El Español
Cultura
|
Audiovisual

Entrevista a Xosé A. Touriñán: "Teño ganas de volver a traballar na televisión en Galicia"

Entrevistamos ao todo terreo da comedia galega. Ademais de presentar un programa de viaxes en La 2, este venres estrea en salas 'Cuñados', unha comedia na que tamén actúan Miguel de Lira, Federico Pérez Rey e ata a súa propia filla: "Metíame caña, é moito máis profesional"
Antía e Xosé A. Touriñán.
Jaime Olmedo
Antía e Xosé A. Touriñán.

É o home do momento. ¿Deixou de selo nalgún momento? Xosé A. Touriñán está ante unha das súas semanas máis importantes do ano. Este martes estrenouse en La 2 o programa Rutas bizarras, que o cómico de Culleredo copresentará xunto á actriz Marta Hazas. Ademais, o venres chega ás salas galegas Cuñados, unha comedia que coprotagoniza xunta a Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez.

Cuñados é unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados embarcados nun plan disparatado para salvar ás súas familias. Está dirixida por Toño López, producida por Portocabo e distribuida por Filmax. Rodada tras o confinamento en Ourense, a súa produción foi todo un desafío, tal e como nos conta o propio Touriñán.

Pero a cabeza non para, e o polifacético cómico tamén continúa co espectáculo teatral de Fariña en Madrid, antes de dar o salto a outras localidades españolas. Falamos co bo de Touri destes e outros proxectos.

Regreso ás salas de cine con Cuñados

Que tal estivo a prestrea en Ourense?

Levamos moito tempo sen poder facer este tipo de eventos. Volver a ter esas sensacións de día de festa que é estrear unha peli... Había moita ganas. Foi moi chulo e moi bonito. A xente estivo moi agarimosa con nós. A estrea, co seu aplauso final, foi tamén moi bonito. Hai moitas ganas de volver á normalidade e de volver a disfrutar do cine, do teatro e dos concertos. De vivir. 

Era o teu primeiro visionado da película?

Non, porque xa víramos unha premontaxe, pero si que foi a primeira vez con público. Nós non somos obxectivos, pero eles si. É moito máis agradecido velo así, con risas e ver que a xente se divirte. 

"'Cuñados' e unha peli riquiña no sentido de que vas a vela, disfrútala e marchas cunha sensación boa"

A reacción foi moi positiva polo que vexo

Moi positiva, a verdade. É unha comedia, e houbo risas durante toda a peli. Houbo un aplauso moi longo ao final. Foi unha demostración de cariño brutal. Deses aplausos que che fan feliz. Teño ganas de ver a reacción do público nas salas, porque na prestrea moitos dos presentes eran persoas relacionadas coa película. 

Falouse de que Tennet foi a película que chegou para salvar á taquilla a nivel mundial. En España pasou o mesmo con Padre no hay más que uno 2, de Santiago Segura. É Cuñados o mellor exemplo trasladado a Galicia?

Si, pode ser. A verdade é que Filmax e Portocabo foron moi valentes de estrear a película neste momento. Todo o mundo está retrasando as súas películas. É para quitarse o sombreiro coa súa valentía. Creo que Cuñados é unha peli que está moi ben para o momento actual. É unha comedia que fai sorrir. É unha peli riquiña no sentido de que vas a vela, disfrútala e marchas cunha sensación boa. Aporta un pouco de luz. Ademais, visualmente tamén é moi bonita, con Ourense e a zona do Ribeiro preciosa. Ule e sabe moito a Galicia. En definitiva, penso que é un bo momento para esta película. Hai que probar e ver que non pasa nada. Solo cousas boas. Pasalo ben durante hora e media o esquecer a merda que estamos vivindo.

Segunda xeración de Touriñáns

O reparto está formado por xente sería parte do dream team da comedia en Galicia. Como foi traballar con eles?

É marabilloso. Eu son fan deles. Son os meus ídolos. Levámonos moi ben e somos amigos desde hai moito tempo. Xa non solo con Miguel e Fede, tamén con María, Iolanda e Eva. O equipo completo é como unha familia. Foi un traballo moi familiar, porque o momento que nos colleu foi moi complicado. Participa ata a miña filla e a afillada de Miguel, que fan das nosas fillas na ficción. Foi moi fácil traballar con eles.

"A miña filla era é moito máis disciplinada ca min. Metíame caña"

Que tal é traballar coa túa filla?

Debutou nesta película. Fai de miña filla. Como eran momentos complicados para rodar e xerar esas burbullas entre os participantes, pareceunos unha boa idea. Ademais, a tipa animouse a probar e fixo o casting e todo. Non o debeu facer mal de todo e collerona. De facer de miña filla tiña experiencia. Tiña algo gañado. Espero que prefira dedicarse a outra cousa, porque esta vida é un pouco así... Non sabes se terás traballo para o mes. Que faga o que queira, pero prefiro que sexa funcionaria e así teña un soldo todo o mes. Para cando me teña que cuidar, prefiro que teña uns ingresos estables para que me cuide mellor (bromea). 

Como foron os ensaios na casa con ela?

Era é moito máis disciplinada ca min. Metíame caña. Ela xa sabía o guión un mes antes da rodaxe. Moito máis profesional. 

