No Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar levamos tempo repetindo unha idea que hoxe xa é unha evidencia internacional: o deporte converteuse nun sector estratéxico, clave para a saúde pública, a economía produtiva e a innovación tecnolóxica. O noso sector deixou de ser un complemento para transformarse nun motor transversal que impacta na mobilidade, na saúde, no turismo, no envellecemento activo, na educación e no benestar social.
Neste contexto global, en Galicia tomamos unha decisión: crear a nosa propia aceleradora de innovación deportiva, a Business Factory Sport (BF Sport). Un proxecto que impulsamos directamente desde o Clúster en colaboración co IGAPE, e que responde a unha necesidade real do noso territorio: dotarnos dun instrumento estable que permita atraer talento, impulsar startups e modernizar o tecido empresarial deportivo galego.
Un sector que necesita innovar para poder crecer
A industria do deporte está cambiando a unha velocidade que nunca viramos: intelixencia artificial aplicada ao rendemento, dispositivos conectados, saúde dixital, tecnoloxía en instalacións deportivas, modelos híbridos físico-dixital, experiencias deportivas apoiadas en datos e novos servizos orientados ao benestar integral.
E, ao mesmo tempo, aparecen retos estruturais que non poden resolverse só con vontade:
Envellecemento da poboación e necesidade de promover un estilo de vida activo.
Instalacións deportivas que precisan modernización e eficiencia enerxética.
Novas esixencias de sustentabilidade en entornos costeiros e naturais.
Consumidores que buscan experiencias personalizadas e medibles.
Empresas e clubs que necesitan ferramentas para dixitalizarse.
Unha administración pública que ve no deporte unha vía para reducir custos sanitarios.
Se Galicia quere situarse nunha posición competitiva, non abonda con manter o que temos.Temos que innovar.
E para innovar fan falta tres cousas: talento, investimento e ecosistema.
A BF Sport nace precisamente para iso.
Por que unha aceleradora galega do deporte?
1. Porque Galicia tiña un baleiro no ecosistema emprendedor
Contamos con incubadoras tecnolóxicas, espazos de innovación, hubs dixitais… pero faltaba un instrumento especializado en deporte, saúde e benestar.Un espazo onde as ideas se poidan transformar en proxectos empresariais viables, con mentorización, metodoloxía e financiamento.
A BF Sport cobre ese espazo.
2. Porque a industria galega do deporte é potente, pero necesita modernizarse
Temos cadeas de ximnasios que están expandíndose por España, empresas que fabrican equipamento, compañías tecnolóxicas, clubs con proxectos innovadores, destinos de turismo activo e operadores que levan anos profesionalizando o sector.
A aceleradora permitirá que todo ese tecido avance cara un modelo máis dixital, eficiente e sostible.
3. Porque sen startups non hai innovación continua
As grandes transformacións do deporte —a IA, os wearables, as plataformas de adestramento, a análise de datos, o material deportivo intelixente— están nacendo en startups. Se queremos que esas solucións tamén xurdan en Galicia, temos que darlles un lugar onde crecer.
4. Porque o impacto económico e social do deporte é enorme
Hoxe sabemos que:
Cada euro investido en actividade física xera un retorno de ata 5 euros para a sociedade.
O deporte reduce custos sanitarios, mellora a produtividade e aumenta a cohesión social.
Promover actividade física é unha política pública altamente rendible.
A aceleradora permite desenvolver empresas que non só crean emprego, senón que contribúen a que Galicia sexa unha sociedade máis activa, máis sa e máis innovadora.
5. Porque Galicia ten condicións únicas para liderar áreas clave
Temos unha costa inmensa, natureza diversa, centros de investigación, empresas tecnolóxicas, clubs profesionais, unha rede de instalacións deportivas ampla e un ecosistema público que aposta pola actividade física.
Somos un laboratorio perfecto para testar innovación en deporte azul, saúde e envellecemento activo, tecnoloxía aplicada ao rendemento, turismo deportivo, sustentabilidade en instalacións, deporte ao aire libre...
A BF Sport permite transformar ese potencial en proxectos concretos.
Un proxecto do Clúster para construír futuro
Cando desde o Clúster decidimos impulsar a BF Sport, fixémolo coa visión posta no longo prazo:Galicia non pode conformarse con seguir a estela doutras rexións. Galicia pode liderar.
A aceleradora non é un fin en si mesma. É unha ferramenta para: xerar emprego cualificado, atraer talento, conectar empresas con ciencia, dotar ao sector de músculo innovador, impulsar startups que cambien o modo de facer deporte, e construír unha Galicia máis activa e máis saudable.
Nun mundo onde o deporte xa é saúde, economía, tecnoloxía e benestar, Galicia necesita posicionarse. A BF Sport é o paso que nos permite facelo.
Galicia atópase nun momento decisivo. Temos talento, empresas sólidas, centros de coñecemento, natureza única e unha sociedade que entende o valor do deporte. Pero o que realmente determinará o noso futuro non son só os recursos que temos, senón a capacidade de transformalos en oportunidades. A creación da BF Sport non é un xesto simbólico: é unha chamada a que Galicia deixe de mirar con envexa o que ocorre noutros lugares e aposte por ser protagonista.
Porque innovar no deporte non vai só de tecnoloxía: vai de saúde, de igualdade, de futuro e de orgullo colectivo. A historia do deporte é, en realidade, a historia da innovación. Desde o salto Fosbury que revolucionou o atletismo en 1968, ata o impacto dos wearables, do big data ou mesmo da tecnoloxía VAR, cada avance transformou a maneira en que adestramos, competimos e coidamos da nosa saúde. O que hoxe nos parece obvio —medir o sono co reloxo, personalizar cargas de adestramento, analizar partidos con algoritmos— naceu algunha vez como unha idea atrevida. Por iso Galicia necesita un espazo onde esas novas ideas poidan aparecer, medrar e converterse na próxima gran revolución do deporte: esa é a misión da BF Sport.
Pedro Iglesias
Presidente do Cluster Galego do Deporte