El Español
Treintayseis
Actualidad
|
A Coruña

Xan Xove, candidato de Marea Atlántica: "A Marea ten continuidade mentres A Coruña así o desexe"

Xove móstrase "fortemente" decepcionado cos catro anos de Goberno de Inés Rey e asegura que calquera avance democrático que tivo a cidade nos últimos anos pasou por ser unha proposta "realista e realizable" a curto prazo da Marea Atlántica
O candidato á Alcaldía por Marea Atlántica, Xan Xove.
López
O candidato á Alcaldía por Marea Atlántica, Xan Xove.
Ofrecido por:

Xan Xove (Viveiro, 1977) defínese coma un coruñés da liña 14 e, precisamente, incide en que unha das primeiras accións que tomaría como alcalde da Coruña sería mellorar o mantemento das zonas máis alonxadas do centro da cidade. "Estos catro anos foron un retroceso nese sentido. Vemos moita política de grandes eventos, de obras públicas, pero centradas na parte noble da cidade", asegura o candidato da Marea Atlántica ás eleccións municipais do 28M.

Emigrado en Barcelona e Menorca, Xove regresou á Coruña co movemento do 15M e atopou na Marea o seu lugar. Traballador social de formación, este coruñés da liña 14 ten praza en Correos, é músico e ten experiencia como fruteiro ou panadeiro, ademais de ter sido deputado no Parlamento de Galicia. Xan Xove compartiu con Quincemil como afronta as eleccións, os retos da cidade e a situación do partido na segunda das entrevistas que realizamos polo 28M.

Como afrontas esta conta atrás para o 28M?

Con moita ilusión, con moito ánimo e con ganas de convencer a todos os coruñeses e coruñesas de que Marea Atlántica é imprescindible. É a forza que decide e marca a axenda política na cidade da Coruña e ten que seguilo facendo despois do 28 de maio.

As primeiras enquisas dan unha baixada na intención de voto a Marea, que reduciría a súa representación no Concello da Coruña. Que valoración facedes delas?

As enquisas din que hai unha bolsa de indecisión de entre o 35 e o 40%. O noso traballo é explicarlles a todos os coruñeses e coruñesas, en calquera recuncho no que vivan, que o proxecto da Marea Atlántica é imprescindible. O que tamén indican as enquisas é que vai haber unha maioría progresista: como se compoña é o que ten que definir a cidadanía, pero que exista é unha boa noticia.

(As enquisas indican que) vai haber unha maioría progresista: como se compoña é o que ten que definir a cidadanía, pero que exista é unha boa noticia

A que achacades esa baixada? Houbo unha perda de confianza na esquerda por esa ruptura que deu lugar a Marea e Por Coruña?

Insisto en que hai unha gran indecisión e ata que non teñamos os resultados definitivos non faremos unha análise do que aconteceu. Sí que é certo que esa división probablemente nos perxudica. Seguimos sen entender por que Podemos decidiu unilateralmente no 2020 coller unha acta da Marea Atlántica e facer a súa vida en solitario. É unha decisión que temos que lamentar e coa que temos que convivir, son os veciños e veciñas da Coruña os que teñen que dicir onde queren poñer o seu voto: se un voto que pode ser útil para conformar un Goberno e poñer un proxecto claro de cidade enriba da mesa ou se queren votar outras forzas onde non se saben a onde van parar esos votos.

¿É posible recuperar esa confianza?

Sí. Hai un 35-40% de indecisión e temos claro que imos recuperar a esas persoas porque somos a forza que decidiu a axenda política prácticamente nos últimos 10 anos na cidade da Coruña. Calquera medida progresista, calquera avance democrático na cidade da Coruña pasou por ser ou unha proposta da Marea Atlántica ou polo desenvolvemento posterior dunha proposta da Marea Atlántica probablemente mal, con retraso ou da esquerda de Ali Express. Se queres Marea Atlántica, hai que votar Marea Atlántica; se queres a devolución gratuita dos peiraos, a gratuidade das escolas infantís municipais, a renda social municipal e políticas de vivenda para intentar que A Coruña deixe de ser unha cidade onde é posible alugar, hai que votar Marea Atlántica.

As enquisas tamén apuntan a que Inés Rey podería precisar apoio para volver ser alcaldesa da Coruña. Vós fostes fundamentais na última investidura. Se volvese ser clave o voso apoio, como o plantexades?

