Exposición estable da colección municipal de arte galega. Da posguerra ao final de século XX

Exposición estable da colección municipal de arte galega. Da posguerra ao final de século XX Concello de Vigo

Exposiciones

O Concello de Vigo amosa a maior mostra de arte galega na Casa das Artes

A exposición reúne máis de setenta pezas de pintura e escultura realizadas entre 1940 e finais do século XX

Publicada

Contenido patrocinado

A Casa das Artes acolle dende o pasado 12 de xuño unha nova exposición dedicada á colección de arte galega contemporánea do Concello de Vigo, considerada unha das máis importantes de Galicia pola súa extensión e pola calidade das obras que atesoura. A mostra reúne máis de setenta pezas de pintura e escultura realizadas entre 1940 e finais do século XX, ofrecendo un amplo percorrido pola evolución da creación artística galega ao longo de seis décadas.

Durante a presentación da exposición, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou a mostra de "extraordinaria" e asegurou que se trata dunha "exposición de gran envergadura", ao reunir obras dos principais artistas galegos desde a posguerra ata finais do século XX nunha primeira planta da Casa das Artes completamente renovada.

A exhibición segue un criterio cronolóxico e temático que permite descubrir o proceso de transformación da plástica galega, estruturándose en sete capítulos: Urbano Lugrís, entre o real e o onírico; O academicismo da posguerra; Entre dous exilios: a definición da arte galega; Entre a abstracción e a nova figuración; Novos camiños da figuración; Das mostras da Praza da Princesa ao Grupo Atlántica; e A liberdade expresiva dos noventa.

Inauguración da exposición

Inauguración da exposición Concello de Vigo

Entre os principais atractivos da mostra destaca a creación, por primeira vez, dunha sala monográfica dedicada á obra de Urbano Lugrís pertencente ao Concello de Vigo. Tamén poderá contemplarse de novo na cidade a escultura Natureza, do artista vigués Camilo Nogueira, tras un proceso de restauración que permitiu recuperar unha peza que levaba máis de dez anos sen exhibirse.

Outra das grandes novidades é a incorporación de A barca espacial, considerada unha das obras mestras de Laxeiro e adquirida recentemente polo Concello de Vigo, unha peza moi pouco vista en público. O percorrido complétase con Talismanta, da pintora Berta Cáccamo, actualmente en depósito e en proceso de adquisición municipal; unha selección practicamente inédita de obra sobre papel de Isaac Díaz Pardo; e un destacado retrato da última etapa de Fernando Álvarez de Sotomayor, doado ao Concello e nunca antes exposto ao público.

A exposición inclúe ademais unha selección de obras do Grupo Atlántica, presentada en diálogo co movemento precursor das históricas mostras da Praza da Princesa, permitindo comprender a renovación da arte galega contemporánea e a súa evolución desde a posguerra ata as vangardas de finais do século XX.

Exposición da colección de arte galega

Exposición da colección de arte galega Concello de Vigo

Con esta exposición, o Concello de Vigo pon en valor un dos seus principais fondos artísticos e ofrece ao público unha oportunidade única para coñecer de preto algunhas das obras máis representativas da arte galega contemporánea e a evolución da súa creación ao longo da segunda metade do século XX.