Cada 8 de marzo, o deporte súmase á conversación global sobre igualdade. Vemos campañas, camisetas conmemorativas e mensaxes institucionais. Pero máis aló da superficie, convén facerse unha pregunta incómoda: quen toma realmente as decisións no deporte?
Porque se algo evidencian os datos é que o talento feminino está, pero o poder segue sen estar repartido.
Segundo o III Barómetro de ADESP, a presenza feminina nas secretarías xerais e xerencias das federacións sitúase en torno ao 39% nas nacionais e supera o 50% nas autonómicas. É dicir, as mulleres están, xestionan, coordinan, sosteñen estruturas. Con todo, cando miramos ás presidencias das federacións nacionais, a cifra cae até un 1,5%. O máximo nivel de decisión continúa practicamente pecho. A foto cambia radicalmente cando se trata de ocupar o despacho principal.
Como exdeportista profesional diría que o panorama mellorou bastante, aínda recordo cando era a única nena do equipo galego infantil de vela, e tiña que acudir ás regatas soa, sen poder compartir nin vestiario nin habitación con ningunha compañeira. Esta situación, polo menos en vela, foi aos poucos cambiando e cada vez hai máis nenas nos primeiros postos da clasificación. Non obstante, vinte e cinco anos despois, agora, acudo soa a moitas reunións de traballo.
A inmensa maioría das entidades do sector coas que tiven contacto están lideradas por homes.
Este dato non é anecdótico: é estrutural. E revela un teito de cristal especialmente groso no deporte, un sector que paradoxalmente se asocia a valores como o mérito, o compañeirismo e a superación, pero que até non fai tanto estivo reservado unicamente aos homes.
Hai uns meses, abrimos a Business Factory Sport, un proxecto que facemos desde o Clúster en convenio co Igape. O obxectivo é axudar a emprender e a xerar proxectos do sector do deporte e o benestar en Galicia. Das máis de 60 propostas que recibimos na convocatoria e que revisamos, apenas unhas poucas estaban lideradas por mulleres.
Esta historia non é excepcional. É silenciosa. E é frecuente.
O paradoxal é que o propio mercado deportivo está a enviar unha mensaxe moi distinta. O deporte feminino de elite, segundo o informe "Women in Sports Landscape 2025", crece a un ritmo do 25% interanual e superou os 2.150 millóns de euros de facturación en 2025. No ámbito do fitness, que factura máis de 1.600 millóns anuais en España, as mulleres representan o 56,7% da base de clientes. A demanda ten rostro feminino. A práctica deportiva ten rostro feminino. Pero o liderado segue tendo, maioritariamente, outro rostro.
E cando as oportunidades non se distribúen de forma equilibrada, o sistema perde talento. Perde diversidade na toma de decisións. Perde capacidade de entender ao seu propio mercado.
O deporte demostrou ser capaz de transformarse: profesionalizou competicións, incorporou tecnoloxía ou internacionalizou a súa industria. Agora ten pendente outra modernización menos visible pero igual de estratéxica: abrir de verdade os espazos de poder e de emprendemiento ás mulleres que xa están a soster o sector.
Este 8 de marzo, a mensaxe debería ser claro: o futuro do deporte tamén se decide nos despachos. E eses despachos non poden seguir tendo a porta entreaberta para unhas e completamente aberta para outros.