O mandato de Inés Rey foi fortemente decepcionante. Non cumpliu os acordos de investidura: non é que non os cumpla con Marea Atlántica, e que non os cumple coa cidadanía. Por exemplo, o contrato da renovación da xestión dos residuos sólidos urbanos da Coruña, catro anos despois nin sequera publicaron os pregos do novo contrato; o polideportivo de San Diego, tres anos de retraso da renovación na concesión; o contrato de lixo que se aprobou baseándose nos pregos que deixou preparados a Marea Atlántica con numerosas melloras na súa prestación de servicios. Inés Rey tampouco cumpriu cando tiña que facer fronte ao problema de que na Coruña se encarecía a vivienda e que era imposible que a xente moza ou con salarios máis reducidos lograra acceder a un prezo razonable.

A Marea Atlántica fomos unha forza útil, construtiva e responsable durante este mandato, con propostas claras enriba da mesa como por exemplo nos orzamentos de 2022, onde se consignaron nove millóns de euros para impulsar políticas públicas relacionadas coa vivenda munipal, dos cales se empregaron 0. Tomaremos boa nota destes catro anos. Seguindo co tema da vivienda: os únicos dous proxectos de vivenda municipal pública que están en marcha tanto na rúa Pontejos como en Xuxán son propostas da Marea Atlántica. Foron catro anos perdidos en materia de vivenda, onde o prezo da renda media para alugueiro na cidade da Coruña xa está prácticamente nos 600 euros e onde dende que goberna Inés Rey se duplicaron as vivendas turísticas na cidade. Non podemos confiar en Inés Rey, e por iso chamamos ao voto para Marea Atlántica.

O candidato á Alcaldía por Marea Atlántica, Xan Xove.

Unha Marea Atlántica na que cambian as caras. María García, Iago Martínez, Silvia Cameán e Alberto Lema despedíronse no último pleno de maio. Déronche algúns consellos? Que papel seguirán tendo na formación?

Contamos con eles e con elas. Cando nacimos no 2014 non só era para xestionar mellor ou poñer en marcha proxectos de cidade mellores, que o fixemos, senón coa idea de cambiar o modelo de participación política. Asumimos diferentes compromisos éticos. Un deles era a rebaixa do salario, e con estes excedentes salariais poñemos en marcha proxectos sociais vinculados á Marea Atlántica como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela de Proxectos. Tamén puxemos en marcha os Orzamentos Participativos, o Dillo ti, o escano cidadán e a posibilidade de seguir os plenos por streaming. Tamén había un compromiso ético de non permanecer máis de oito anos en postos de representación pública. Para mín é un orgullo que as persoas de Marea Atlántica cumplan con iso: agora irán aos seus traballos ou se o desexan pasarán a colaborar coa Marea dende outro lugar. É unha experiencia que non podemos desaproveitar, igual que Xulio Ferreiro está activamente traballando e colaborando. Son compañeiros moi valiosos e seguirán aí colaborando.

Uns marchan e outros volven. Falabas agora de Xulio Ferreiro. Deuche algún consello para afrontar o proceso electoral?

A Marea Atlántica ten un espíruto que atravesa as persoas e os proxectos, e unha frase que empregaba moito Xulio Ferreiro é 'alá onde rematan as competencias comezan as incumbencias'. Isto teno demostrado reiteradamente a Marea Atlántica, esa empatía, esa sensibilidade. Que chamen á porta e non digas que iso non é da túa administración. Cando a Marea Atlántica puxo en marcha a renda social municipal non era da competencia directa, podíamos quedar na crítica contra a Xunta ou o Estado, pero non facemos iso. É a nosa incumbencia porque son veciños e veciñas. Iso é algo que nos caracteriza e Xulio Ferreiro é unha das persoas máis empáticas que coñezo.

Agora poñemos en marcha propostas incluso superando ou rozando os límites do ámbito competencial do poder municipal. Propuxemos nos orzamentos en 2022 un plan de saúde mental. É moi doado dicir que lle corresponde ao Sergas, pero dende a pandemia temos un problema bastante notable e evidente desas situacións. Agora propoñemos un plan piloto de renda básica universal e axudas para unha xornada piloto de catro días laborais. Son cuestións que trascenden o ámbito municipal pero forman parte das nosas incumbencias. Ese é un dos máis grandes consellos que recibimos de Xulio Ferreiro e dos demais integrantes da Marea: a empatía, ter os pés na terra e a capacidade de escoitar.

Ese é un dos máis grandes consellos que recibimos de Xulio Ferreiro e dos demais integrantes da Marea: a empatía, ter os pés na terra e a capacidade de escoitar

Cales son os principais retos aos que se vai enfrontar o futuro alcalde ou a futura alcaldesa da Coruña?

