El Español
Treintayseis
Cultura

O mundo editorial independente de Galicia

Catro editoras, catro visións: Cuarto de Inverno, Menino Morreu, Nêspera e Rodolfo e Priscila
Joey Guidone
Ofrecido por:

Logo do artigo coas claves para publicar de cinco voces das letras galegas da narrativa de hoxe e outro máis con cinco voces da poesía, cumpría pechar a triloxía dándolle a palabra a quen adoita levar esas letras aos andeis das librarías. Chea de preguntas, petei na porta de catro editoras querendo entender mellor a labor que desenvolven. E, inda dándome volta o corazón cada vez que recibía as súas mensaxes, non chegou negativa ningunha. Velaquí, un cachiño delas:

Hai algunha imaxe ou obra que vos veña a cabeza ao pensar na vosa editora? 

Cuarto de Inverno: Ao pensar en Cuarto de Inverno venme á cabeza un día como o de hoxe no que non para de chover e no que despois de traballar podo ter un momento para min e sentar a ler cun mantiña e unha infusión ben quente.

Menino Morreu: A última obra editada, “Sacho de seda”. Foi o libro no que asumín máis traballo creativo e o que movín máis en eventos. Está a funcionar moi ben e foi un pracer traballar con Abraham Pérez, quen ten un compromiso loubábel con o seu traballo e unha grata confianza no meu. Tamén a primeira novela, “Nossa concha de retalhos” de Thayane Gaspar Jorge, que foi unha aposta persoal fóra do que pretendía facer e tivo unha acollida espectacular.

Nêspera: Hai, e moitas. Sobre todo unha editada por Flamboyant que é fermosísima, titúlase Con calma, ou tamén, as Guías definitivas de Sorianourensana.

Rodolfo e Priscila: Penso nos libros que fomos facendo, nos obxectos concretos. Creo que o proxecto sempre estivo máis apegado á idea de ir facendo que á idea de especular moito sobre o que poderiamos facer. 

O camiño de construír a editora: Como e cando xurdiu a idea? Foi como imaxinabades e queriades? E, por curiosidade, como se decide o nome dunha editorial de libros? 

Cuarto de Inverno: A idea de sacar adiante Cuarto de Inverno xorde da nosa inquietude e do noso desexo de publicar o que nos gusta sen ter que render contas, tan só o temos que facer coas autoras e con nos mesmas, que non é pouco. O proceso foi máis rápido do que imaxinamos porque nós xa viñamos do mundo da edición, pero aos dous meses de comezar chegou a pandemia e mudouno todo. Foi moi complicado seguir adiante e continúa a selo, máis aquí seguimos, coas ganas intactas e o corazón quentiño por toda esa boa xente que sostén.

O nome da editorial neste caso parte dun poemario de María do Cebreiro,Cuarto de outono. Un poemario que lin hai catorce anos e que me gustou moitísimo, tanto que naquel intre decidín que, se nalgún momento, tiña a oportunidade de sacar adiante o meu selo editorial, chamaríase así. Polo camiño decidimos facelo algo máis noso e mudamos a Cuarto de Inverno

Menino Morreu: A idea da editora xurdíu nun momento vital no que dispuña dalgúns aforros e pensaba nalgún tipo de reciclaxe profesional. A maior parte das ideas comportaban saír ao estranxeiro e, na altura, había circunstancias que me ligaban emocionalmente á Galiza. Así que decidín apostar por unha iniciativa que pudese desenvolver aquí. Alén diso, sempre quixen ser escritor pero nunca tiven a constancia necesaria para logralo. Unha editora era a posibilidade de pertencer a ese campo e propor cousas nel, sen a necesidade de converterme nun autor.

Falamos por volta do 2019. A situación xerada pola pandemia da COVID-19, así como un cúmulo de eventualidades profesionais e persoais fixeron que adiase a saída até o 2022. Desde entón, as propostas de edición e a resposta do público ten matizado o proxecto editorial orixinal. Porén, en esencia, é basicamente o que pretendía facer desde un inicio.

