A Deputación da Coruña mira tamén ao ceo. A Área de Turismo presentou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a súa nova campaña, centrada nun fenómeno astronómico que acaparará a atención: a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto.
Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña é como se titulou a presentación da institución no evento, na que participou o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira. Fíxoo acompañado de voces autorizadas na materia, como a profesora da USC Begoña Nicolás, docente das áreas de Astronomía e Astrofísica; Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte; e José Romero, guía especializado en astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.
Regueira puxo en valor o “carácter excepcional” dun feito que só se produce en contadas ocasións e que poderá contemplarse en “condicións privilexiadas” na provincia. Afirmou que a provincia da Coruña será un dos territorios de toda Europa onde mellor se poderá observar un fenómeno que non se vai repetir na nosa xeografía até dentro dun século, que cadrará tamén a poucos minutos da posta de sol, co que haberá practicamente dous ‘solpores’ consecutivos na mesma xornada.
O fito astronómico estará, xa que logo, acompañado polo simbolismo, pois este territorio é tamén recoñecido pola espectacularidade dos seus solpores.
Alén disto, lembrou que a cita cadrará co máximo da chuvia de estrelas das bágoas de San Lourenzo, previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto. "Esa noite non vai durmir ninguén", bromeu o responsábel provincial de Turismo.
Dous Destinos Starlight
A Deputación da Coruña aposta así por facer da eclipse o eixo central da súa presenza en FITUR 2026, convidando a pasar as vacacións na provincia aproveitando un fenómeno astronómico que, como sinala Regueira, “probablemente só se poida vivir unha vez na vida”.
Neste contexto, A Coruña conta cun valor engadido ao albergar dous destinos certificados como Destinos Turísticos pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, que reforzan o seu posicionamento como espazo privilexiado para o turismo astronómico e de natureza.
Frames vídeo promocional Deputación
Estratexia de traballo da Área de Turismo provincial
A eclipse foi a gran protagonista da campaña promocional da Deputación, que, con todo, acudiu a esta FITUR para defender tamén un modelo turístico diferente, onde a calidade prime sobre a cantidade e onde tamén se respecten tanto a identidade como a autenticidade dos territorios.“Temos un territorio amplo e diverso con experiencias para cada tipo de visitante. Somos un lugar con singularidades enormes, con tres cidades e con oito xeodestinos complementarios e diferentes entre si”, explica Regueira, en referencia a Ferrolterra, As Mariñas, a Costa da Morte, Terras de Santiago, a ría de Muros-Noia, Barbanza-Arousa, Terras da Comarca de Ordes e Ulla-Tambre-Mandeo.
A presenza da Deputación da Coruña en FITUR responde tamén a unha estratexia de traballo a medio e longo prazo. Desde a Área de Turismo, explica Regueira, procúranse dous obxectivos fundamentais: por unha banda, colaborar coa Xunta, que ten a competencia directa da promoción turística, establecendo liñas de traballo complementarias; e, por outra, cooperar cos concellos e cos distintos entes de xestión do territorio.
Nese marco, a Deputación vén desenvolvendo nos últimos anos un labor de estruturación de produtos turísticos na provincia, cunha liña argumental común baseada na sostibilidade e no respecto á identidade propia de cada un dos xeodestinos. Froito dese traballo son os cinco plans (PSTD) que se están a executar e servirán para marcar as grandes liñas da política turística da Deputación a medio prazo.
A este modelo engadiuse, ademais, unha “aposta estratéxica que co paso do tempo se revelou como especialmente acertada”: considerar o turismo enogastronómico e o turismo vinculado ao medio rural como “fío condutor para completar a cadea de valor” do turismo na provincia. Unha decisión tomada á saída da pandemia, cando se recuperou unha mobilidade limitada, “e que hoxe actúa como elemento integrador doutros proxectos turísticos e como ferramenta para traballar con sectores e axentes do territorio que están a desenvolver propostas de gran calidade”, conclúe o vicepresidente da Deputación.
