El Español
Quincemil
Opinión
|
Tribuna Abierta

Devolver os recreos á rapazada

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia aborda o tema do uso dos teléfonos móbiles nos centros escolares e a necesidade de establecer unha regulación que fixe uns límites
Judith Fernández Novoa
Por Judith Fernández Novoa
Varios niños haciendo uso de sus teléfonos móviles.
Varios niños haciendo uso de sus teléfonos móviles.

"Non falan no recreo". É unha das frases máis repetidas por directores e directoras de centros educativos cando se lles pregunta polo uso do móbil entre adolescentes. Eu mesma, na miña etapa como inspectora, puiden comprobalo en moitas das visitas a colexios e institutos. É ata certo punto normal. Todos sabemos cantas veces calquera de nós perde a atención co teléfono nunha cea en parella, nun café entre amigos, no transporte urbano, entre lecturas... A nosa rapazada, en pleno proceso de madurez, non o ten doado entre tantos estímulos. Por iso debemos acompañalos, darlles a imprescindible formación, pero tamén unha regulación que fixe límites.

Ese é o espírito co que, desde a Xunta de Galicia, decidimos ampliar a limitación do uso dos móbiles nos centros escolares durante o tempo de lecer. Xa o fixemos de xeito pioneiro en España en 2015, cando prohibimos utilizar estes dispositivos dentro da aula, agás se é para darlle un uso pedagóxico e coa supervisión dun docente. Agora, volvemos liderar este debate estendendo o veto a momentos como os recreos, o comedor e outras actividades, unha medida na que traballamos para poñela en marcha á volta do Nadal.

Pídeno os pais e nais e pídeno os profesores e profesoras. De feito, esta medida xa está implantada no 75% dos centros de Secundaria. Só 61 de 251 permiten o uso do móbil no recreo. Agora, os equipos directivos solicitan que, desde a administración, lles deamos maior soporte legal e ampliemos a medida ao 100% dado que, comprobaron, mellora a convivencia e as relacións sociais.

Aqueles centros onde o móbil está só nas mochilas ou na taquilla reportan un mellor ambiente e unha redución das problemáticas sociais. Converter esas horas do día nun oasis de desconexión contribúe a un mellor benestar da nosa mocidade. Unha medida que trata de abrir debates e concienciar, sen demonizar, dunha necesaria harmonización entre o analóxico e o dixital. E nisto, loxicamente, as familias deben implicarse tamén cando os estudantes regresan a casa, pois no centro pasan só unhas horas da súa vida. 

O ensino non pode vivir de costas a unha sociedade cada vez más tecnolóxica, e por iso a competencia dixital é parte fundamental da aprendizaxe que o alumnado recibe a través de numerosos programas. A robótica, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías da información son parte do día a día das nosas aulas, como tamén os coñecementos en ciberseguridade, ética e navegación segura.

Non pode ser doutro xeito. Equivocariámonos se optásemos por posicións extremas. Regular e formar. É dicir, devolver os recreos á rapazada. Que poidan xogar, conversar, facer exercicio, ler e tantas outras actividades no seu tempo libre. Sen renunciar, namentres, a ensinarlles o mellor uso da tecnoloxía. 

Judith Fernández Novoa
Judith Fernández Novoa
Judith Fernández Novoa (Caracas, 1976) é licenciada en Dereito pola Universidade Carlos III de Madrid, con estudos de Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo. É funcionaria do corpo de profesores de Secundaria na especialidade de Formación e Orientación Laboral desde 2002 e inspectora de Educación desde 2013. Ademais de outros cargos de xestión en centros educativos, ocupou a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na provincia de Ourense desde xullo de 2021. En maio de 2022 foi nomeada directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.