O nome foi decidido a raíz dun incidente persoal. En agosto de 2019, xusto cando barallaba diversas posibilidades, realicei unha excursión pola Baixa Limia e a Serra do Xurés. Nesta última, perdinme durante bastantes horas. No último alento de vida da batería do móbil, comprobei cal era o sitio máis próximo á miña localización. Tratábase dun lugar chamado “Menino Morreu”. Unha vez encontramos o camiño de regreso, a miña acompañante suxeriume nomear a editora con ese estraño topónimo. E acheino estupendo pola sonoridade, polas estrañas imaxes que evoca ou por remitir a un espazo fronteirizo tan particular.

Nêspera: A idea acaba fraguando durante a COVID cando comenzamos a ter tempo para pensar e escribir, e formular ideas máis contundentes. Comenzamos a ver factible crear unha editora, e facer esos libros que as veces viámos noutros lugares e no mercado galego non. Decidimos o nome pensando en cousas que nos gustaban na infancia, por ser das lembranzas máis lindas que temos, e rematamos pensando no que máis nos gustaba comer, eu díxenlle que nésperos a Breixo, a outra parte de Nêspera. Conteille que os collíamos de prestado dunha árbore da veciña cando eramos pequenas miña curmá máis eu, e a Breixo ocurríuselle que podía ser o nome da árbore.

Está sendo o que pensabamos que sería o mellor dos escenarios. Estamos moi contentas.

Rodolfo e Priscila: Carlos levaba moito tempo editando libros, os seus propios e algúns doutras persoas. Nese sentido creo que o proxecto ten moito que ver co que Carlos levaba xa tempo facendo, que é unha idea da edición moi relacionada coa artesanía. Non nos sentimos moi cómodos con algunhas retóricas que acompañan ás veces á edición independente. Por exemplo con que se asuma que somos máis coidadosos por sermos máis pequenos, unha sorte de mística, un pouco adanista, que nos queda un pouco grande e que nos fai sentir inseguros. Facemos o que podemos, realmente, e aprendemos nese camiño, pero desde logo non o facemos mellor que ninguén. Ás veces acertamos máis e outras acertamos menos, e iso é máis ou menos o que imaxinabamos que pasaría.

Joey Guidone

Como xestionades os manuscritos recibidos por correo electrónico? Imaxino que non serán poucos... Que debe posuír ou transmitirvos unha obra para que xa de primeiras chame a vosa atención? 

Cuarto de Inverno: É moi complicado porque nos chegan moitísimos . É probable que se só nos dedicásemos á edición o puidésemos facer moito mellor. Se só tivésemos que valorar orixinais e editar seríamos capaces de ler en tempo todos os manuscritos que nos chegan e contestar nun tempo razoable, mais o certo é que non é así. Nós temos que editar, corrixir, maquetar, facturar, distribuír, facer contratos, pagos de facturas, peches trimestrais, facer labor comercial, levar as redes e, todo isto, combinado con outros traballos, polo que aínda é máis complicado de xestionar.

Menino Morreu: Efectivamente, non son poucos e exceden as miñas posibilidades de edición, polo que estou pensando seriamente en explicitar a miña dispoñibilidade de recepción de obras.

As limitacións dunha iniciativa como Menino Morreu provoca que sexa bastante estrito con as temáticas que trato, e que valorice de modo especial o carácter transgresor ou innovador das propostas. De feito, a miña primeira resposta acostuma a desencoraxar ou rebaixar expectativas aludindo honestamente á capacidade editorial e á previsión para os próximos meses.

Non sempre o rexeitamento ten que ver con o estilo. Teño recibido auténticas marabillas que simplemente non encaixan no tipo de libro que pretendo editar. Sexa como for, cumpre que a obra deixe claro máis ou menos rápido, nos primeiros capítulos, o tom, a temática e a súa actitude; xa que non dispoño do tempo necesario para ler integramente todo o que me chega.

Nêspera: Desexamos publicar obra orixinariamente escritas en galego. Obras que digan algo, que perduren como libros de fondo, ou de catálogo.

Por agora non buscamos moito, temos a convocatoria pechada e un plan editorial que quizais nos leve máis alá do 2025.
Si, recibimos manuscritos pero tamén respostamos que non podemos valoralos, que temos a convocatoria pechada.