"Viñamos de estar seis meses todo o equipo sen facer nada. Houbo unha xenerosidade enorme de todos. Nótase na peli"

Que tal foi a rodaxe en tempos de pandemia?

Foron catro semanas, moi pouco tempo para unha peli. Tiñamos os medios xustiños. Pero creo que a balanza se puxo do noso lado porque todos tiñamos moitísimas ganas de traballar. Viñamos de estar seis meses sen facer nada, todos queriamos retomar a nosa vida. Houbo unha xenerosidade enorme de todos. Nótase na peli todo iso. Por outro lado, houbo esa parte mala de que foi moi complicado ter continuidade. Todas as semanas faciamos test de antíxenos. Houbo varios falsos positivos e tivemos que confinarnos ata a confirmación. Foi complicado, pero o comportamento da xente foi extraordinario.

De novo na televisión

Esta semana volves a estar de actualidade pola estrea de Rutas bizarras, que copresentas xunto a Marta Hazas en La 2. Como vai ser?

Xurdiu durante a cuarentena. Xunto a Marta, propuxéronos esta opción. Fixemos a proba por videoconferencia. Eu nunca fixera ese tipo de cousas. Aí xa dixeron que nos compraban. Son 13 programas por toda España. Empezamos en Galicia e imos avanzando polo norte do país. Cando todo dios estaba metido na súa casa, nós estabamos buscando lugares raros e distintos. Non os que saen de primeiros nas guías. Sitios diferentes e bizarros, nos dous sentidos da palabra: frikis e fantásticos. Ten o seu compoñente de ficción. Marta é a encargada do programa e eu bótolle cara e súmome á súa viaxe. 

Comezando na casa, en Galicia, haberá que deixar o pavillón ben alto.

É complicado para os que somos de aquí. Fomos a sitios que eu xa coñezo de sempre, non hai sorpresa ningunha. Estivemos en Camelle, Fisterra, Oza... Non podo contar todos os lugares, que se non logo non o ve a xente. 

O éxito teatral de Fariña non ten fin

En Madrid seguides co espectáculo teatral de Fariña. Como levades esa gran acollida da obra?

Aquí en Galicia levamos máis de un ano sen traballar e sen poder ir ao teatro. En Madrid mantense para dar o soldo a todos os traballadores. E moi contentos que estamos. Levamos desde setembro, primeiro no Matadero, e desde decembro no Alcázar Cofidis. As funcións están abertas ata o 9 de maio, pero a ver se conseguimos chegar ata finais de mes ou xuño.

E despois Fariña vai seguir. Xa temos datas para xirar por outros lugares de España, tanto para este ano como para o próximo. Despois eu creo que ten que volver a Galicia. En canto podamos volver aos teatros. Fariña parará cando a xente queira. Está funcionando marabillosamente ben. Sabiamos que podía interesar e funcionar, pero non sabiamos que podía chegar a este punto. 

"O detalle de Pablo Iglesias, para a promoción, a verdade é que nos ven moi ben"

Volveuse a falar moito de Fariña estes días porque Pablo Iglesias levou un suadoiro do espectáculo. Chegáronvos mensaxes sobre iso?

Foi un dos espectadores que a viu. Está ben que os políticos veñan ao teatro. Tamén é certo que nós estamos en Madrid gracias a Andrea Levy, a delegada de Cultura. É unha función que levou ao teatro a políticos de todas as cores. O detalle de Pablo Iglesias para a promoción, a verdade é que nos ven moi ben. 

Plans de futuro

Entre o programa de La 2 e ter Fariña en Madrid, non estarás pensando en desembarcar na televisión nacional cun programa ou espazo propio?

Non teño pensado nin creo que sexa o momento. A verdade é que tanto Rutas Bizarras como Cuñados son traballos que fixemos o ano pasado e que agora estamos a promocionar. Ademais, levo case dous anos e medio sen traballar en Galicia na televisión. Teño traballo e non me queixo de nada, eso si. Este ano abrín portas e camiños que non sabía nin que existían. Case teño máis ganas de volver a traballar en galego e en Galicia na televisión que ter un programa propio a nivel nacional. Ti mira o que estou dicindo, que teño ganas de estar na casa despois de máis de un ano sen saír de aquí. Temos algún proxecto grande que será anunciado nas próximas semanas. Hai que ir facendo de todo.

"Teño máis ganas de volver a traballar en galego e en Galicia na televisión que ter un programa propio a nivel nacional"

Nunca pensáchedes en trasladar as charlas que tiñades Perdomo e ti en Instagram a outro formato?

Por suposto, pero é complicado. Ten que haber un interese moi grande por parte da televisión ou de algunha productora para que pase. É certo que nós tampouco nos movimos moito. Creo que de aqueles vídeos tivo moito que ver que Perdomo colabore no programa de Dani Rovira en La 1. Está pendente de facer algo xuntos en teatro, que o faremos. Xa está falado e medio armado.

Eran directos que provocaban moitos ataques de risa. Incluso en vós.

Xa non era para a xente, era para nós. Era unha medicina tan boa para nós. Eu estoulle moi agradecido a David por aqueles bos ratos que botamos.

Algún proxecto máis entre mans?

Hai un, pero non se pode contar ata que sexa anunciado. Vai ser algo moi grande e espero que guste á xente.

¡Síguenos en Facebook!
Cultura