El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

Acelerar o binomio industria-enerxía

A conselleira de Economía destaca a aposta por unha reindustrialización verde e as oportunidades para a industria en Galicia
María Jesús Lorenzana
Por María Jesús Lorenzana
Instalación de eólica marina en una imagen de archivo.
Instalación de eólica marina en una imagen de archivo.

Se de algo temos que ser conscientes as administracións e o tecido produtivo é de que o proceso de descarbonización da economía é inaprazable e imprescindible para mitigar os efectos do cambio climático. En Galicia temos claro que este contexto de transición enerxética e dixital hai que saber interpretalo en clave de oportunidade, co marco que nos brindan os fondos europeos Next Generation. Unha oportunidade para a reindustrialización verde e para reivindicar o noso potencial en enerxías limpas e novos vectores enerxéticos.

Dese binomio industria-enerxía é do que vai depender a competitividade da economía galega nas vindeiras décadas. E, por iso, os Orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Innovación para o vindeiro ano, que presentamos esta mesma semana, son unha auténtica declaración de intencións. Manteñen a tendencia á alza e soben por riba da media do resto de consellerías, un 5%, ata os máis de 435 millóns de euros, cun obxectivo principal que é mobilizar a actividade económica e industrial en Galicia vinculada ás enerxías renovables. Mobilizar, no sentido de poñer á disposición do tecido empresarial todos os incentivos necesarios para captar novos investimentos, empezando pola eliminación da burocracia administrativa e pasando polo apoio financeiro -case 100 millóns de euros-, o acceso a solo industrial e o reforzo á innovación.

Cremos que vai ser un importante revulsivo nese sentido unificar na Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, todas as liñas de contacto, consulta, asesoramento e acompañamento ás empresas. E imos acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que rebaixamos as condicións para seren declarados estratéxicos -a partir de 2 millóns de euros de investimento- e garantímoslle un prazo de tramitación dun ano. E, doutra banda, prestamos atención especializada aos de menor tamaño que superen os 800.000 euros. Todo, no marco do que vai ser unha nova estratexia de política industrial, coa que faremos, ademais, unha prospección dos diferentes sectores en Galicia, tradicionais e emerxentes, para coñecer perspectivas e necesidades que plasmaremos en diferentes plans directores.

Como ata o de agora, a fórmula da colaboración público-privada vai seguir sendo indispensable; particularmente, para atraer capital externo con interese por investir en Galicia. Queremos que a ningún proxecto lle falte o financiamento necesario e, para iso, crearemos un fondo público-privado xunto con entidades financeiras, aseguradoras e xestoras de pensións, que vai contar cun capital inicial de 300 millóns de euros aos que a Xunta achega ata o 10 %. Nesta mesma liña, a iniciativa privada tamén vai ser clave na sociedade mercantil que se vai constituír ao amparo da futura lei de recursos naturais para investir en proxectos de renovables.

Estamos ante unha oportunidade histórica para Galicia, e particularmente para a provincia da Coruña, que vai ser o foco do que levamos reclamando que sexa unha transición xusta. Desde as plantas de hidróxeno verde previstas nas Pontes e Meirama, ata o proxecto de Resonac en A Grela ou a futura plataforma experimental de eólica mariña en Punta Langosteira. Nestes emprazamentos temos depositadas expectativas ligadas á aceleración do binomio industria-enerxía, pero estamos convencidos de que esa carteira de iniciativas medrará se existe un marco administrativo propicio que, simplificado ao máximo, pasa por facelo ben e rápido. Por esta orde.

María Jesús Lorenzana
María Jesús Lorenzana
Conselleira de Economía, Industria e Innovación. Nació en A Coruña en 1981. Se licenció en Derecho por la Universidad de A Coruña (promoción 2004) y posteriormente cursó estudios superiores de Derecho Autonómico por el Instituto de Derecho Público de Barcelona. Entró a formar parte de la escala de letrados de la Xunta de Galicia por oposición en mayo de 2007, ocupando diversos puestos tanto en la Asesoría Jurídica General como en la Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar y en la Presidencia de la Xunta. Desempeñó además el puesto de secretaria general técnica en las consellerías de Traballo e Benestar (2013-2015), Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (2015-2018) y Medio Rural (2018-2020). Tomó posesión como conselleira de Emprego e Igualdade en septiembre de 2020. Fue conselleira de Empleo e Igualdad desde septiembre de 2020 a junio de 2023, cuando tomó posesión como conselleira de Economía, Industria e Innovación.