Rodolfo e Priscila: Non son poucos e non sempre se poden atender todos. Hai obras que de principio non encaixan no proxecto e é sempre unha miga delicado, porque quen envía un manuscrito fai, ao meu ver, un acto de xenerosidade, que é confiarche a súa lectura. O que ten que ter un orixinal para encaixar con nós é que nós pensemos que podemos editalo como ese orixinal merece. É moi posible que cheguen libros valiosos que, con todo, estarían mellor nunha editorial máis grande ou con outro perfil. Non é necesariamente máis doado encaixar nun proxecto pequeno. Ao contrario: moitas veces unha editorial xeralista ten máis posibilidades de atender máis variedade de títulos, e de publicar máis libros ao ano. Cando publicas pouco, o que encaixa é por forza máis limitado e non se trata só de que sexa un bo libro, senón tamén de que nós saibamos como tratalo.

Que lle diriades a esa escritora non publicada que está a buscalo seu lugar? Teño amigas que se laian de non recibir sequera unha negativa das editoras... Quéixanse de nin recibir unha resposta. Por que pensades que pasa isto? Que lle diriades a quen está a vivir esta situación?

Cuarto de Inverno: Que o siga intentando, a nós tamén nos deron unha oportunidade despois de petar en moitas portas. O de crear Cuarto de Inverno chegou moito despois. Sei que é frustrante e moi canso, pero tamén creo que todo chega. Non podo falar polas demais editoras porque non sei como traballan nese sentido, podo contarvos como é o noso día a día. Cando tes que levar a cabo todas as tarefas que vos dixen e compaxinalo con outros traballos remunerados para poder vivir, é moi complicado, non é unha escusa, é que ás veces non chegamos. Desde aquí, pido desculpas a quen non lle contestase ou a quen aínda estea pendente dunha resposta. Insistídeme!

Menino Morreu: Non só o número de persoas lectoras habituais é moito menor do que sería desexábel, como ademais temos un contexto literario, lingüístico e social anómalo que ofrece poucas posibilidades dunha traxectoria profesional na escrita en galego. Con todo, hai que enfocar o traballo literario como o que é, unha ocupación que require perseveranza independentemente dos réditos iniciais que ofreza. Para alén diso, o xurdimento de novas editoras está a diversificar o panorama literario e resulta máis fácil encontrar un espazo adecuado na oferta editorial. Iso sen desconsiderar alternativas como as que ofrecen as redes ou outras vías de autopublicación.

Eu procuro responder sempre, porque é o correcto e por respecto a quen me envía o seu traballo; aínda que non descarto algún descoido ocasional en épocas de moita actividade. Neste último caso, non fai mal recibir unha mensaxe adicional como recordatorio.

Nêspera: Eu diríalle que nunca se deixe de preguntar cousas, de ter curiosidade, que siga aprendendo, se de verdade iso é o que quere e está buscando o seu lugar, pois adiante! Ufff, o de xestionar o rexeitamento, case cae máis noutro eido: o psicolóxico, espiritual, mental, etc. Eu aí non sei moito, intento xestionarme os meus rexeitamentos, pero non me vexo capacitada para dicirlle a ninguén como facelo. Cada persoa somos un mundo e temos as nosas experiencias.
Eu non sei o que respostan ou non o resto das editoras, o que si sei é que nós intentamos respostar a todas as persoas que nos escriben, sexan escritoras ou non. Como dicía antes, respostamos as persoas que nos mandan manuscritos agradecéndolles ternos achegado o seu traballo e explicándolles que agora mesmo non podemos valorar orixinais, porque sabemos que non imos poder publicalos.

Eu entendo que haxa editoras que se vexan superadas polos envíos, e que ao mellor non den contestado todo. Nós recibimos orixinais coa convocatoria pechada, e bastantes.

Rodolfo e Priscila: Nós intentamos facelo o mellor que podemos, e somos conscientes de que é frustrante estar do outro lado e que o que nós damos feito nunca é abondo. A quen está tratando de publicar un primeiro libro e atopa dificultades diríalle que non hai un único camiño para chegar e que os camiños que hai poucas veces son curtos. E tamén que as editoras non son inimigas das autoras en absoluto, as editoras son persoas que fan o que poden, o mellor que saben, investindo, como no noso caso, o seu tempo e o seu capital persoal. Habitualmente, polo menos na miña experiencia, unha editora que non responde non fai un desprezo voluntario, é que non puido facer máis.

