XIII Congreso Docomomo Ibérico en Varias localizaciones en A Coruña
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) organiza, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), do 22 ao 25 de outubro, o XIII Congreso Docomomo Ibérico, baixo o lema “A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975”.
Esta última, caracterizada por ser o contacto entre dous medios tan dispares como o mar e a terra, é moi esixente e reclama unha coidada atención. Así o entendeu a modernidade, que resolveu cunha expresión en moitas ocasións debedora do propio medio marítimo, as esixencias expostas por programas moi diversos: lonxas, naves portuarias, factorías, clubs náuticos, balnearios, poboados de pescadores ou vivendas unifamiliares e colectivas, entre outros.
O lema desta edición conecta co espírito do Convenio Europeo da Paisaxe, asinado en Florencia o 20 de outubro de 2000, que salientaba o valor da paisaxe como elemento esencial para o benestar individual e colectivo. Neste contexto, o Congreso pretende reflexionar sobre o patrimonio arquitectónico e paisaxístico vinculado ao mar, abordando tanto a súa conservación como a súa reinterpretación contemporánea.
Programa
O Congreso abrirase o mércores 22 de outubro, ás 18:30 horas, na Fundación Barrié, coa inauguración oficial e a conferencia de apertura a cargo do arquitecto Enric Batlle, da Universidade Politécnica de Cataluña.
Durante as xornadas do xoves 23 e venres 24, as sesións desenvolveranse na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, estruturadas en catro bloques temáticos:
Dinámicas sociais e económicas da arquitectura costeira moderna
Territorio e paisaxes marítimas modernas
O mar como tema da modernidade
Lecer, deporte e natureza e a forma e significado das arquitecturas do mar na modernidade
O programa inclúe conferencias de especialistas como Eliana Sousa Santos, da Universidade de Coimbra; María Manuel Oliveira, da Universidade do Miño; Juan Caridad Graña e Fernando Agrasar, da Universidade da Coruña; ademais de mesas redondas e a inauguración dunha exposición no COAG.
O sábado 25 de outubro o congreso trasladarase a Ferrol, onde se celebrará un percorrido pola ría e unha visita ao Arsenal, culminando coa conferencia de clausura de Celestino García Braña.