Entorno de la Torre de Hércules desde el aire.
Confinada por unha escaleira
Unha reflexión do voceiro do BNG na Coruña sobre como os problemas de mobilidade poden condicionar vidas
Estas semanas coñecemos o caso de Herminia. Vive confinada na súa casa por culpa de dez chanzos dunha escaleira. Os chanzos que separan o ascensor do portal do seu edificio.
Ou o caso de María Dolores. Pasou recluída os derradeiros anos da súa vida por residir nun edificio sen ascensor.
A carencia de elevadores en moitos inmóbeis da nosa cidade constitúe un problema de primeira orde que está a provocar auténticas situacións de exclusión en persoas con limitacións de mobilidade.
Esta carencia non afecta só a edificios do noso casco vello. Son moitos os barrios da nosa cidade, desenvolvidos nos anos 50 e 60 do século pasado, nos que existen moitos edificios sen elevador.
O avellentamento da poboación nunha boa parte destes barrios agravou o problema, até o punto de que non son poucas as persoas maiores que viven practicamente confinadas nas súas vivendas.
Para facer fronte a esta situación é moito o que se pode facer desde o ámbito da política local. Dunha banda hai que reforzar as liñas de axudas e asegurar que sexan eficaces, evitando ás posíbeis persoas beneficiarias trámites burocráticos innecesarios e flexibilizando as condicións para a súa concesión.
Doutra banda, convén aprobar unha nova ordenanza que regule e delimite de xeito máis claro a concesión de licenzas e a redución dos prazos temporais para o seu outorgamento.
Hai que contemplar tamén, cando for preciso, solucións alternativas, como a instalación de ascensores comúns a unha mazá de vivendas.
E desde o Concello é necesario activar un servizo de mediación co obxecto de procurar solucións cando non exista acordo nas comunidades de veciños para a realización das obras.
Todo con tal de que unha persoa non viva confinada por dez chanzos dunha escaleira. Porque as limitacións de mobilidade e os problemas de accesibilidade non poden converter a vivenda dunha persoa na súa prisión.