Publicada

A iniciativa ONDA CHICHA, impulsada por Chichalovers e Radio Líder Santiago, chega para dar visibilidade ao novo talento musical galego. O proxecto convida a bandas e artistas emerxentes de toda Galicia a inscribirse e formar parte desta plataforma de difusión que combina música, entrevistas e gravacións profesionais, co obxectivo de crear unha rede de apoio real á creación local.

O primeiro prazo de inscricións péchase mañá, martes 28 de outubro, e xa conta cunha notable acollida entre o público e o tecido musical galego, con decenas de propostas recibidas nas primeiras semanas. O 30 de outubroanunciarase o primeiro finalista, e o 3 de novembro estrearase a primeira entrevista en Radio Líder Santiago e nas canles dixitais de Chichalovers.

Cada mes, un artista ou banda seleccionada terá a oportunidade de:

  • Realizar unha entrevista exclusiva en Radio Líder Santiago.
  • Gravar un tema no Chichalovers, como fiestra de visibilidade e promoción.
  • Actuar en directo no gran evento final, o ChichaFest 2026, que se celebrará na Sala Capitol de Santiago.

"ONDA CHICHA é unha xanela aberta á nova onda da música galega. Queremos descubrir e acompañar ás voces que están marcando o futuro do noso panorama musical", explican desde a organización de Chichalovers, que destacan tamén a importancia de ofrecer espazos profesionais e visibilidade mediática ás novas xeracións de artistas.

Ademais das accións mensuais, o proxecto contará con contido especial en redes sociais, vídeos das sesións de gravación e pequenas cápsulas documentais sobre cada artista participante, co fin de achegar o público ao proceso creativo e ás historias que hai detrás de cada canción.

As inscricións poden realizarse a través das redes sociais de Chichalovers e da web de Radio Líder Santiago, e a convocatoria manterase aberta de forma mensual ata abril de 2026.