El Español
Actualidad
|
Santiago

Rodolfo e Priscila: o selo editorial compostelano de Berta Dávila e Carlos Meixide

O proxecto é un selo independente que se presenta publicando "A poesía como arte insurxente" de Lawrence Ferlinghetti
Berta Dávila y Carlos Meixide
Imagen cedida
Berta Dávila y Carlos Meixide

Un peluche e unha boneca dentro dunha caixa de música dan nome ó proxecto dos escritore galegos Berta Dávila e Carlos Meixide que se embarcan nesta aventura animados polo seu gusto polo pequeño e singular,  coma os libros de editoriais pequenas. Lanzan como primeiro título A poesía como arte insurxente de Lawrence Ferlinghetti traucíndoa ó galego por primeira vez. A este título súmase Pequeno álbum de Nova York en inverno que recolle ilustracións de Berta Dávila e textos de Meixide.

Rodolfo e Priscila se presentará no Culturgal que terá lugar entre o 25 e 27 de novembro na cidade de Pontevedra. En Quincemil falamos cos creadores.

Dicían nas súas redes sociais que todos os días hai algo que nace. De onde xorde a idea desta nova aventura?

Rodolfo e Priscila nace de ideas moi simples. Gústannos os libros e os procesos de edición, e apetecíanos moito facer libros xuntos. Se cadra sería oportuno dicir que detrás do proxecto hai vontades máis elaboradas respecto ao que queremos que sexan os nosos libros ou a quen van dirixidos, pero o esencial é que tiñamos ganas de facer libros e daquela buscamos a maneira; conta Carlos.

Traballamos en cada libro coma se fose unha tesela que acabará formando parte dun mosaico

Puxémoslle ao proxecto o sobrenome de "editora indecisa" un pouco por esa razón. Non temos ideas moi excluíntes respecto aos libros que poderán encaixar no futuro, o que non quere dicir que esteamos na busca de libros insólitos. Traballamos en cada libro coma se fose unha tesela que acabará formando parte dun mosaico, sen coñecer aínda como resultará o debuxo que se irá facendo co tempo. E agardamos que os libros que a nós nos interesan tamén poidan interesarlle a outra xente; engade Berta.

Preguntáronlles moitas veces quen son Rodolfo e Priscila?

Rodolfo e Priscila son os nomes propios de dous obxectos queridos para nós, un peluche de infancia e unha boneca dentro dunha caixa de música. Queriamos un nome alegre que puidésemos identificar con algo que nos importa, que non remitise a unha abstracción arredor da literatura, das palabras ou da escritura, senón ás cousas. Poñer nome a algo é complicado, apeteceunos xogar dalgunha maneira con isto. Interésanos o que é pequeno e singular, como Rodolfo e como Priscila, explica Berta.

A moitos de nós cústanos entender que é unha editorial independente e cal é o seu funcionamento. Existe unha definición para o común dos mortais? 

Carlos explícanos que "Unha editorial independente é a que non depende doutra editorial nin dun grupo editorial. Nun sentido práctico non é máis nada ca iso e nesa categoría caben proxectos moi diferentes e de moi distintos tamaños. "Rodolfo e Priscila" é unha iniciativa persoal na que depositamos o noso traballo e os nosos recursos propios, e é tamén un proxecto pequeno. Isto non quere dicir nada sobre ningunha cousa nin o presentamos como un valor engadido en si mesmo. Como lectores gústannos moitos libros de editoriais pequenas e tamén moitos libros de editoriais grandes ou que forman parte dun grupo editorial. Gústannos os bos libros e non hai unha única maneira de facer chegar bos libros ás librarías".

Parece que o seu selo editorial leva por bandeira o coidado e o mimo en cada un dos procesos dos seus traballos, na maquetación e o deseño contan con Roi Fernández; cóntennos que supón traballar en conxunto. 

Seguramente, aclara Berta, hai unha semana diría que si ao que comentas do mimo e do coidado, mais a verdade é que sinto que se cadra é soberbio dicir que temos a vontade de coidar e mimar os nosos libros porque non quero que se entenda que opino que iso nos distingue doutra xente. Creo que todos os editores teñen a vontade de coidar os seus libros. Nós tamén e, con todo, acabamos de recoller exemplares do noso primeiro título e decatámonos de que cometemos erros que non nos explicamos. O que quero dicir con isto é que penso que estaría ben non abusar de certas retóricas.

A vantaxe de coordinar un proxecto pequeno é que é moi agradable traballar de preto coas persoas e poder atender todas as partes do proceso.

Sobre o que dis respecto a traballar en conxunto -puntualiza Carlos- pois é imprescindible, porque hai moitas cousas que nós non sabemos facer. O proceso de creación da marca e do deseño dos libros con Roi Fernández foi moi grato e está ben deixarse aconsellar e confiar nas persoas ás que encargas un traballo deste tipo, ou unha revisión, como confiamos nas autoras dos nosos próximos libros e nos seus textos, no valor do traballo de tradución de Daniel Salgado, nas librarías que poñen á venda os nosos libros, nas amigas que nos suxeriron cousas e que nos animaron en momentos de dúbida e nos consellos doutros pequenos editores que coñecemos que nos informaron e axudaron desinteresadamente en aspectos e procesos que descoñeciamos. A vantaxe de coordinar un proxecto pequeno é que é moi agradable traballar de preto coas persoas e poder atender todas as partes do proceso.

Pequeno álbum de Nova York en inverno é en gran parte a orixe ou a semente deste selo editorial? É quizais tamén unha forma de achegarse a Berta Dávila e Carlos Meixide desde un ángulo máis persoal?

Carlos nos explica que "Pequeno álbum de Nova York en inverno reúne debuxos de hai moito tempo, que Berta fixera ao redor dunha viaxe a Nova York. Viaxar máis ou menos lonxe con alguén é un momento no que dúas persoas se atopan sen as interferencias da vida cotiá, e nese sentido para nós foi un momento de falar sobre as cousas que nos apetecía facer no futuro. Pensaramos moitas veces na posibilidade de facer libros xuntos, e eu levaba xa algúns anos editando libros propios e algúns libros doutros. Pareceunos que era posible levantar algo xuntos, que fose pequeno pero interesante, axustado ás nosas posibilidades. E puxémonos a iso á volta".

O libro é unha especie de caderno de estampas que concibimos como unha carta de presentación do proxecto. É algo así como unha posición de saída, un "de aquí vén esta idea e apetécenos compartilo". Nese sentido é unha anomalía, como unha tarxeta de benvida que non ten intención de repetirse. Eu deille moitas voltas a facer este libro noutros sitios ou doutras maneiras, pero os textos que escribía non acababan de encaixar cos debuxos, así que nos pareceu que era boa idea que Carlos escribise un pouco sobre a viaxe e sobre nós os dous, para ofrecer dúas miradas que non se interferisen -acláranos Berta-.

A presentación deste novo proxecto terá lugar no Culturgal que se celebra durante a fin de semana do 25 ao 27 de novembro. Que esperan deste día?

Se cadra outro trazo deste proxecto é que tampouco esperamos cousas moi concretas. Esperamos poder facer as cousas o mellor que saibamos, e esperamos que ese fin de semana sexa interesante, poder atoparnos coa xente, presentarlles o noso proxecto e vender libros -conclúe Carlos-.

¡Síguenos en Facebook!
Actualidad