Encuentro-coloquio 'Patrimonio Moderno en Facultad de Ciencias de la Educación - UDC
A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC-UDC) celebrarán o vindeiro luns, 15 de decembro, o encontro-coloquio “Patrimonio Moderno en Galicia. Conversas”, ás 19:00 horas na sede colexial (rúa Federico Tapia, 64).
Estudantes e profesorado da ETSAC falarán sobre o valor e o futuro deste legado arquitectónico, a partir dos traballos expostos na mostra “Arquitecturas en curso. Modernidade na ETSAC”, aberta ao público ata o 23 de xaneiro do 2026 no COAG Coruña.
Nesta exposición pódense ver traballos do estudantado da ETSAC realizados no contexto do XIII Congreso Docomomo Ibérico, que se celebrou na Coruña do 22 ao 25 de outubro, e o seu obxecto é achegar aos profesionais e á cidadanía o traballo realizado polo estudantado da ETSAC.
O encontro-coloquio versará sobre o patrimonio moderno en Galicia, apoiándose nunha selección de traballos académicos que poden verse na exposición, en particular, Traballos Finais do Mestrado Universitario en Rehabilitación Arquitectónica e de Crítica Arquitectónica do Mestrado Universitario en Arquitectura.
Estes exercicios académicos recollen unha serie de casos de estudo de arquitecturas do século XX, situados ao longo de todo o territorio galego, que permiten reflexionar sobre os valores patrimoniais da modernidade arquitectónica en Galicia, sobre o seu estado actual – nalgúns casos en situación de ruína–, e sobre as estratexias de intervención necesarias para garantir a supervivencia e axeitada conservación deste valioso legado.
A partir da conversa das/os autoras/es destes traballos e dun amplo e diverso grupo de profesorado da ETSAC, convidarase aos asistentes a este acto a unirse ao debate.
Participarán Fernando Agrasar Quiroga, Claudia Barral Sánchez, Cristina Beberide García, Amparo Casares Gallego, Celestino García Braña, José Manuel García Castro, Óscar Ledo Romay, Nazaret López Díaz, Lara Martínez López, David Muñiz Loira, Andrea Pardo Castañeda, Luz Paz Agras, Eva Pérez Mosteiro, Emilio Rodríguez Blanco, Adriana Rodríguez González, Uxía Sampedro Teijeiro, Pepe Vázquez Rodríguez, Vier Arquitectos e Evaristo Zas Gómez.