Con cada inicio de curso, na UDC facemos propósito e poñémonos novas metas. Nunha situación xeopolítica como na que nos atopamos, con grandes retos sociais e científicos, na universidade temos importantes desafíos cuxa resolución pode axudar a saír máis fortes desta conxuntura. Elementos que serán claves para adoptar o cambio definitivo no modelo produtivo (a economía baseada no coñecemento), para abordar o cambio climático e as transformacións sociais necesarias.
A universidade debe ser unha panca ao servizo da sociedade, cuxos problemas primordiais deben ser analizados tamén desde a perspectiva universitaria nos aspectos docentes, investigadores e de transferencia. Para dar resposta, é imprescindible un financiamento estrutural suficiente. Un incremento orzamentario das partidas estruturais é clave para poder acometer un dos desafíos máis importantes aos que nos enfrontamos como institución, a renovación xeracional.
Tamén o é para poder afrontar as necesarias tarefas de rehabilitación, mantemento, mellora da eficiencia enerxética e humanización das infraestruturas das que dispón a Universidade da Coruña e, por suposto, para mellorar as condicións laborais de todo o seu persoal (docente, investigador e de administración e servizos). pois o servizo que damos á sociedade depende en gran parte de contar cun financiamento acorde ás necesidades reais.
Unha universidade viva debe estar en contacto permanente coa súa contorna e en constante evolución, o que nos leva a reflexionar sobre as titulacións existentes e aquelas futuras que deben dar servizo á sociedade á que se debe. Este proceso de reflexión comezou hai xa uns meses e deu lugar á nosa aposta decidida por implantar a titulación de medicina na UDC, pero é necesario continualo e amplialo, co fin de mellorar a relación de títulos da UDC e o SUG, rematando de identificar aquelas polas que imos apostar no futuro.
A intensificación da internacionalización da Universidade da Coruña levounos a aprobación dunha estratexia dirixida a impulsar a mobilidade e a incrementar a nosa presenza internacional. Unha liña de traballo na que se enmarca a sinatura dun bo número de acordos con universidades latinoamericanas, moi especialmente de Arxentina e de Chile, pensados coa finalidade de chegar á proposta de titulacións dobres. Tamén, como non, co inicio, no pasado mes de xaneiro, da Alianza de Universidades Europeas EMERGE, un exemplo de como a universidade se implica nos retos sociais tras este primeiro cuarto do século XXI. Na mesma liña, botará a andar unha nova edición da Alianza UNISF, coas outras universidades galegas e as da rexión norte de Portugal.
Acadar un maior protagonismo da Universidade na sociedade será outra das prioridades durante o curso 2025-2026, da man do pulo da investigación, a transferencia a Ciencia Aberta e a Ciencia Cidadá.
Precisamente ao servizo da transformación no tecido produtivo está o programa UDC Conecta, iniciado a pasada primavera e que continuará desenvolvéndose intensamente ao longo do curso que agora comeza.
Como en calquera institución pública, a transparencia e a rendición de contas son aspectos que terán un papel fundamental ao longo deste curso académico, como xa o tiveron durante o anterior. Tamén a participación, que formou parte de procesos que deron lugar a cambios importantes normativos na universidade, ao longo do último ano e novos cambios que se producirán nos vindeiros meses como consecuencia da implantación dos novos Estatutos da UDC e a renovación de todos os órganos de goberno da universidade por imperativo da LOSU.
En definitiva, comezamos un curso , con ilusión, coa máxima enerxía e coa convicción de facer da Universidade da Coruña a mellor universidade posible, e que iso nos permita que dentro dun ano poidamos marcarnos novos retos de futuro.