Conferencia 'Enxeñaría Neuromórfica: IA sostible imitando o noso cerebro' de Teresa Serrano-Gotarredona en Universidade de A Coruña - Campus de Elviña (A Coruña)
Teresa Serrano-Gotarredona, profesora de investigación do CSIC no Instituto de Microelectrónica de Sevilla e directora do centro desde 2023, impartirá o vindeiro luns, 2 de marzo, unha conferencia sobre “Enxeñaría Neuromórfica: IA sostible imitando o noso cerebro”.
A charla terá lugar ás 12:00 horas na Sala Cloud do CITIC, no Campus de Elviña da Universidade da Coruña dentro do ciclo de conferencias “Converxencia verde: IA para un futuro sustentable”, impulsado pola cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes.
A enxeñaría neuromórfica céntrase en emular os principios computacionais e as arquitecturas dos cerebros biolóxicos para deseñar sensores e procesadores capaces de realizar tarefas cognitivas, como o procesamento visual ou auditivo, mellorando a eficiencia fronte ás implementacións convencionais.
Durante a conferencia, Serrano-Gotarredona explicará as diferenzas entre os sistemas neuronais biolóxicos e os sistemas de cómputo artificiais, tanto a nivel arquitectural como na codificación e procesado da información.
Un dos temas principais será mostrar como os nosos sensores poden captar o que vemos e transformalo en sinais eléctricas que o cerebro ou un ordenador pode entender.
Explicaranse tamén como estes sinais viaxan e se procesan dun xeito máis flexible e eficiente, sen necesidade de facelo todo ao mesmo tempo.
Ademais, mostrará exemplos reais de sensores e computadores inspirados no cerebro, creados polo Instituto de Microelectrónica de Sevilla, que permiten que as máquinas capten e procesen información visual de forma máis intelixente.
Experta internacional
Licenciada e doutora en Física pola Universidade de Sevilla, Teresa Serrano-Gotarredona completou os seus estudos de máster na Johns Hopkins University grazas a unha bolsa Fulbright.
A súa investigación céntrase no deseño de circuítos integrados analóxicos, sensores e procesadores neuromórficos para visión en tempo real e computación eficiente empregando dispositivos a escala nanométrica.
Ao longo da súa carreira, recibiu recoñecementos internacionais como o IEEE VLSI Systems Best Paper Award e o IEEE Circuits and Systems Darlington Award, ademais de desempeñar cargos destacados en comités e publicacións do IEEE.
Información del lugar
Lugar:
Universidade de A Coruña - Campus de Elviña (A Coruña)