Hoxe, coa celebración do Día de Galicia, é unha boa data para repensar a nosa terra. Obviamente, todo comeza por botar unha ollada ao pasado e ser conscientes das nosas fortalezas, tamén das nosa eivas; por decatarnos do irrelevante papel que fóra das nosas fronteiras xogamos durante séculos, aínda tendo tanto que ofrecer.
Por suposto, é preciso ter en conta que vivimos unha longuísima noite de pedra, afastados de Europa, da modernización e do progreso; e que, en prol dunha uniformación, sufriu un dos nosos tesouros, que é a lingua galega. Sufrimos en primeira liña o centralismo estatal. Foron tempos duros para as liberdades individuais e colectivas, para a cultura, para a ciencia e para a tecnoloxía. Presos dun "que inventen eles", semellaba imposible que algún día puidésemos mirar de ti a ti os outros países europeos que envexabamos. Tan libres, tan inmersos no coñecemento, tan heteroxéneos, tan orgullosos das súas culturas…
Pero, afortunadamente, todo cambiou. A chegada da democracia trouxo, nun proceso impensable cando viviamos baixo a ditadura, dúas novidades que fixeron espertar e poñernos á altura que Galicia merece. A primeira, contamos cunha constitución que consagrou o Estado das autonomías. Un estado case federal (quizais pague a pena avanzar un pouco máis nesa liña, promovendo a corresponsabilidade entre territorios e o goberno estatal) que significou, dun xeito decidido, diminuír o centralismo do Estado.
A segunda grande achega para o noso progreso veu da entrada na Unión Europea. Europa foi xenerosa e as contribucións dos nosos socios foron fundamentais para que conseguísemos poñernos, con velocidade de cruceiro, á altura requirida en moitos eidos.
Tamén houbo, por suposto, moitas persoas boas e xenerosas, que se puxeron, con alteza de miras e con mirada longa, mans á obra para que a nosa terra sexa agora un lugar mellor. Se comparamos a Galicia da emigración, na que moitas persoas tiveron que marchar para buscar un futuro para as súas familias e esta na que somos terra de acollida, moitas cousas melloraron.
Un bo exemplo dos cambios vese na universidade galega. Ao final da ditadura, tiñamos unha universidade única que non se podía comparar en absoluto coas universidades europeas. Non quero lembrar o funcionamento das coberturas de prazas, a falta de investigación ou que os universitarios e universitarias estivesen de costas á sociedade.
Pero houbo un grupo importante de persoas dentro da Universidade de Santiago de Compostela que apostaron por converter unha universidade "de provincias" nun faro de sabedoría, nunha universidade xeradora de coñecemento, nun elemento fundamental para a mellora e o progreso social. Hai que dicir que o conseguiron, a base de recoñecer o mérito e a capacidade, de traballar arreo e de manter liñas claras de desenvolvemento institucional.
Pero ademais, aquelas persoas, aliñadas cos representantes políticos do arco parlamentario, foron quen de visibilizar unha sociedade galega non entregada ao centralismo. Primeiro descentralizouse a universidade única de Galicia e logo acordouse un sistema universitario galego con tres universidades para servir a sociedade galega en sete campus.
No ano 1990, sobre o cimento das antigas escolas de Comercio e de Peritos, da Escola Superior de Enxeñaría Industrial e dos colexios universitarios, a Universidade de Vigo constitúese, cunha visión propia, como unha universidade pública de calidade. Por unha banda, tivemos sempre claro que non iamos estar de costas á sociedade e que estamos aquí para formar as persoas que se achegan ás nosas aulas (no grao, no mestrado, no doutoramento e na formación ao longo de toda a vida). Pero que, ademais do efecto que producen os nosos egresados e egresadas, tamén queremos estar abertos a traballar coas empresas, as institucións e as organizacións en todo aquilo que supoña mellorar o rendemento e a vida das persoas. Ao mesmo tempo, sempre optamos por sermos unha universidade investigadora, que xere coñecemento que logo poida transferir. Podemos ver como o resultado é realmente positivo, a través das posicións relevantes nas clasificacións (os tan citados rankings) máis esixentes.
Co traballo feito desde a incorporación a Europa e con respecto á descentralización do Estado, sumado ao desenvolvemento do sistema educativo galego nos seus distintos niveis, pensamos que estamos preparados para competir con calquera na creación e no espallamento do coñecemento e, por tanto, no progreso económico e social.
Tamén merece a pena deterse a pensar nos dous axentes máis preocupantes nese futuro mellor para Galicia. Por unha banda, o reto demográfico. Por outra, a recentralización.
Se substituímos o centralismo estatal por un centralismo autonómico, estamos de novo cernando as posibilidades dun desenvolvemento harmónico dos territorios. Neste momento, hai un eixe Santiago de Compostela-A Coruña que concentra gran parte dos investimentos xerais. Miremos a rede ferroviaria, as estradas, as iniciativas público-privadas de todo tipo ou a localización de novas iniciativas. Este eixe pode ser visto como un novo centro, mentres que a Galicia interior queda menos atendida e que o sur queda en situación desfavorecida fronte ao norte. Debemos facer o posible por que non haxa un novo centralismo. No que nos toca, na Universidade de Vigo, sempre optamos por unha descentralización efectiva, que abrangue os tres campus nas dúas provincias do sur de Galicia.
O outro problema é o reto demográfico. Os datos son demoledores e resultará difícil revertelos. Iniciativas como as Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, que atraen cada ano descendentes da emigración galega ben formados e talentosos para que sigan un mestrado no sistema universitario galego, son moi positivas. De feito, moitas desas persoas rematan traballando en Galicia e a súa integración é inmediata. Pero aínda temos moitas posibilidades de utilizar o magnífico sistema universitario galego para atraer estudantado, moi especialmente mirando a lusofonía e toda Iberoamérica.
En todo caso, debemos traballar xuntos para que esta oportunidade de progreso sexa unha realidade e para que os retos comúns que propoñemos non estraguen esa posible Galicia do futuro.
En calquera caso, hoxe toca berrar con forza o noso orgullo por sermos galegos e galegas, por ter unha marabillosa lingua propia e porque, todos xuntos, construamos un futuro do que aínda poidamos sentirnos máis orgullosos.
Viva Galicia!
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo