El Español
Treintayseis
Cultura

O 17 de maio e o talento literario galego

Unha breve historia da conmemoración da literatura, do noso Día das Letras Galegas e da importancia da autora homenaxeada, Xela Arias.
Ofrecido por:

A finais dos anos oitenta Os Resentidos ensináronnos que Galicia era sitio distinto. E abofé que non lles faltaba razón, pois poucos lugares poden presumir coma nós de ter entre as máis significadas das súas efemérides a celebración dun día das letras propias.

En efecto, o Día das Letras Galegas hai xa moito tempo que ten sobordado a consideración dunha conmemoración especializada ou testemuñal para se converter nunha celebración masiva e transversal, á que simbólica e proactivamente se suma toda unha terra.

Neste sentido, é innegable a representatividade como festa de exaltación identitaria que o Día das Letras ten gañado entre nós, mais convén tamén lembrar que nisto nin somos os únicos nin sequera os máis vedraios, aínda que é ben certo que a peculiar xeira celebratoria que aquí vivimos nos singulariza. Non virá mal, xa que logo, repasar, sequera brevemente, outro tipo de efemérides literarias para mellor comprender o xenuíno e extraordinario da nosa conmemoración.

A propósito das efemérides literarias

Preto de nós, probablemente unha das celebracións máis coñecidas sexa a da festividade catalá do Sant Jordi. O costume de regalar unha rosa por esta data remóntase ao século XV, pero o vencello deste feito á celebración bibliográfica tardou en aparecer e non se asentou ata 1926, cando mercé ao escritor valenciano Vicente Clavel Andrés ―á sazón vicepresidente da Cámara do Libro― o goberno aprobou un real decreto que oficializou o Día do Libro, festa que os editores cataláns levaban uns anos promovendo con forza para a súa instalación nas Ramblas barcelonesas.

Non insistirei aquí no que de todos é coñecido: que finalmente se consagrou a data do 23 de abril para a celebración (aínda que entre 1926 e 1930 se fixo o 7 de setembro, por pensarse aínda daquela que era ese o día do natalicio de Cervantes) e que esta data se escolleu porque, alén de morrer nela o santo no ano 303, era o día no que falecera o autor do Quixote (en realidade morrera o 22, aínda que se enterrou ao día seguinte) e tamén o pasamento de Shakespeare (que en verdade fenecera o 3 de maio, pois o noso calendario xuliano non coincidía co gregoriano que empregaban os británicos) e aínda de Garcilaso de la Vega. Esta coincidencia ―nunha xornada na que, por certo, tamén finara Wordsworth― fixo que a UNESCO declarase a data Día Internacional do Libro en 1995 e que, con tal motivo, esta se celebre por todo o mundo.

Mais o orbe é complexo e diverso e os pobos gustan de ir por libre nisto de escoller as súas festas. Iso explica que no Reino Unido e Irlanda o World Book Day veña celebrándose dende hai case vinte anos o primeiro xoves de marzo e que ese día os escolares, grazas á xenerosidade do National Book Tokens Ltd., reciban un vale por 1 libra/ 1,5 euros para que poidan empregalos en descontos na compra de libros e que en moitos centros se leven a cabo maratóns de lectura, mostras e mercados de libros e un sen fin de actividades.

E o mesmo que acontece nas illas podería dicirse de Chile (que celebra o seu propio Día do Libro o 29 de novembro en memoria do filólogo Andrés Bello), Uruguai (o 26 de maio, por ser a data na que en 1816 se creou a súa Biblioteca Nacional) ou Paraguai (25 de xuño, data na que Ruy Díaz de Guzmán rematou La Argentina, primeiro libro destas terras).

Idéntica adhesión en clave de país teñen celebracións como a irlandesa do Bloomsday, que fai que todos os 16 de xuño Dublín se converta nunha festa conmemorando a xornada na que transcorre a acción protagonizada por Leopold Bloom no famoso Ulises de Joyce. Dende 1954, as rúas da capital de Eire énchense ese día de miles de cidadáns disfrazados á moda dos anos vinte do pasado século e realizan o periplo e as aventuras levadas a cabo por Bloom na novela, demostrando así que a literatura tamén fai pobo.

