Hai palabras que se traducen. E despois están as galegas. Esas hai que explicalas.

Fedellar.

A ver quen ten collóns de traducir iso cunha soa palabra e quedar tan ancho.

Podes dicir enredar, remexer, argallar, trastear, andar facendo cousas sen saber moi ben para que… Si, claro. E podes explicar un cocido dicindo que son garavanzos con cousas.

Fedellar é fedellar.

—Que fas?

—Nada, ando fedellando.

Perfecto. Non sabemos exactamente que estás facendo, pero entendémolo todo.

E aí está a xenialidade.

O galego ten unha capacidade extraordinaria para poñerlle nome a situacións que probablemente ninguén considerou necesario bautizar. Se non existe a palabra, fabricámola. E se soa ben, queda para sempre.

Fedellar non necesita obxectivo. Podes fedellar no móbil, nuns papeis, nunha idea, nun caixón ou no que che pete. Non estás necesariamente arranxando nin estragando nada.

Estás facendo cousas.

—Que cousas?

Non toques os collóns. Fedellando.

E temos máis: argallar, trapallar, remexer, chafallar… Parece a aliñación dun equipo galego de Preferente, pero cada unha ten o seu aquel.

E ollo co aquel.

—Pásame o aquel.

—Cal?

—O que está aí.

—Este?

—Non, o outro.

—Este?

—Ese, carallo.

Comunicación completada.

Dous galegos poden manter unha conversa enteira sen identificar correctamente un só obxecto.

Tamén temos o chisme, o choio e ese glorioso «ti xa sabes» cando, en realidade, non sabes unha puta merda pero, curiosamente, entendes.

E logo está a entoación.

Un «bueno…» galego pode significar si, non, xa veremos, nin de coña, fai o que che pete ou estás facendo o parvo pero non vou discutir contigo.

Todo depende de canto dure o o.

E que dicir do xa.

Unha sílaba capaz de destruír unha argumentación de vinte minutos.

—Eu fíxeno porque pensei que dadas as circunstancias…

—Xa.

Fin.

Sentenza firme.

Por iso me gusta fedellar. Porque non é só unha palabra. É esa capacidade tan nosa de comprimir unha situación enteira nun verbo e seguir coa vida.

Que outros busquen a tradución exacta.

Nós non temos tempo.

Andamos fedellando.