Que opinión tedes das escritoras que comezan e rematan as súas obras en moi pouco tempo... En dous meses, por exemplo. Confiariades no resultado?

Cuarto de Inverno: Iso depende de moitos factores. Teño lido obras nas que autoras traballaron dous meses como dis e son moi boas obras e outras que, pola contra, despois de cinco anos de traballo non me din nada. Non é o habitual, porque o proceso de escrita é moi laborioso e leva moito tempo, probablemente a corrección máis que a propia escrita, pero non podo xulgar un texto polo tempo no que foi concevido, senón polo resultado final.

Temos publicadas obras por encarga e foron todas escritas durante períodos de tempo ben amplos, pero como digo, hai xenias capaces de escribir obras mestras en pouco tempo.

Menino Morreu: Normalmente, traballo con textos acabados e por tanto ignoro a duración do tempo de escrita. Imaxino que para persoas con unha grande traxectoria, o oficio acurta a labor. Porén, debo recoñecer que desconfiaría do resultado dun período tan breve; no mínimo, sen algún tipo de traballo previo. 

Nêspera: Eu de principio teño por costume non emitir xuízos de valor polo tempo que levan a escrita das obras. Tería que ver o que escribíu esa persoa en dous meses e valoralo. Hai escritoras boísimas que montan a idea na cabeza, e coa experiencia que teñen, coñecedoras dos recursos estilísticos, e facendo uso das súas propias ferramentas, poderían ser capaces de escribir unha obra en dous meses, non o sei. Depende das horas que lle adiquen ao día, do seu método de traballo. A casuística é infinita.

Rodolfo e Priscila: A verdade é que lle daría a volta a esa pregunta. Que pasase moito tempo desde que unha autora empeza un libro ata que o remata non é un valor engadido. Hai novelas que teñen un xerme moitos anos anterior ao momento en que se publican, e que medran na cabeza durante moito tempo, aínda que finalmente se escriban en oito ou nove meses, ou en ano e medio. Pode dar a sensación de que foi pouco tempo, pero non é así. Por outra banda o tempo de escrita é moi relativo e bastante elástico. Non é menos tempo escribir cinco días á semana durante dez meses que escribir nas fins de semana durante dous anos. Isto último serve para poder dicir que botamos dous anos ou catro ou doce escribindo un libro, claro, pero non creo que teña valor per se. O que quero dicir é que eu non lle daría moito valor nin a unha cousa nin á contraria.

Como xestionades o tempo que dedicar en sacar adiante os proxectos? É difícil saber o momento en que está ‘lista’ unha obra? 

Cuarto de Inverno: Non temos un tempo establecido para dedicarllo a unha nova obra, pode que isto sexa un erro, máis non nos movemos así. Gustaríame dicirche que se publica cando “está lista”, pero tampouco é así. Non sei se é por lances do oficio ou polo síndrome da impostora coa que convivimos mais cústanos moito chegar á última revisión, porque sempre atopas algo que mudar. Entramos nun bucle de “unha última voltiña” e é difícil dicir, “esta é a boa, vai para a imprenta”. Que eses son outros vinte días de sufrimento preguntándote se estará todo ben. Dá igual as probas de impresión que fagas, ata que non teñas o exemplar na man, non quedas tranquila, ou polo menos nós vivímolo así.

Menino Morreu: Tendo en conta que a actividade de Menino Morreu remóntase a hai un ano e medio, para min tamén está a ser un proceso de aprendizaxe. Até agora periodizaba a lectura, as revisións, o aspecto gráfico e a distribución sen importarme demasiado calquera outra eventualidade. Non obstante, agora percibo a necesidade de harmonizar ese proceso con determinados momentos comerciais no calendario.

Sexa como for, cada libro ten as súas especificidades e o resultado dependerá tanto destas e como do traballo conxunto do editor e da autora para chegarmos a un acordo sobre a súa forma final. A modiño chégase antes. E, ante todo, evítanse erros.  

Nêspera: Penso que este traballo é moi transversal, hai moitas tarefas distintas que facer, e por iso é bastante flexible, compatible con outras cousas, profesionais ou non.

O de parar depende da obra, do traballo feito en conxunto con autoras/ilustradoras/fotógrafas, etc. Pero penso que se sabe cando unha obra está finalizada ou case e cando cumpre uns requisitos mínimos de calidade.

