Publicada

Sempre crin na forza da unión, para todo. Porque non hai nada máis poderoso e transformador que persoas camiñando xuntas, da man, co mesmo obxectivo común. E cando falamos de feminismo, a meta é a igualdade entre mulleres e homes tanto no ámbito afectivo como no profesional, tanto nos espazos públicos como nos privados, en cada lugar no que habitamos a vida. Un mundo no que vivir libres e seguras, un bo mundo para todas e tamén para todos, aínda que algúns deles non o teñan descuberto polo de agora. Dende estas liñas detéñome un intre para expresar que, a estes últimos, esperámolos con moita ilusión e os brazos abertos a que comecen o camiño xunto a nós, ao noso carón, cara unhas masculinidades igualitarias e non violentas.

Galicia é lugar de mulleres de alma subversiva e loitadora, mulleres que con forza e perseveranza conseguiron revelarse con moito sufrimento as súas costas. Cando falo das nosas devanceiras, lémbrome das anécdotas que me contaba a miña avoa Fina da fábrica de conservas de Cariño. O que me contaba ela sobre as conversas coas compañeiras, ás súas demandas por conseguir máis xustiza, máis igualdade ou a importancia que lle outorgaban de forma natural ao apoio mutuo, éncheme de honra. Tamén das cancións que entoaban, e que adoitaba cantar na casa cando eu era nena. Agora, anos despois e cando ela xa non está, entendo que encaixaban moi pouco co imaxinario da muller abnegada e submisa que se potenciaba naquel momento. Ela era todo menos un “anxo do fogar”. A miña avoa Fina nunca encaixou nese estereotipo, nin tampouco as súas compañeiras.

Elas e as súas conquistas, seguidas das nosas nais, son a base sobre a que construímos feminismo hoxe. Son as que nos guían por un camiño cheo de desafíos, con moitas barreiras aínda por rachar, pero co enorme impulso que nos ofrece o seu legado. Elas somos nós, sodes vós, es ti. Mulleres que avanzamos á vez para reverter os desequilibrios sociais. Isto é o que moitas faredes e faremos este 8M: encher as prazas e rúas dos pobos e cidades para festexar os logros acadados e exixir unha igualdade real e efectiva.

Por iso, o queremos amosar e defender este 8 de marzo desde a Xunta de Galicia é a forza da unión interxeracional do feminismo. E se hai unha forma que nos permite transmitir esta mensaxe con emoción e desde á conexión é a música. Reunimos a máis de 30 artistas galegas consolidadas e emerxentes nun proxecto cultural sen precedentes para poñer voz a un único sentir, o latexo imparable da igualdade de xénero.

É unha conversa musical única e conmovedora que nace da unión de dúas cancións, cada unha pertence a xeracións e sentires diferentes pero que, cando as reproducimos ao mesmo tempo, é moito máis poderosa. O resultado de esa unión é “O noso canto”, composta pola artista galega Belém Tajes, que quere ser, que é, un chamamento á irmandade e á sororidade.

Este Día Internacional das Mulleres anímovos a que alcemos da man a nosa voz, “O noso canto”, porque todas xuntas resoamos máis forte.

Coñece este proxecto en onosocanto.gal