Desde o 2022, Rodrigo Vázquez é unha das caras máis coñecidas de TVE. O ourensán é o presentador de El Cazador, o concurso das tardes de La 1 que, polo momento, ten esta primavera como data final de emisión. Con todo, o galego xa era coñecido desde antes en Galicia, onde estivo en espazos como Ti verás, Aquí Galicia ou Quen anda aí? da TVG.
Agora, Rodrigo leva xa preto de catro anos vivindo na Coruña, un privilexio ao que non renuncia malia traballar en Madrid pola calidade de vida que ten na cidade. O galego, que se define como presentador de profesión e deportivista de devoción e a quen lle gusta "xogar" coa guitarra, fai un repaso pola súa traxectoria e o momento actual que vive El Cazador.
Esta será a última tempada de El Cazador?
Non hai nada oficial. Estanse facendo cambios na programación. En principio, por parte de Televisión Española, parece que é un punto, non sei se seguido, pero punto e a parte. Teñen outros proxectos confirmados en ciernes e supoño que cando estea todo preparado, daranlle pausa a El Cazador.
Xa gravamos para facer un peche bonito do que foi o programa porque tivo unha traxectoria moi boa. Xa estaba ben cando eu cheguei e tivemos os mellores datos de audiencia. Logo fixeron algún cambio de horario e de formato que, aínda que tiveran a mellor das intencións, funcionaron mal. Para min o formato era a pedra fundamental do programa e se cambias as regras do xogo, cambia totalmente.
El Cazador está logrando aínda así grandes datos de audiencia. É unha presión ou un aliciente?
Un día estás facendo 13 e outros 6 e nin un día es tan bo nin outro tan malo. A miña filosofía de traballo é facer os formatos o mellor posible, entender cales son os puntos fortes e potencialos e ver onde están as debilidades e intentar escondelas. Aí atrás tivemos un sprint gravando varias tempadas xuntas e iso baixa a calidade. Aínda así, o equipo fixo un gran traballo ata o último día e síntome moi orgulloso do programa.