Rodolfo e Priscila: Habitualmente, e aquí respondo como autora e tamén como parte do proxecto de Rodolfo e Priscila, os libros están listos cando teñen que ir á imprenta porque está proxectado que se publiquen nunha data, e ata ese día adoita haber cambios e dúbidas. Leva tempo facer un libro e ultimamente nós aprendemos a ir con menos apuro, a comezar moito antes. As voltas que se lle poden dar a un texto son case infinitas, pero tamén se aprende a parar. Hai que saber parar. Isto pasa tamén cando escribes. Penso que é un xesto de humildade aprender a facelo, aprender cando chegou o momento de confrontar o resultado dun traballo e dun esforzo cos teus editores e cos teus lectores, por vez de agardar a que chegue un libro que imaxinas digno das túas expectativas, que é un libro que non existe, ao cabo.

Como imaxinades a vosa editora en dez anos? 

Cuarto de Inverno: Non o sei, non o podo imaxinar, con estar, penso que sería suficiente.

Menino Morreu: Honestamente, estou demasiado centrado na planificación do dous próximos anos como para pensar nun prazo tan amplo. O que si, arelo que a editora sexa recoñecida por ser un proxecto que arrisca e innova, que se atreve con propostas insólitas ou inéditas nas nosas letras. Penso que non vou mal encamiñado.

Nêspera: Nin idea, agardo que sigamos aquí facendo isto, ou non? Qui sab?

Rodolfo e Priscila: O noso desexo é perdurar e ir medrando ao fío dos proxectos. Facer libros que interesen, que lle acheguen algo a lectores coma nós. Non imaxinamos máis, oxalá ter a sorte de perdurar.

Unha última cuestión... Que estades a ler neste momento fóra do traballo, por puro pracer?

Cuarto de Inverno: Rematei hai uns días, La mala costumbre de Alana Portero; agora estou a ler A campá de vidro de Sylvia Plath que publicaron hai uns meses en galego as amigas de Irmás Cartoné e xa teño o seguinte preparado no meu recunche lector: Solo quería bailar de Greta García.

Menino Morreu: Demasiadas cousas... Pero ultimamente estou bastante obcecado con a obra de Charles Burns. Estou a botarlle un ollo tamén á obra dun debutante, Colin Burnett con o seu “A Working Class State of Mind”. Finalmente, comecei hai pouco por recomendación de amizades catalás “Canto jo i la muntanya balla”, de Irene Solà  

Nêspera: Non sei diferenciar o que é traballo do que non na literatura. A verdade que cousas que escollín en principio xustificándoas co traballo, encantáronme a nivel persoal. Por exemplo El libro vacío / Los años falsos de Josefina Vicens, editado por Tránsito. E obras que escollín porque me gustaban para o tempo de lecer, acabaron sendo referentes para algúns dos proxectos nos que traballamos. Por todo isto podo dicirche algunhas das obras que estou lendo agora mesmo, pero non sería capaz de clasificalas por ser de traballo ou de lecer.

A instalaçao do medo. Rui Zink. Tinta da China.
Da miséria simbólica. Bernard Stiegler. Urfeu Negro. Heichas contar- de Rafael Quintía. Ab Origine Edicións.

Rodolfo e Priscila: Nós procuramos ler sempre por pracer. Non publicaría un libro que non lese por pracer. Se traballase nunha editorial máis grande, que ten que atender os intereses e os gustos dun público lector amplo, creo que sería outra cousa diferente, por suposto. Agora mesmo leo o último libro de Carlota Gurt, que publicou Asteroide en castelán.

Ata aquí as respostas destas editoras independentes por se son de axuda para quen desexa coñecer mellor este mundo que semella, por veces, descoñecido e elevado de máis.

Sica Romero
Sica Romero
InstagramLinkedIn
Escritora e Historiadora del Arte especializada en el ámbito de la docencia y la museística, le fue otorgado el premio literario Arcebispo Juan de San Clemente por Avelaíñas Eléctricas, su primera obra de narrativa. Colabora en medios de comunicación de prensa escrita y radio. En los diarios Quincemil y Treintayseis publica cada domingo un artículo de divulgación cultural.
Cultura