Era unha mañá de febreiro e as ondas de Pantín rompían con forza baixo un ceo gris que parecía abrazar a costa galega. Un grupo de surfistas percorría a praia coas súas táboas, mentres a brétema mariña mesturábase co cheiro a sal e a terra húmida. Non eran turistas habituais; viaxaban buscando movemento, deporte e natureza, lonxe do bulir do verán. Esta escena resume unha realidade crecente: o turismo deportivo está a transformar Galicia nun destino para gozar durante todo o ano.

Lonxe de limitarse aos meses de sol e praia, Galicia ofrece experiencias que conectan coa súa esencia nas catro estacións. Os datos o avalan o turismo deportivo move millóns en España: en 2024 alcanzou os 8.351 millóns de euros. E non falamos só de fútbol ou Fórmula 1. Cando falamos de turismo deportivo referímonos tanto ao turismo activo, cando se practica deporte, coma ao pasivo, cando se asiste como espectador. No primeiro caso, actividades como o surf, o sendeirismo, o ciclismo ou o golf xeraron 2.680 millóns de euros, mentres que o turismo pasivo alcanzou os 5.671 millóns, con incrementos do 15% ao 20% respecto a 2023.

Galicia encaixa á perfección nestas modalidades. Imaxinen camiñar polos sendeiros dos Ancares ou do Courel, perderse entre bosques e montañas, sentir a brisa na cara mentres percorren camiños cicloturistas que cruzan vilas e rías. Ou pensar nun amencer en Doniños, coma ese grupo de deportistas que este innverno desafiaba a praia, coa area fría baixo os pés e as ondas listas para surfear. No turismo pasivo, eventos como O Marisquiño en Vigo, os eventos internacionais de triatlón en Pontevedra ou O Gran Camiño atraen a milleiros de visitantes que, ademais de gozar da competición, se mergullan na vida local e da cultura galega.

Unha das grandes vantaxes deste tipo de turismo é a súa capacidade de desestacionalizador a economía: carreiras populares na primavera, torneos de pádel ou campionatos de surf fóra da tempada alta permiten que hoteis, restaurantes e comercios manteñan actividade durante todo o ano. Isto xera emprego, máis de 255.000 postos en España, e dinamiza zonas rurais, revitalizando pequenas localidades e axudando a fixar poboación.

Pero máis aló dos números, o que fai único ao turismo deportivo en Galicia é o seu vínculo coa natureza e coa comunidade. Quen viaxa para moverse busca autenticidade: consumir produtos locais, respectar os paisaxes, valorar a riqueza natural que fai posible o seu deporte. A práctica deportiva e a sostibilidade encóntranse, porque coidar o entorno significa coidar a experiencia.

O impacto económico e social é directo e multiplicador: investimento en instalacións, albergues e transporte que logo beneficia a toda a comunidade, gasto turístico que se diversifica e, ao mesmo tempo, proxección internacional de Galicia como un destino que combina deporte, cultura e natureza. Pero tamén é social: fomenta hábitos saudables, xera comunidade e difunde o coñecemento da nosa terra.

O turismo responsable non é só unha necesidade ambiental; é un acto de respecto cara a quen vivimos aquí e cara a quen nos visita. Este agosto, cando as praias se enchen de visitantes, lembremos que Galicia ten moito que ofrecer durante todo o ano, e que podemos facelo sen danar o que fai única a nosa terra. Como as e os surfistas en Pantín baixo o ceo invernal, que axudan a impulsar o turismo deportivo e conseguir alcanzar o reto do Plan 2 Millóns, atraendo visitantes que veñan a moverse… e que, ao volver á casa, conten ao seu entorno que aquí, no fin do mundo, temos un paraíso para vivir o deporte.