De igual modo, os seus irmáns escoceses celebran cada 25 de xaneiro a Burns Night ou Burns Supper, na que lembran a vida e a obra do seu gran poeta Robert Burns, cadrando co seu natalicio. Durante esa noite e dende o século XVIII, as familias escocesas comparten unha cea na que comen o tradicional haggis (un embutido a base de carne de cordeiro) e beben whisky namentres len poemas de Burns.

En fin, alén da épica comunitaria ―mais tamén masivas, ben populares e lúdicas― ficarían outras festas literarias que piden artigo propio e que aquí me conformarei con anotar, como o curioso The Papa Look-Alike Contest, o divertido Towel Day, o galante The Jane Austen Festival, a propiamente esperpéntica Noche de Max Estrella ou a pintoresca International Quidditch Association World Cup.

O Día das Letras Galegas

A celebración cada 17 de maio do Día das Letras singularízanos culturalmente como galegos. Mais, como vimos, non somos os únicos en conmemorar a través dunha festa literaria a lingua e a escrita propia.

Secasí, a fortuna deste día redefiniu ata tal punto a nosa vida que a xornada é hoxe un día festivo oficial e arredor dela nucléase unha parte non pequena do circuíto bibliográfico e editorial e tamén do campo literario galego.

O día, sabido é, naceu por iniciativa de tres persoeiros xa históricos (Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román) que presentaron a proposta á Real Academia Galega, quen a consagrou celebrándoa por vez primeira en 1963. Daquela, tan só un grupo reducido de galeguistas participaron desta, pronunciando en Fonseca unhas palabras que recordaron a Rosalía, a quen entón se dedicou o día. Máis de medio século despois, a conmemoración é celebrada por toda Galicia, continuando, así, o espírito daquela primeira efeméride na que se escolleu precisamente un 17 de maio por ser o día no que a matriarca asinou a dedicatoria de Cantares gallegos á súa colega Cecilia Böhl de Faber. 

Camiño xa das seis décadas de vida, o Día das Letras Galegas ten conmemorado grandes talentos literarios de noso: dende os trobadores das cantigas (os da Ría de Vigo e tamén Afonso X) ata Lois Pereiro, pasando por Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Herrera Garrido, Eduardo Blanco Amor, Manuel Antonio, María Mariño, Ánxel Fole, Rafael Dieste, María Victoria Moreno, Xosé María Díaz Castro, Álvaro Cunqueiro ou, este ano, Xela Arias.

Todas estas personalidades non fan senón confirmar que as galegas e galegos no amor á palabra somos pobo, que sentimos orgullo no vencello admirativo por aquelas persoas que embeleceron coas súas verbas o idioma que nos singulariza, que contaron e cantaron, relataron e escenificaron, estudaron e informaron nese común tesouro que é o galego.

Ese mesmo sentimento animou de sempre a Xela Arias, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2021. Por iso puxo todo da súa parte para engrandecer a Historia que tecemos a través da lingua. E foi xenerosa entregándonos o seu talento para a tradución, para a docencia, para o xornalismo, para a edición, para o relato e, xaora, para a poesía.

Xela é unha bandeira, un talento que fulgurou incomparable aínda que brevemente, pois marchou antes do que debía, apenas con corenta e un anos. Deixounos a Denuncia do equilibrio e os Tigres coma cabalos. Falounos de Darío a diario e soubo berrar Non te amola! Confesou Intempériome e anosou a Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, James Joyce, Miguel de Cervantes, Alice Vieira, José Viale Moutinho, James Fenimore Cooper, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire ou Jean Rhys. Foi, en fin, un espírito literario cosmopolita, unha voz poética libérrima e unha cidadá comprometida cun tempo e cun lugar.

Correrán os anos e seguiremos a celebrar novos días das Letras Galegas, sucedéndose outros talentos que lembraremos para honralos. E revalidaremos así, con cada nova anualidade, que a unción pola palabra nos fai máis nós e nos mantén unidos. Velaí o milagre que conmemoramos cada 17 de maio. E que así siga a ser mil primaveras máis.

Armando Requeixo
Profesor da USC
Secretario do Centro Ramón Piñeiro

Cultura