El Español
Quincemil
Opinión
|
Tribuna Abierta

O lugar de Galicia no Corredor Atlántico

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia reivindica o papel da comunidade nos grandes corredores europeos de transportes
Ethel Vázquez
Por Ethel Vázquez
Viaducto de Martín Gil, en Zamora.
Wikipedia
Viaducto de Martín Gil, en Zamora.

Fachada atlántica española, ponte histórica entre Europa e América Latina e titular dunha intensa relación de cooperación multidisciplinar con Portugal. País con 5 portos de interese xeral do Estado. Produtor de referencia mundial en pesca, conserva, téxtil ou automoción. Comunidade autónoma con solvencia financeira, estabilidade política e un profundo europeísmo. Esa é Galicia, a terra que reivindica o seu lugar nos grandes corredores europeos de transporte, desde o convencemento de que, medrando a súa competitividade, pode contribuír ao progreso do conxunto do continente.

No ano 2017, xunto cos gobernos de Asturias e de Castela e León, conformamos unha alianza de éxito que, un ano despois e co apoio do Goberno de España entón presidido por Mariano Rajoy, logrou persuadir ás autoridades comunitarias para incorporar o noroeste peninsular á rede europea prioritaria para o transporte de mercadorías e as conexións dos mercados.

Ese importante fito supón dispoñer dunha oportunidade única para acceder ao financiamento comunitario e adaptar a nosa rede ferroviaria de mercadorías a uns estándares mínimos de calidade e completarse con infraestruturas imprescindibles.

Para logralo, é necesario que o Goberno de España como Estado membro aposte por Galicia, polo noroeste da Península e polo Corredor Atlántico tanto como aposta por Levante e polo Corredor Mediterráneo. Cómpre que o Ministerio de Transportes deseñe un plan de actuacións e concrete proxectos de modernización da rede ferroviaria de mercadorías galegas para executar aproveitando a inxección de recursos comunitarios.

Sen embargo, cinco anos despois do recoñecemento europeo ás nosas potencialidades, nada se ten movido ao noso favor nos despachos do Paseo da Castellana.

A pasada semana coñecemos con desgusto que o Goberno non presentara ningún proxecto do noroeste á convocatoria de fondos europeos para os corredores que se desenvolverá neste exercicio.

Non hai  Plan director para o Corredor Atlántico, non hai atención para o noroeste nin existe, para a Xunta, interlocución sobre este asunto co Goberno de España.

Pese a falta de apoios e de razóns para o optimismo, demostramos que para Galicia este asunto é capital e estratéxico. Seguimos colaborando coas comunidades autónomas aliadas e continuamos a traballar, en colaboración co empresariado e Clúster da Loxística de Galicia, para definir as nosas necesidades e acoutar as actuacións prioritarias.

Grazas ao impulso da Estratexia Loxística de Galicia temos claro que o noroeste precisa un investimento de 8.000 M€ para acadar as características dos corredores europeos, preto de 8 veces máis da comprometida polo momento polo Goberno de España. Sabemos que con ese gasto e unha axeitada xestión dos servizos, poderemos case triplicar a cota modal do transporte ferroviario de mercadorías, evitar 20 millóns de toneladas de emisións contaminantes e abaratar en 1.300 M€ o transporte de mercadorías.

Do mesmo xeito que defendemos, como principios irrenunciables, a necesidade perentoria de impulsar a Saída Sur ferroviaria de Vigo, a conexión da terminal de Bouzas e unha liña internacional completa en alta velocidade entre Galicia e Portugal. Precisamos modernizar a liña do Miño e acadar unha transformación ambiciosa entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo. E  debemos poñer todo o noso empeño en incorporar ao Corredor Atlántico a conexión entre Ferrol e A Coruña e entre esta cidade e Lugo.

Pese ao escaso interese mostrado polo Goberno ante as nosas demandas e necesidades, somos quen de mantelas vivas e cada vez máis activas. O pasado 27 de xaneiro, os presidentes de Galicia, Castela e León e Asturias protagonizaron en Santiago de Compostela unha cita histórica na que máis de 1.000 representantes da vida económica e social das tres comunidades reivindicaron xuntas o Corredor Atlántico Noroeste.

Nese encontro, tivemos a oportunidade de celebrar unidas como un éxito colectivo o anuncio do Ministerio de Transportes do nomeamento do Comisionado para o Corredor Atlántico.

Cinco meses despois, hoxe sabemos que aquela foi única e exclusivamente unha manobra de distracción política. En relación con Galicia, poderíamos chegar a pensar que a principal ocupación do Comisionado do Corredor Atlántico nomeado polo Goberno é esquivar á Xunta.

A pesar de acumular preto dunha ducia de convocatorias de xuntanza da Xunta, tampouco na visita que esta semana prevé realizar á nosa Comunidade semella disposto a escoitar o que ten que dicir sobre o Corredor Atlántico o Goberno lexítimo de todos os galegos.

É unha nova decepción que, lonxe de desalentarnos, alimenta as nosas ansias de reivindicar o papel que Galicia merece no Corredor Atlántico. Así o faremos, coa esperanza de que o Goberno que saia das urnas o vindeiro 23 de xullo coñeza, comprenda e responda con maior interese ás nosas xustas demandas.

Ethel Vázquez
Ethel Vázquez
Ethel Vázquez Mourelle, Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade. Nació en Santiago de Compostela en 1972. Es Ingeniera técnica superior de Caminos Canales y Puertos por la Universidade da Coruña. Tras terminar sus estudios superiores en 1996, comenzó su trayectoria profesional en la empresa privada, hasta que, en 2003, se incorporó al organismo autónomo Augas de Galicia, cuya presidencia asume en 2009 y ejerció hasta ser nombrada directora xeral de Infraestruturas en septiembre de 2010. Tras asumir la presidencia de la Sociedade Pública de Investimentos de Galicia y, más tarde, ser nombrada directora de la Axencia Galega de Infraestruturas; en 2014 fue nombrada conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A partir de octubre de 2015, fue conselleira de Infraestruturas e Vivenda, puesto que ocupó hasta septiembre de 2018, cuando se convirtió en conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.
Más artículos de opinión de Ethel Vázquez