El Español
Treintayseis
Cultura

Cinco voces da narrativa galega falan das claves para publicar

Entrevista a Antía Yáñez, María Solar, Ismael Ramos, Cecilia F. Santomé e Tamara Andrés.

Ocorréuseme falar con cinco escritoras pra lles pedir un minuto da súa voz. Quería delas unhas palabras animosas e sinceras, sabía que habían ser, pra amainar un chisco a desesperación / desesperanza de quen escribimos.

Hai uns días recibía as mensaxes de voz desacougantesdunha amiga. Que se a editora que a ía publicar desapareceu, logo apareceu; logo medio aceptou medio rexeitou, e cando contactou foi por algo que nada tiña que ver coa súa novela. Disque moitas das escritoras que temos no andel das favoritas pasaron por estas aqueloutradas. Daquela, o peor non é un Non.

Os consellos desas cinco voces das letras galegas de hoxe pra esta amiga con talento que bota fóra a angustia en mensaxes de voz; consellos pra quen chegamos a crer que o que escribimos non presta pra nada.

Cecilia F. Santomé

É a autora de Quérote, eu tampouco (2019) e Unha rapaza de Provincias (2021), e a tradución ao castelán da novela Élise o la vida de verdad (Periférica, 2022) de Claire Etcherelli.

Fotografía de Tere Valcarcel

Poño por escrito a mensaxe de voz:

Supoño que se lle poderían dicir moitas cousas a quen empeza, pero nin creo que a miña experiencia sexa universal nin considero que teña todas as chaves. Ademais, está aquilo de... “consellos vendo que para min non teño”, así que vaia por diante que esta é unha resposta aproximativa á cuestión:

E a esa persoa que escribe, que desexa asinar un contrato de edición, ver o seu manuscrito convertido en libro e o seu libro na boca da xente, diríalle: que lea máis que escriba, que o faga ata que desexe falar de Melville, de Vila-Matas..., antes que de si mesma; que non dea a literatura por sabida, senón que manteña unha actitude de aprendizaxe permanente porque a curiosidade, sen dúbida, será a súa mellor compañeira; que asuma e entenda que escribir e publicar non son sinónimos; que poida que agora tarde en chegarpero que non desespere; e que lembre que o camiño non só depende do maior ou menor grao de talento que teña.

Hai que tratar, coñecer e respetar todos os selos da cadea do libro. Nós, como os nosos libros, estamos nas súas mans...

E, uf, para non querer dar consellos vaia unha boa presa!

A esa persoa diríalle que asuma e entenda que escribir e publicar non son sinónimos…

Cecilia

Ismael Ramos

É o autor das obras de poesía Os fillos da fame (2016), Lumes (2017) e Lixeiro (Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2022) e mais o libro de contos A parte fácil (2023).

Fotografía de Daniel de Jorge.

Velaquí a súa mensaxe:

Como unha persoa que considera que o feito de publicar é, en realidade, algo extra literario e mesmo alleo á escrita, cústame dar un consello.

Pero se tivera que dar un, diría que hoxe en día existen tantas canles para publicar, e xa non falo só no mundo editorial, senón das opcións que existen nas redes sociais e outras plataformas, que penso que o reto é dar co lugar no cal queremos estar.

En cal de todas as canles ou a través de cal delas desexamos difundir o noso traballo?

Diríalle a alguén que non publicou que se faga esa pregunta, e tamén que probe: que non teña medo a probar e equivocarse, xa que aquilo que escribimos, afortunadamente, ten moita vida para alén do que nós decidamos.

María Solar

Escritora e xornalista. Tras moitos libros publicados con premios, A Culpa levou o Premio Xerais de Novela, 2022 (traducida ao castelán e ao catalán). Coordina varios programas de cultura da CRTVG e presenta o cultural ZigZag Fin de Semana da TVG.

Fotografía da autora en Vilagarcía, Cidade do Libro 2023.

Déixanos estes consellos:

Na literatura podes comezar de menos a máis ou cun bombazo que é o que todo o mundo querería, e... inda que todos quereríamos comezar así, iso é moi complicado. Pode pasar, pero o habitual é partir dun lugar máis modesto e, dende aí, ir facendo carreira.

O de escribir será máis doado se o enfocas como unha carreira de fondo, xa que buscares o éxito do primeiro libro é un erro, e mesmo non só o do primeiro senón tamén dos que segues escribindo cando xa es unha persoa coñecida. Para sentirse tranquilo, hai que ter os pes moi na terra... Iso para comezar: os pes na terra e ir conseguindo cousas pouquiño a pouco.

