Contido patrocinado
A Deputación da Coruña pecha este mércores a súa participación en Madrid Fusión cun balance moi positivo, marcado pola elevada afluencia de público ao longo das tres xornadas e polo interese suscitado arredor dos produtos e do talento gastronómico da provincia. A institución provincial despídese así dunha nova edición dun dos grandes escaparates internacionais do sector reforzando a campaña 'A paisaxe que sabe' como marca de promoción dun territorio que entende a gastronomía como un elemento estratéxico de identidade e desenvolvemento.
O vicepresidente da Deputación e responsable das áreas de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que a presenza en Madrid Fusión responde a unha traxectoria consolidada.
Segundo lembra, hai aproximadamente catro anos a enogastronomía converteuse no primeiro produto turístico da provincia da Coruña, o que levou á institución a participar de maneira sostida en eventos de referencia, tanto a nivel galego como internacional, ata estar hoxe "nun dos máis importantes do Estado como é Madrid Fusión".
O vicepresidente da Deputación e responsable das áreas de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira (primeiro pola esquerda), en Madrid Fusión.
Para o vicepresidente, a cadea de valor da enogastronomía da provincia da Coruña é "o noso verdadeiro Sillicon Valley", un patrimonio que cómpre coidar, protexer e aproveitar, especialmente no mercado internacional.
Neste contexto, a Deputación levou ao certame un elenco de oito produtores e tres exemplos representativos da restauración da provincia, cunha presenza territorial ampla e diversa. Regueira destaca que, xunto ás presentacións e degustacións de produto e ás demostracións de cociña en directo, a proposta incluíu tamén a participación dun sumiller para dar a coñecer os viños das dúas indicacións xeográficas protexidas existentes na provincia: Terra de Barbanza e Iria, por un lado, e Betanzos, polo outro.
Coñecer a despensa coruñesa
Ao longo das tres xornadas, centos de persoas achegáronse ao posto da Deputación para coñecer de primeira man a calidade e diversidade da despensa coruñesa, tanto do mar como da terra, e as múltiples posibilidades de transformación e reinterpretación culinaria.
A resposta do público profesional confirma, segundo a institución, o interese crecente polos produtos de proximidade, pola súa trazabilidade e pola capacidade de contar unha historia vencellada á paisaxe e á cultura gastronómica.
As presentacións e degustacións sucedéronse desde a primeira xornada e continúan hoxe, con referencias xa consolidadas como as Gallegas de Nata da Coruña, a Despensa D’Lujo de Coristanco, as conservas da Conserveira, os queixos de Galmesán, as elaboracións dos Biosbardos de Cambre ou os bocadillos de rixóns dos santiagueses Chichalovers.
A combinación de produtos e propostas permitiu amosar non só a calidade da materia prima, senón tamén a súa versatilidade e as posibilidades de colaboración entre empresas do propio territorio.
Demostración de Gallegas de Nata en Madrid Fusión.
A cociña en directo e a posta en valor do produto de quilómetro cero tivo un papel central na programación, cunha sucesión de demostracións que combinaron tradición cunha ollada ou reinterpretación contemporánea.
Nas primeiras xornadas, Fabián Mouzo e Lara Alvarellos, do restaurante O Camiño Fala de Mazaricos, reivindicaron a cociña de sempre, ligada á memoria e ao receitario popular, con elaboracións como os callos ao estilo de Carnés ou as albóndegas de atún en salsa verde. Pola súa banda, Silvia Facal e Rafa Varela, do restaurante Balarés de Ponteceso, ofreceron unha lectura máis actual da despensa mariña, poñendo o foco no produto de baixura e na súa conexión co Atlántico.
Xunto á vertente culinaria, a programación incorporou tamén accións divulgativas, con relatorios e catas a cargo do sumiller e formador Alejandro Paadín, que permitiron afondar nos viños das IXP xa mencionadas e reforzar a idea de que a paisaxe tamén se expresa a través do viño como parte esencial da identidade gastronómica da provincia.
Para pechar a súa presenza en Madrid Fusión, a Deputación conta este mércores coa participación da chef Lucía Freitas, cunha estrela Michelin, que protagoniza a xornada final con dúas demostracións en que combina produtos da provincia en propostas de alta cociña vencelladas ao territorio, como a cabaza asada con pesto de Galmesán, o mexillón tigre ou o guiso de navalla con salsa verde de algas.
Máis alá da visibilidade mediática, desde a Deputación destacan que este tipo de citas teñen un retorno directo para os produtores e produtoras participantes, favorecendo a creación de contactos comerciais, a apertura de novos mercados e o establecemento de sinerxías. Neste sentido, Regueira lembra que o acompañamento institucional resulta "clave" para facilitar o acceso a un espazo ao que moitas pequenas empresas non poderían acudir de maneira individual.