Hai urxencias e cuestións máis estruturais que tamén deben ser abordadas. Entre as urxencias, a vivenda é un dos problemas principais. Nós xa propuemos nestos últimos anos, ademais deses nove millóns para políticas de vivenda pública, mellorar a bolsa de alugueiro social, facer unha bolsa de alugueiro para xente moza, construir 250 vivendas públicas nos terreos que xa ten o concello con fondos do concello... Esta é unha cuestión que nos caracteriza a Marea Atlántica: como nós gobernamos e estivemos na oposición intentamos que as nosas propostas sexan realistas e realizables a curto prazo.

Outros retos que ten A Coruña é abordar a transición ecolóxica, un reto moi complexo e con grandes oportunidades, e darlle unha volta completa ao seu sistema de mobilidade con sistemas que demostran que funcionan: para a poboación é cada vez máis habitual coller a bicicleta. Cando a Marea Atlántica puxo en marcha a bicicleta, había moitas críticas e agora cada mes bátense records de usuariso e auméntanse estacións, aínda que máis lentamente do que nos gustaría. Ademais, no 2024 remata a concesión da compañía privada de tranvías da Coruña e gustaríanos que se puxera encima da mesa con claridade que se pode crear unha empresa municipal de transporte onde o Goberno municipal, a cidadanía, teña a capacidade directa de actuar sobre a mobilidade que quere no seu futuro.

Isto é fundamental, porque non solo é A Coruña, é a súa área metropolitana. E este é outro dos retos que ten A Coruña por diante: non se pode entender A Coruña coma unha illa separada de Culleredo, Oleiros, Arteixo ou Cambre. A área metropolitana ten que ser unha realidade, porque A Coruña xa non é unha cidade que remata na Pontepasaxe, A Coruña é unha área metropolitana ao bordo da ría do Burgo que engloba 400.000 persoas e retos globais que afectan a esas 400.000 persoas. Dende Marea Atlántica xa impulsamos no pasado a Declaración de María Pita, que foi o impulso máis importante en décadas cara a área metropolitana. Por desgracia, o Goberno de Inés Rey non fixo os deberes nese sentido.

Non se pode entender A Coruña coma unha illa separada de Culleredo, Oleiros, Arteixo ou Cambre. A área metropolitana ten que ser unha realidade

Seguindo coa transición enerxética, no pasado propuxemos un operador enerxético municipal, que está en fase de estudo técnico. É unha boa solución para non deixar a ninguén atrás e que as persoas que teñan problemas para acceder a un mínimo enerxético poidan facelo por medio da compañía eléctrica municipal. Tamén puxemos en marcha, así o acordamos co Goberno de Inés Rey, o mapa das enerxías renovables da cidade da Coruña, que se podería aproveitar para incluso ter unha xeración propia da enerxía.

Temos retos coma os peiraos. Marea Atlántica rachou o marco conceptual que eran os convenios de 2004 e temos a sospeita de que se a Marea non tivese chegado á Coruña seguiríamos nese proxecto anacrónico de vender ao mellor postor inmobiliario toda a fachada marítima da cidade. Agora o novo chanzo talvez sexa a democratización dos usos dos peiraos: queremos saber en que condicións se poden usar, como un veciño, un clube ou unha asociación de veciños poden propoñer algo para facer nos peiraos. Isto ten que ser compatible con usos industriais, comerciais e sobre todo pesqueiros: para nós é fundamental que a lonxa e a economía azul teñan o seu papel na Coruña. Son moitos metros os que se van desafectar e existen actividades portuarias que deben ser protexidas e continuadas.

Con todo isto que queda por facer, viaxamos ao futuro, ao 29M. Se os resultados son positivos para Marea, subindo en representación ou chegando incluso á Alcaldía, que é o primeiro que vai facer Xan Xove?

Vivenda, inflación e mantemento dos barrios que están máis lonxe do centro da Coruña, que están moi abandoados. Estos tres temas teñen que ter un plan de choque inmediato.

A política non remata na institución: a Marea Atlántica é unha ferramenta para, dende a institución, xestionar mellor os recursos e levar adiante políticas mellores

E poñéndonos no peor dos escenarios, cuns malos resultados nas eleccións, hai risco de que a Marea desapareza ou hai continuidade?

