Ramón baixou ao súper por mandarinas e volveu con olivas, dúas bolsas de patacas e un donut de chocolate... e non mercou as mandarinas.

Lucía prometeu que non volvería escribir ao seu ex... e un segundo despois

volveu escribirlle.

Martín entrou no ascensor e pulsou o botón de pechar insistentemente... para

non ter que subir co seu xefe.

Eva decidiu rotundamente tatuarse... a pesar do “non” rotundo do seu pai.

E Emilia foi dando pasiños para colarse na fila do súper con moito, moito

disimulo.

Pois igual que terías feito ti.

Así comeza este ano a campaña de Down España, baixo o lema #TanComoTú.

Un lema que non necesita explicación, porque o di todo.

As persoas con síndrome de Down son tan como ti. Tan como min. Tan como

calquera.

Non son sempre doces, nin sempre obedientes, nin sempre felices. Son persoas. Con días bos e días malos. Con dereito a tomar decisións absurdas, a equivocarse, a cambiar de opinión, a querer vivir soas, a saír de festa ou a quedar na casa sen dar explicacións. Con dereito, en definitiva, a vivir unha vida propia.

Na Asociación Down Coruña levamos 25 anos loitando para que iso sexa posible. E vemos e celebramos os avances, como fixemos recentemente no Paraninfo da Universidade da Coruña xunto co resto das entidades do Movemento Down Galicia. Alí estabamos as persoas con síndrome de Down, as súas familias, o persoal técnico das entidades Down, e representantes da administración pública e do sector privado, para celebrar o camiño percorrido, e para continuar defendendo dereitos, conquistando espazos e promovendo unha inclusión real.

Grazas ao esforzo das familias e os equipos técnicos que conforman as entidades Down, hoxe hai persoas con síndrome de Down que viven de forma independente, que traballan, que fan voluntariado, que estudan, que envellecen con dignidade. Pero tamén seguimos vendo como moitas outras persoas seguen tendo que pedir permiso para todo. Como se a súa vida lle pertencese a outras persoas.

Por iso, no Día Mundial da Síndrome de Down, non queremos aplausos. Nin

vídeos bonitos. Nin emocións pasaxeiras.

As persoas con síndrome de Down queren que as deixemos escoller.

E escollen non ser protagonistas de vídeos inspiradores só unha vez ao ano.

Escollen non ser tratadas coma persoas menores de idade eternas.

Escollen non ter que demostrar nada extraordinario para ser recoñecidas como

persoas completas.

Escollen decidir. Coma ti.

Porque, párate uns segundos a pensar ¿que sentirías se sempre opinasen por ti?

¿Se cada paso da túa vida dependese doutras persoas?

¿Se todo o que fixeras fose visto como “un mérito” ou “un risco”?

A liberdade tamén é esquecer as mandarinas, escribir ao teu ex, ou tatuarte sen

permiso.

A liberdade é decidir. A inclusión, tamén.

E ser unha persoa inclusiva non é dar permiso, é recoñecer dereitos. Non é adaptar un recuncho para que certas persoas encaixen, é construír en conxunto dende o comezo. É normalizar a presenza de persoas con síndrome de Down en todos os espazos, sen paternalismo e sen etiquetas.

Non trates ás persoas con síndrome de Down como excepcións entrañables.

Non as uses para sentirte mellor contigo mesmo/a.

Non lles aplaudas porque madrugan, ou porque rin.

Déixaas decidir. Déixaas escoller. Déixaas vivir.

E se te ves reflexado en Ramón, en Eva, en Martín ou en Emilia…

Pois si, vai ser que as persoas con síndrome de Down son tan como ti.

A verdadeira igualdade non é que che celebren un día, senón que che respecten

todos.

E a verdadeira inclusión comeza por algo tan sinxelo, e tan poderoso, como

deixar escoller.

Berta Lema Añón

Directora da Asociación Down Coruña