Exeria naceu en Ponteareas en 2021, cando a pandemia aínda condicionaba o día a día e volver xuntarse para tocar comezaba a ser posible. Cinco anos despois, a banda superou os 50 concertos, percorreu diferentes puntos de Galicia, levou a súa música a Portugal e afronta unha nova etapa marcada pola evolución do seu son e pola gravación do seu traballo máis ambicioso ata o momento.
A formación está integrada actualmente por catro músicos: Mateo González (voz e guitarra), Martín Alfaya (voz e coros e principal compositor), Miguel Ángel Martínez (baixo) e Diego Lage (batería). O proxecto xurdiu da relación musical que xa existía entre varios dos seus integrantes, que anteriormente compartiran outros grupos.
As súas influencias miran especialmente cara ao rock alternativo dos anos 90, con nomes como Radiohead, Oasis ou Nirvana, pero cunha característica que forma parte da súa identidade desde o comezo: as súas cancións están escritas en galego.
O próximo 3 de outubro, Exeria chegará ao Cazuza Music Club, na Coruña, onde actuará a partir das 20:00 horas. Antes da cita, Diego Lage, batería da formación, fala sobre as orixes do proxecto, a súa aposta polo galego, a evolución do seu son e a experiencia de traballar co produtor británico Nick Brine.
Exeria nace en Ponteareas en 2021, aínda coa pandemia moi presente. Como se forma a banda?
A banda basicamente formabámola Martín, Miguel e mais eu. Eu practicamente medrei con Martín e xa tivera outros grupos con Miguel, así que ao final decidimos montar esta banda. Ao principio conseguimos un cantante, Javier, pero co paso do tempo non puido continuar connosco. Despois fóronse incorporando outros membros e agora estamos dándolle duro. Xa fixemos máis de 50 concertos por toda Galicia, tamén fomos tocar a Portugal e estivemos nalgúns festivais pequenos. De momento, moi ben.
Viñades doutros proxectos musicais. Que buscabades facer xuntos que non puiderades facer anteriormente?
Máis que facer algo totalmente novo, queriamos facer a nosa propia versión da música. Temos influencias dos 90, como Radiohead, Oasis ou Nirvana, e queriamos plasmar algo así. Pero tamén tiñamos a inquietude de facelo en galego, así que dixemos: "Por que non? Imos intentalo". Esa foi un pouco a idea orixinal do grupo.
Como é o voso proceso creativo?
Martín, que é o guitarrista, adoita traer unhas demos e despois traballámolas todos no local. Traballamos as melodías, as baterías, os baixos... Interiorizámolas para convertelas nas cancións do grupo e sempre acabamos engadindo ou cambiando algunha parte.
Definídesvos como unha banda sen demasiadas ataduras estilísticas. Se tiveses que explicarlle a alguén como soa Exeria, que lle dirías?
Eu utilizaría a etiqueta de rock alternativo, porque realmente di bastante sen dicir nada. Está claro que facemos rock, pero quizais non é ese rock español máis coñecido por todos, como Barricada ou Marea. É algo distinto. "Alternativo" simplemente quere dicir que non estamos na corrente máis central. Creo que é unha etiqueta que di moito sen dicir nada.
Nun momento dominado por outros xéneros, seguides apostando polas guitarras e por un son moi orgánico. Sentídesvos un pouco "románticos" do rock?
Si, aínda que quizais máis que románticos somos nostálxicos. Creo que o rock pode estar máis ou menos de moda, pero non é algo que chegue a un punto e se acabe. Nós facemos unha música que pode ser actual aínda que non estea dentro da corrente principal.
Preferimos facer algo que nos guste e que nos dea satisfacción antes que intentar facer algo moi comercial ou moi vendible que quizais tería outros resultados, pero que non nos enchería tanto. Ao final, un artista ten que facer algo que realmente sinta como propio. Eu podería poñerme agora a facer música latina, bachata ou merengue, pero se non é unha música que mamei e que sinto de verdade, sempre sería algo un pouco impostado.
Desde o principio decidistes escribir as vosas cancións en galego. Foi unha decisión natural ou unha declaración de intencións?
Foi unha decisión natural. Por unha banda, non coñeciamos moitos grupos que fixesen un estilo como o noso en galego. E, por outra, nós falamos galego, así que sempre o vimos como algo natural.
