Publicada

¿Vigo fala pouco galego? Como respostaría un galego: Depende. Se isto fose así, iniciativas como "Faladoiros" non terían durado máis dun lustro, nin se escoitaría pola rúa a nais e pais falarlles en galego aos seus fillos. Cada vez máis.

Dende a asociación que promove encontros semanais en distintos recunchos da cidade para falar galego -tamén existe posibilidade en liña- queren aportar unha visión máis optimista neste senso fronte a moitas enquisas que veñen a poñer de manifesto unha perda de galegofalantes.

Irene Romeu, docente de Lingua Galega, unha das promotoras da iniciativa e presidenta da Asociación Faladoiros Vigo, conta como xurdiu: "Notamos que non había espazos para a práctica de lingua galega na cidade, pero tamén pensamos naquelas persoas interesadas en aprendela ou normalizala no seu uso", explica a presidenta da asociación, que conta na actualidade con medio cento de socios. "Trátase, en definitiva, de compartir a lingua e o amor que sentimos por ela", anota.

Aínda que Irene é docente de Lingua, o certo é que entre os socios hai profesionais vencellados a outros campos como a Ciencia. "Somos un grupo bastante diverso", remarca Romeu. Todos eles se xuntan semanalmente -e principalmente- no Café Catro a Catro, no entorno das Travesas. "Tamén nos temos xuntado nalgún outro local do centro da cidade e, actualmente, a nosa segunda localización máis habitual é na Escola de Idiomas de Vigo", engade.

Encontro de "Faladoiros" en Vigo. Cedida

Voluntarios a prol do galego

O corpo de organizadores está formado por persoal voluntario e a aportación dos socios é meramente simbólica: 12 euros ao ano. A participación nos faladoiros é totalmente aberta e gratuita. Soamente é necesario cumplimentar un documento previo de inscrición. "Nos axuda a saber con cantas persoas traballamos, pero bueno, tampouco imos a pasar lista. Esto é totalmente aberto e libre", puntualiza Romeu.

En canto ao número de asistentes, o certo é que vai variando: "Hai semanas que somos 14 e outras, catro. Temos horarios fixos e regulares que se poden consultar nos nosos perfís. Os encontros adoitan durar unha hora, pero logo é certo que moita xente se queda falando", precisa Irene.

Dende o 2020 pasaron polos faladoiros "xente moi diversa e con circunstancias moi variadas". Eso si, a comunidade virtual, pola súa condición telemática, adoita manter a unha comunidade máis habitual. "Ás presenciais asiste xente que está preparando o Celga, persoas migrantes que acoden con certa curiosidade ou interese, ou que tamén van a preparar a proba de Galego; xente de aquí que vén atraída pola vertente máis afectiva... Pero tamén temos xente fixa", remarca Irene.

Encontro en liña para falar galego. Cedida

O galego si se fala en Vigo

Sobre a situación actual do galego, dende a asociación queren ser optimistas frente ao habitual derrotismo neste eido: "Nós reivindicamos que a lingua segue a estar moi viva na cidade. Ademáis, hai unha perspectiva moi idadista", lamenta Irene. "As persoas de 70 en diante falan galego. Que se diga que ninguén fala galego a verdade é que nos parece unha ocultación lamentable. É coma se estas persoas contasen menos. Por outra banda, a situación da lingua galega aínda segue a ser diglósica, polo que hai moita xente que non declara que a fala. Nós pensamos que hai moita máis presenza da que se di", engade.

Hai datos para a esperanza e o optimismo: "Moitos pais e nais lles falan galego aos seus fillos, moitos. Habería que deixar atrás un pouco o derrotismo, porque hai moito por facer", conclúe unha das impulsoras dos faladoiros en Vigo.

Esta asociación precisa, do mesmo xeito, dun apoio institucional que a axude a seguir medrando, precisamente, nesa liña optimista. Neste senso, recentemente foi quen de participar na elaboración dun exemplar sobre a Fala de Vigo. Porque Vigo ten a súa historia e a súa cultura vencellada ao galego e merece e precisa manterse viva.