El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

Menos cemento e máis primavera

A voceira de María Atlántica e exconcelleira de Medio Ambiente na Coruña reclama un maior compromiso co medioambiente do goberno municipal.
María García
Por María García
Praia de Oza
Concello da Coruña
Praia de Oza

A xente sabe que cando o seu concello se compromete co medio ambiente, gaña calidade de vida. E distingue cando este compromiso é sincero, de cando é fume pintado de verde, porque a xente non é parva. 

Esta semana, nun paseo coa asociación veciñal de Feáns, lembrabamos que en 2015 o río aínda baixaba gris, contaminado por augas residuais. En pouco máis dun ano, traballando con eles man a man, o programa de vertido cero rematou coas verteduras e deixou a auga clara, como debe ser. O mesmo pasou en Oza: a praia recuperou primeiro a calidade excelente para o baño, e despois a Bandeira Azul, que aínda conserva. 

Por moi urbanitas que sexamos, sabemos que o contacto coa natureza e meter as mans na terra é saúde. As ecohortas da Coruña, que hoxe reciben premios, tiveron tanto éxito coma lista de agarda. E canda elas medran unhas comunidades moi activas e unidas. 

A covid-19 deixounos mensaxes importantes, para quen as queira escoitar: nestes tempos de confinamento e distancia social, o Paseo Marítimo chegou a parecer unha romaría. Como tería sido contar cos Bosques da Coruña nos Rosales e na Urbanización Breogán, dando inicio a un gran cinturón verde na contorna da cidade? Canto teriamos agradecido poder pasear ao carón dos ríos de Quintas, en Palavea, e de Feáns nas novas sendas fluviais? Incomprensiblemente, estes proxectos deseñados polo goberno de Xulio Ferreiro agardan enterrados nun caixón dalgunha oficina municipal.

O compromiso é máis sinxelo cando é colectivo

A cidadanía tamén valora as políticas medioambientais porque quere poñer o seu grao de area polo Planeta sen que iso supoña un acto heroico: agradece que lle faciliten a tarefa. Por poñer dous exemplos: No mandato pasado puxemos o foco en fomentar a reciclaxe, e a recuperación de materiais mellorou un 30% segundo datos da Universidade. Centrámonos en ter un San Xoán máis sostible e reducimos a menos da metade o lixo que quedaba nas praias, que ainda é demasiado.

Na mobilidade demos un xiro de 180º. Por primeira vez na historia baixou o prezo do billete do bus, nunha medida que combina ecoloxía e xustiza social. Peonalizouse o único casco vello das cidades de Galicia no que aínda había coches, e multiplicáronse os km de carril bici. Queda moito por facer, pero hai que continuar nesa dirección.

Se a sociedade gañou en sensibilidade cara os animais, as cidades teñen que adaptarse. O goberno da Marea Atlántica, na súa loita contra o maltrato animal, eliminou as touradas e a presenza de animais en espectáculos. Creáronse as primeiras colonias felinas municipais controladas e erradicouse a observación de fauna en catividade.

Enténdaseme ben: precisamente quen estamos preocupadas pola emerxencia climática e o medio ambiente sabemos que todo o que fixemos é insuficiente: o cambio ten que ser maior e máis rápido. De aí a pena, moi fonda, ao comprobar que o goberno que nos sucedeu non só non lle dá continuidade ás políticas iniciadas, senón que nunha frivolidade difícil de entender nos tempos que corren, amosa un claro retroceso no seu compromiso coa ecoloxía.

Cales son as políticas ambientais de Inés Rey?

Non coñecemos ningún proxecto medioambiental propio do goberno de Inés Rey. Nin crea os seus, nin acepta propostas: nestes dous anos non cumpriu ningún dos acordos coa Marea Atlántica neste ámbito. Ningún: nin a empresa municipal de enerxía renovable, nin as obras na depuradora para a mellora da calidade das augas, nin os bosques, nin a ampliación das ecohortas, nin a mellora na xestión dos residuos (que caeu un 7% en 2020) nin... Nada, cero, rien, nothing, nichts. Como moito, unha foto da alcaldesa para encher algunha efeméride.

O peor de todo non é que desaparezan as políticas medioambientais, que xa é grave. O peor é que se reactiven proxectos urbanísticos de elevadísimo impacto e edificabilidade, precisamente na cidade das 20.000 vivendas baleiras. Proxectos coma os que deterioraron os barrios, privándoos de luz, de sol, de espazos libres, con densidades de poboación difíciles de atopar en Europa. Os mamotretos das Percebeiras, de Visma e o pelotazo inmobiliario previsto para o porto amosan o lado gris coma o cemento do goberno de Inés Rey.

A miña decepción trascende o típico debate político entre partidos. A miña crítica ven da preocupación e dunha dor de corazón sincera. Cando xa case nos atopamos no ecuador do mandato, á alcaldesa quédalle pouco tempo para reaccionar e cambiar de rumbo. 

Menos cemento e máis primavera, Sra Rey.

María García
María García
FacebookTwitter
Voceira da Marea Atlántica no Concello da Coruña e exconcelleira de Medio Ambiente. Ecoloxista de corazón e de profesión.