Hai xente que pode pensar que cantar en galego limita a música a Galicia, pero eu case o vexo ao contrario: como un carácter diferenciador e algo moi positivo, non como algo que nos vaia limitar.
Credes que actualmente existe máis espazo para facer rock en galego e conseguir chegar a públicos diferentes?
Máis que falar de rock en galego, creo que agora existe unha maior apertura a escoitar música noutros idiomas. Se veñen os Foo Fighters tocar, todo o mundo entende que canten en inglés porque é o seu idioma. Por que nós non imos facelo en galego?
Se mañá imos tocar a Madrid, Barcelona ou calquera outro sitio, non creo que o idioma teña que ser ningún problema. Pode ser unha experiencia nova para o público. Hoxe podes gozar de calquera tipo de arte sen ter que entendelo absolutamente todo e, se despois queres coñecer as letras, podes buscalas ou traducilas.
"Sobre a independencia" foi o voso primeiro gran traballo e levouvos a realizar máis de 20 concertos. Que cambiou para Exeria con aquel EP?
Para nós foi un pequeno paso máis. Para grupos como o noso, sacar un disco de maneira independente é moi complicado e temos que ir facendo lanzamentos periódicos, pouco a pouco. Sobre a independencia supuxo un salto algo máis grande tanto a nivel de videoclips como pola recepción que tivo.
Agora estamos preparando outro EP e acabamos de sacar o primeiro adianto, Demasiado gris. Estes lanzamentos máis grandes sempre son máis agradecidos que publicar unicamente un single.
Este 2026 destes outro paso con "Todo É Imposible", mesturando rock e hip-hop. Como nace esa canción?
Fixemos esa incursión co noso amigo Amorodo e estamos súper satisfeitos co resultado. Cando falamos de ser alternativos tamén nos referimos a iso: un día podemos coller referencias diferentes ou facer unha canción con alguén que vén doutro estilo e non pasa nada. Para nós é algo natural. Tamén incorporamos scratches e estamos moi contentos con como quedou.
Este ano gravastes o voso traballo máis ambicioso en Órbita Sonora con Nick Brine. Que supuxo para vós?
Fomos a Alacante, a Órbita Sonora, para producir o noso EP con Nick Brine, que traballou con Oasis, Coldplay ou The Stone Roses. Son grupos que asentaron un son que para nós é unha referencia. Traballar con el foi como subir catro ou cinco chanzos de golpe.
Foi unha experiencia moi especial. Contounos tamén moitas anécdotas da súa traxectoria, algunhas tremendas. Atopamos a posibilidade de traballar con el alí, conseguimos cadrar todo entre todos e a experiencia foi unha pasada.
Despois desta gravación, cal dirías que é a canción que mellor representa á banda Exeria de 2026?
Diría que Demasiado gris, porque é o último que gravamos. Unha banda vai evolucionando co tempo e o máis representativo debería ser o último que fixo. Con este tema demos outro pequeno paso cara a un son diferente, algo máis luminoso e guitarrero. Creo que agora temos un son un pouco máis inglés e estamos nese barco.
O próximo 3 de outubro actuades no Cazuza Music Club, na Coruña. Que concerto preparastes e que vai atopar alguén que aínda non vos viu?
Imos facer un concerto en formato eléctrico, porque tamén facemos actuacións acústicas. No Cazuza será un concerto de rock, pero co noso estilo.
Creo que temos unha proposta diferenciada e orixinal, algo distinto que pode gustarlle a moita xente que aínda non coñece Exeria. Sempre introducimos tamén algunha canción máis acústica e mesturamos un pouco de todo. Creo que vai ser un concerto moi interesante de ver.
Que supón para vós tocar na Coruña e como foi ata agora a vosa relación co público da cidade?
Non é a primeira vez que tocamos alí e a experiencia foi moi boa. Como non somos da Coruña, é lóxico que aínda haxa moita xente que non nos coñeza e ás veces pode resultar un pouco máis complicado.
Para este próximo concerto creo que vai vir bastante xente. Outros compañeiros sempre me falan moi ben do público da Coruña e eu tamén teño esa percepción. Estou seguro de que lles pode encantar o concerto e temos moitas ganas de volver.