Pero tamén é certo que tes que traballar, perseguir os soños e insistir e saber que os logros se conseguen esforzándose: non creo na inspiración e si creo no traballo.

Tes que traballar, perseguir os soños e insistir e saber que os logros se conseguen esforzándose: non creo na inspiración e si creo no traballo.

María Solar

E cando consigas xa ese primeiro contrato... despois desta alegría... tamén hai que fixarse no que estás asinando. Mira, por exemplo, por canto tempo cedes a explotación dese libro, ou se a editora está a cargarche a tradución... Non é unha obriga ceder os dereitos universais a unha editora. É moi común, por exemplo, que unha autora consiga a tradución da súa obra a outra lingua e que tope con que a editorial, que nada fixo por levar esa historia a outros lugares e idiomas, vai cobrar igualmente a “súa parte” porque así quedou asinado.

Orientarse ben é fundamental!

Tamara Andrés

Autora de Nenæspiraes (2016), Corpo de Antiochia (2017), Irmá paxaro (2019), Bosque vermello (2019), Distancias (2020) e Peixiño desnortado en Historias para coñecermos Pontevedra (2022), obras súas publicadas en diferentes editoriais.

Fotografía de Paula Andrés.

Compartiu con nós estas palabras:

Eu hei dicir que non son moi partidaria de dar consellos, ademais neste terreo paréceme moi complicado...

Penso que non hai unha fórmula, é dicir, non hai unha vía predeterminada para publicar un libro. Existen os premios literarios, iso é certo, ou existe tamén a posibilidade de enviar o teu manuscrito a unha editorial... Mais cómpre ter en conta que na literatura —no mercado editorial, máis ben— entran en xogo moitos factores e, un deles, é o azar. Tamén os plan editoriais, por suposto.

A persoa que desexa publicar, pra min, debería presentar unha característica fundamental i é o amor pola literatura... Non só pola escrita, senón tamén pola lectura, pola lingua, polas linguaxes, certo respecto por todo isto e certo coidado. E tamén debería, pra min, concibir a literatura como un diálogo, como un diálogo infinito no que el ou ela non é máis que unha peza.

A persoa que desexa publicar, pra min, debería presentar unha característica fundamental i é o amor pola literatura.

Tamara Andrés

Antía Yáñez

Desde Senlleiras, coa que gañou o Illa Nova de narrativa, milleiros de lectoras están pendentes a todo canto escribe en papel e nos seus artigos na revista Luzes.

Fotografía de @stillplablou.

Contóunolo seguinte:

Ben, pois partindo da base de que non son eu moi de dar consellos, si que hai algunhas cousiñas que me serven:

Ter unha persoa de confianza que te lea. É moi raro que eu mostre unha novela completa, pero polo menos si o comezo para saber se interesa, para ver se engancha, para ver se anima a seguir a lectura. Doulla a varias persoas, xa que non todo o mundo ten os mesmos gustos... Esta debe ser xente de confianza, que diga o bo, pero tamén o malo. Non queres alguén que diga moi ben a todo: deben axudarte a ver os fallos e que saiban dicir onde falta claridade.

Outra idea é presentarse a certames literarios, pero aqueles que son para xente nova, para buscar novas voces. A min deume un pulo moi grande o Illa Nova, ao gañar con Senlleiras. Se te presentas a un certame a competir contra xente como Marilar Aleixandre, que gañou o premio da Deputación de Ourense, podes crer que non gañas porque o que escribiches non é bo, cando realmente o problema é que estás a loitar contra xente que leva aí moitos anos.

Os consellos na voz maina de Cecilia, a claridade de Solar ou a afouteza de Antía, a invitación á reflexión de Ismael e o amor a palabra de Tamara Andrés, son guía para esta miña amiga das mensaxes de voz e para cadaquén dos que somos parte deste oficio de escribir.

E, como ten dito Marina Abramović, pra ser artista hai que estar disposta a fracasar.

Sica Romero
Sica Romero
InstagramLinkedIn
Escritora e Historiadora del Arte especializada en el ámbito de la docencia y la museística, le fue otorgado el premio literario Arcebispo Juan de San Clemente por Avelaíñas Eléctricas, su primera obra de narrativa. Colabora en medios de comunicación de prensa escrita y radio. En los diarios Quincemil y Treintayseis publica cada domingo un artículo de divulgación cultural.
Cultura