O filólogo ponferradés de orixe e carballés de adopción, Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia, presentará o próximo xoves, 22 de xaneiro, na Fundación Rosalía de Castro en Padrón (A Coruña) a súa derradeira obra, 'Toponimia de Padrón e Pontecesures', na que traballou durante máis dun ano.
Esta obra supón a súa última achega á colección Terra Nomeada, da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn), onde explica de forma divulgativa e amena a orixe e o significado dos nomes de lugares dos concellos de Galicia, nesta ocasión explora os toponimos de Padrón de Pontecesures.
O acto, de entrada libre ata encher o aforo, celebrarase o vindeiro xoves a partir das 19:00 horas na Casa de Rosalía. Durante el, Fernando Cabeza estará acampañado do coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina e da académica Ana Boullón, en representación da AGOn.
O propio Fernando sinala que 'Toponimia de Padrón e Pontecesures' trátase "dun libro breve, pero bastante intenso, con moita información". Froito dunha bagaxe que comezou na súa infancia a través do seu contacto con esta zona e coa natureza. "Xa de adulto, é fundamental a lectura de moita bibliografía e, por suposto, percorrer o territorio. Teño gastado moitos coches cos topónimos!", sincerase.
Que se poden atopar os lectores en 'Toponimia de Padrón e Pontecesures'?
É un libro filolóxico, pero tamén contén historias interesantes. O seu obxectivo é descubrir os orixes dos nomes dos lugares nos concellos de Padrón e Pontecesures, é dicir, dos seus topónimos, como o río Ulla ou o río Sar.
Algúns nomes son transparentes e compréndense facilmente, mentres que os máis enigmáticos resultan máis complexos e requiren un estudo detallado. Nun comezo, o libro íase centrar só en Pontecesures, pero, ao ser un concello moi pequeno e estar histórica e xeograficamente moi ligado a Padrón, tamén se incorporaron os topónimos deste último.
Podes adiantarnos algún topónimo curioso?
A miña familia paterna era de Pontecesures. Hai anos empecei a investigar topónimos e vin que Cesures estaba mal explicado: dicían que tiña relación co 'César' e que era "unha ponte do César", pero non é así. En realidade, fai referencia á superficie do terreo: significa corte ou cesura, aludindo á costa empinada sobre a que se asentou a poboación primitiva de Pontecesures, que naquel momento tamén se chamaba Xulián ou Requeixo. É un topónimo pouco estudado.
Hai algunha paisaxe ou parte da historia local destes dous concellos que sorprendan polo seu signidicado?
É algo moi relativo. Para quen coñece pouco da toponimia, hai moitos datos sorprendentes. Por exemplo, Padrón fai referencia a unha ara de pedra que os antigos romanos levantaron ao deus Neptuno, porque xusto ao carón estaba Iria, unha importante cidade romana.
Padrón é en realidade unha continuación, a un quilómetro de distancia, de Iria. A pedra atopada dedicábase a Neptuno porque Iria tiña un porto. Do mesmo xeito que hoxe os navegantes e mariñeiros teñen á Virxe do Carmen como patroa, os romanos tiñan a Neptuno como protector dos mares.
Para rematar, na túa investigación, tivo moita importancia o papel das persoas maiores como transmisores de información.
A investigación de campo é fundamental. Ao visitar os lugares, conta moito a colaboración das persoas maiores. Hai que saber distinguir o que che contan, porque non todo é certo, pero ofrecen informacións moi interesantes que lembran de cando eran nenos, que se enlazan co que ti xa estudaches e incluso che poden dar detalles inéditos.
