Publicada

Contido patrocinado

Nunca antes un espectáculo infantil en galego levantara tanta expectación en Galicia. Os catro paxaros protagonistas de 'Bibopalula' intercambian as pantallas polas táboas para converter os teatros e auditorios das cidades galegas en auténticas festas.

"Un espectáculo que queremos que as cativas e cativos tarden en esquecer", aseguran desde Ainé, a produtora de Xosé A. Touriñán, que está detrás dunha proposta moi ambiciosa. "É o momento de demostrar que desde Galicia tamén podemos facer teatro infantil ao grande", apunta Álvaro Pérez Becerra, produtor do espectáculo, ao tempo que sinala o reto que supón sacar adiante un proxecto así: "Non é habitual un gran musical infantil creado aquí, e non é habitual que non sexa gratuíto, pero estamos convencidos de que a experiencia non decepcionará a ninguén que decida mercar a entrada".

Bibopalula é un espectáculo pensado para os máis pequenos. Cedida

Detrás da proposta teatral de Bibopalula está un equipo de preto de trinta persoas -case a metade deles en xira- para facer de cada escenario un gran bosque e colocar as decenas de elementos que sorprenderán ás nenas e nenos durante os cincuenta minutos de espectáculo.

Lidia Veiga é a protagonista dunha peza escrita e dirixida por Marta Lado, que conta as aventuras da Banda do Bosque na busca dun misterioso tesouro. Polo medio, as cancións máis coñecidas da serie de debuxos, coreografías, e un espectacular deseño de iluminación.

Estrearase na Coruña, no Teatro Colón, o sábado 7 de xuño pola tarde. Máis da metade do aforo xa está vendido e desde a produtora aspiran a encher as case mil butacas, e mesmo a repetir máis adiante. A demanda crece a medida que se achega a data, e desde distintos colectivos como asociacións de nais e pais xa se mercan as entradas para ir en grupo.

Despois da estrea recibirán á Banda do Bosque en Santiago (8 de xuño), Pontevedra (14 de xuño), Vilalba (15 de xuño), Verín (21 de xuño), Vigo (22 de xuño), Cee (28 de xuño) e Ourense (29 de xuño). As entradas poden mercarse na web do espectáculo, www.bibopalula.gal, e en Ataquilla.

Bibopalula chega aos teatros de Galicia. Cedida

Un proxecto que non deixa de medrar

Bibopalula é, desde a súa estrea o pasado mes de novembro en Xabarin.gal, o contido máis visto da plataforma de contidos infantís de entretemento da Televisión de Galicia. Os cincuenta e cinco capítulos que contan as aventuras da Banda do Bosque conquistaron ás máis pequenas e pequenos a través da música e dos atractivos de todo o que acontece entre árbores e nubes.

Coas cancións -compostas polos músicos Santi Jul e Iván Laxe- xa dispoñibles en todas as plataformas de audio e en YouTube, un conto infantil, e unha primeira edición dunha colección de roupa, o espectáculo é, sen embargo, o formato máis agardado polas familias.

Para as próximas semanas anunciarase un acordo de distribución internacional da serie, e empeza a soar a posibilidade de que Bibopalula chegue tamén ás salas de cine.

Andrés Mahía e Laura Mahía, creadores do proxecto, participan nos últimos meses en distintos foros nos que falan das claves do éxito da serie: amor pola natureza e pola música, e por suposto, pola lingua, que precisa e merece de toda a produción cultural infantil posible.