A Marea ten continuidade mentres a cidade da Coruña así o desexe. Nós, encantados de seguir loitando dende o lugar onde os coruñeses e as coruñesas nos sitúen. Moitas das persoas que estamos na Marea Atlántica levamos toda a vida traballando en movementos veciñais ou sociais, en plataformas en defensa da saúde pública ou do tren, en movementos ambientalistas... A política non remata na institución: a Marea Atlántica é unha ferramenta para, dende a institución, xestionar mellor os recursos e levar adiante políticas mellores. Non só hai que votar un día, senón que o resto dos días tamén hai que facer política, movilizarse, ser solidario cos veciños e veciñas e esixir dos deberes públicos que cumpran os seus compromisos ou acaden uns novos.

Indo máis alá, dentro de catro anos e se Xan Xove fose o alcalde, como será A Coruña?

Será unha cidade que abordou os seus retos principais, a emerxencia climática, que non deixou a ninguén atrás, que logrou que as persoas conseguiran unha vivenda a un prezo asequible, unha cidade moito máis limpa e aberta, que non ten esa desigualdade interna, onde nos barrios máis alonxados do Obelisco teñen unha calidade de vida equivalente aos barrios centrais. Esa é a cidade que nós queremos: azul e verde, con moito futuro, con risas, boas festas, concertos e actividades culturais.

Xan Xove, el candidato de Marea Atlántico, en ocho curiosidades

https://www.tiktok.com/@quincemil15000/video/7233304303740407067

¿Eres socio del Dépor ou tes algún referente deportivista?

Non o son, gustaríame selo. Vivo ao lado e de cando en vez vou aos partidos. Vou dar un referente que é un xogador que se chamaba Sabín Bilbao, porque cando deixou o Deportivo montou unha panadería, tiña un forno de pan, e nós naquel momento tiñamos un forno de pan. Era un fútbol, unha cultura deportiva, moi diferente á de hoxe en día.

Un referente na túa carreira política

Varios e varias. Xulio Ferreiro foi unha persoa que rachou moitos marcos, e Ada Colau como alcaldesa de Barcelona está demostrando que se pode facer cidade doutra maneira, conectando o reto da transición ecolóxica co crecemento da cidade e ao mesmo tempo xerando unha nova cultura de participación política. E máis alá, eu que veño do anarquismo, Ferrer Guardia, que conectou a educación, os ateneos libertarios e as escolas racionalistas coa impulsión da cultura e da educación dunha xeración que foi a que levou ao Estado español a ter unha Segunda República. Tamén a loita obreira, pero máis alá diso a educación dos nenos e das nenas.

Un plan para desfrutar do domingo na Coruña.

Recomendo moito no meu barrio de Labañou, onde vivo agora, as illas de San Pedro, a zona do Portiño. Recoméndolles aos coruñeses e coruñesas que non as coñezan que veñan a coñecer un anaquiño da Costa da Morte dentro da cidade da Coruña.

A tortilla, con cebola ou sen cebola?

Con ovo, se pode ser (risa). Non me decanto.

Se unha persoa visita por primeira vez A Coruña, que é o primeiro que lle recomendarías facer?

Ver o mar do Orzán e da Torre de Hércules. O que nos define á cidade da Coruña é ser unha pedra chantada no medio do mar. Esa Coruña súperatlántica, ese fin de Europa chantado no medio do mar. E logo diríalle que fose aos barrios menos coñecidos, a esa A Coruña que está máis alá da praza de Pontevedra, que a pesar de ser aparentemente fea, é onde bule esa cultura popular coruñesa, esas tabernas que temos nos barrios, esa vida... Un barrio como A Agra do Orzán, tamén lle diría que se achegara a coñecer esa amalgaba de culturas que temos na Agra.

Unha canción para a xornada de reflexión.

Como músico, podería dicir unhas cantas. Vou a arrimar ao lume da miña sardiña. Estos días morreu unha das persoas máis queridas na cidade da Coruña que era Arsenio, do que era moi famoso o seu aparentemente mal humor, aínda que era moi entrañable, moi cercano. Ao mesmo tempo era unha persoa moi prudente. Arsenio dos meus compañeiros Os Diplomáticos de Monte Alto. Como dicía el, hai moito que dicir e pouco que contar. Espero que nestas eleccións haxa moito que dicir e tamén moito que contar.

Completa a frase: A Coruña é a mellor cidade para...

...ir de viños, para coñecer o océano Atlántico... A verdade é que A Coruña é a mellor cidade para moitas cousas, espero que no futuro poidamos definir máis o que é A Coruña e que non sexa unha caricatura e un estereotipo como moitas cidades que creceron turísticamente e non foron máis alá diso. Eu o que quero é que sexa a mellor cidade para que vivan os coruñeses e as coruñesas.

Actualidad