xente se vende. Ao mellor hai que saber elixir mellor os candidatos cando fas a lista.

En Carral houbo críticas a Alternativa por como se falou dos exconcelleiros...

Golpistas, golpistas.

Que opina das críticas que se fixeron polas formas do partido?

As formas? Como lle chamas a alguén que asalta un goberno? Golpista. Tejero que fixo? Era un golpista. Non conseguiu o golpe pero estes si. Cada un pode pensar o que lle dea a gana. Tracioneros. Porque cando estaban con nós falaban pestes de Mouriño e compañía. Despois se venderon porque hai unha persoa que quere ser alcaldesa e quedou na sombra, pero xa faremos que se sepa quen foi a artífice desa moción.

En que momento está o partido?

O partido non ten problema ningún. Hai que restituir onde se perdeu presenza. Estamos presentes en Culleredo, en Bergondo, en Cambre, estábamos en Arteixo, que tamén nos traizoou unha persoa filla de quen fixo a traizón en Fisterra. Na Coruña temos presencia porque nos votaron 3.000 cidadáns, aínda que non temos concelleiro. Algúns non o queren ver, pero algún día teremos concelleiro na Coruña.

Pasado o ecuador desta lexislatura, que valoración fai?

É unha lexislatura como outras positivas. Ter a maioría nos da tranquilidade para facer o que queremos levar adiante. Cada catro anos te sacan se non vales, pero o que non pode ser é cambiar así as corporacións por chantaxes ou vendettas.

E como presidente de Alternativa?

Unha valoración moi positiva. Cumprimos todo o que dixemos aos veciños. Oleiros se consagra como municipio de calidade. Queda moito por facer como a rotonda de Montrove, a ponte da Pasaxe ou a vía Ártabra. Hai que loitar para que os veciños da comarca teñan mellores desprazamentos. En Cambre, os do Bloque votan en contra da Vía Ártabra. Vaia política nacionalista, nazionalista, votar contra unha estrada que vai mellora a vida da comarca.

Pensa xa nas municipais do 2027?

Eu ao outro día das eleccións xa estou pensando nas próximas. É a clave do éxito.

Vaise presentar?

Si.

Na última entrevista a Quincemil valoraba non facelo. Que cambiou?

A degradación da política en España é moi grande e vou velar porque aquí non pase o que acontece por desinformación e malas políticas. Sei que me aprecia un sector moi grande da xente. Voume presentar novamente pedindo esa confianza para levar adiante a Oleiros e pensando no futuro e en que persoas me poiden substituír.

Ten pensado quen o vai substituír?

Si, o tes aí atrás (sinala, aludindo a Pablo Cibeira, concelleiro de Mobilidade, Comunicación e Novas Tecnoloxías que o acompaña nesta entrevista).

Vostede é máis que o partido en Oleiros. Está preparando xa o terreo para el?

Se non fora por iso que acabamos de comentar, a situación do país tan degradada, estaría xa poñendo a outra persoa no meu sitio.

Que desexo lle queda por cumprir?

Desexos moitos. Consagrar Oleiros como un municipio distinto de España. Facemos unha política que non ten nada que ver con outros partidos. Non somos agresivos con quen non pensa coma nós.