El Español
Treintayseis
Vivir
|
Música

Dios Ke Te Crew: "Fixemos rap en galego para normalizar a lingua e conectar co público"

Falamos con Sokram, un dos membros da formación, sobre a orixe da banda, a situación do hip hop nos seus comezos e a súa visión do futuro
DIOS-KE-TE-CREW
Ofrecido por:

A banda máis importante do hip hop galego, Dios Ke Te Crew, celebra os seus 20 anos sobre os escenarios coa súa xira Tremendos Anos 20. O novo directo contén unha potente posta en escena audiovisual, na que as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións da banda.

O pasado verán presentaron o seu último disco, En que ano estamos!?. Este traballo conta coas colaboracións doutros grupos destacados como Boyanka Kostova ou High Paw. Este sábado actuarán ás 21:30 horas no Playa Club. Hoxe charlamos con Sokram, un dos membros da formación sobre a orixe da banda, a situación do hip hop nos seus comezos e a súa visión do futuro.

Que se van a atopar os vosos fans neste espectáculo?

É un repaso polos temas mais emblemáticos da nosa traxectoria como grupo e tamén en solitario. Ademáis tocaremos cousas dos novos traballos. Estaremos acompañados coma sempre por A.L. Crego, que proxecta animacións feitas para cada canción.

Esa posta en escena chama moita a atención

Nos últimos tempos vimos traballando con A.L Crego, que é un auténtico "xogón". Estaremos acompañados por Boyanka Kostova e haberá algunha sorpresiña máis

Celebrades vinte anos, esperabades chegar a tanto?

Canto comezas non o pensas, pero ata aquí chegamos e esperamos seguir adiante

Cando empezastes, como estaba o tema do hip hop en Galicia? Tiñades algún referente ou mirabades cara o exterior?

Cando empezamos era practicamente todo campo e estaba en barbeito (ri). Había algo, pero moi minoritario, algúns grupos por Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e nós. Referentes en Galicia non había nada, salvo o heavy de Malandrómeda. Máis alá de algunhas cousas puntuais que podemos chamarlle "protorap", como algunha canción dos Resentidos. As nosas referencias viñan de Estados Unidos e de Francia, algo de Brasil e Portugal, e algúns grupos de España.

Vós erades adolescentes nos 90 e pillastes a época do auxe

Foi unha época que pasou de non haber nada a sair algúns grupos. Cando saíu o primeiro disco de CPV, nós estabamos facendo os nosos primeiros pinitos. Logo chegaron grupos como SFDK ou Violadores del Verso. O primeiro grupo que montamos foi Cinco Talegos, que había integrantes de Dios Ke Te Crew.

Dicías que antes era todo campo, agora xa está todo máis sementado?

Agora hai un montón de proxectos, moitos rapaces facendo rap en galego ou castelán, de distintos paus dentro do xénero. Está máis normalizado.

Colaborades con Boyanka, que é un grupo que tivo moito éxito entre a xente moza. A música urbana ten o seu propio ecosistema en Galicia?

Xa non é so Galicia, é a nivel global. O hip hop expandiuse como un virus e é unha música da cultura popular. A música que triunfa por todo o mundo son músicas urbanas. Que conste que non estou dacordo con que se diga xénero urbano, porque nós por exemplo non vimos dun entorno moi urbano, que somos dun pobo (ri).

Unha cousa importante é que cantando en galego conectades con xente de todos lados

Buscamos conectar coa xente, de aquí ou de outro lado. Nunha música como o rap, se te entenden vaille ser máis doado conectar contigo. Cremos que a música pode conectar con xente de Galicia ou de Xapón.

Sodes uns pioneiros do rap en galego

Deuse o caso de que si. Naquel momento fomos uns tolos en facer rap, porque éramos catro gatos. No noso pobo eramos so nós (ri). Eramos conscientes do que estaba pasando e do que iba a pasar. Igual que estaba pasando en outros países como Francia, onde petou o hip hop, en España ía a pasar. Víase nas rúas a xente facendo rap, pintando grafitis ou bailando break. Era a nosa realidade, é a nosa lingua materna, pero tamén o facíamos cun posicionamento ideolóxico para normalizar a lingua e conectar co noso público.

Como ves o futuro? Botaredes vinte anos máis?

Espero que si, a nosa idea e seguir tocando e gravando discos ata que a saúde nolo permite. Vai saír outro LP a final de ano, e traballos en solitario que sairán nos próximos meses. Ese é o noso plan como banda e a nivel persoal, para que esta cultura se siga estendendo.

E o futuro do hip hop en Galicia?

Vexo que ten moito futuro, hai moitos grupos facendo cousas, vai haber xente que perdure e que funcione, pero como en todo. Eu creo que vai ter moito futuro.

TEMAS:
Vivir