El Español
Opinión
|
Tribuna Abierta

Rescatemos a “sustansia” do Grove

Unha reflexión sobre a oportunidade que ten O Grove para converterse nun destino turístico excelente
Lanzada Calatayud
Por Lanzada Calatayud
Playa de A Lanzada desde el monte Siradella.
Playa de A Lanzada desde el monte Siradella.

O Grove é un deses destinos en Galicia declarado Municipio de Excelencia Turística desde o ano 2001.Ten unha reputación turística indubidable debida sobre todo ás súas praias e a súa gastronomía, aínda que o seu ADN está principalmente vencellado á súa cultura mariñeira e á súa estratéxica localización.

Temos na nosa contorna unha agresiva competencia que, baixo o meu punto de vista, non é atractiva. E non o é porque é estacional, non sostible e non aporta valores mais aló do modelo sol e praia. Deixa moitos cartos nos meses de xullo-agosto a costa de encher e desgastar masivamente os nosos espazos naturais, esgota os nosos suministros e quiebra o equilibrio entre visitantes e residentes. Este feito ten como consecuencia que unha boa parte deles vexa afectada negativamente a súa vida cotiá, provocando un sentimento de “turismofobia” que se resume nun “o turismo é malo”. Así, sen matices. Ou branco ou negro.

Por iso, estamos no momento de actuar, de planificar e xestionar responsablemente o destino, de voltar ás esencias e visibilizar o que realmente nos diferencia: a nosa historia, as nosas xentes, os seus oficios, os nosos recursos etc.

Máis aló da praia e do bo comer, debemos abrir o apetito ás experiencias que amosan a nosa riqueza patrimonial a través dunha potente posta en valor da nosa auténtica historia e tradición. É dicir, de todo aquilo que nos diferencia doutros destinos moito menos atractivos pero que pode atraer a outro perfil de visitante, moito mais interesado en coñecer a cultura e autenticidade dun territorio.

Ben sabemos que hai unha serie de características que fan único ao Grove; por citar algunhas: maior produtor de mexillón de España, primeiro acuario de Galicia inaugurado en 1977, posúe certificacións naturais e medioambientais como REDE NATURA 2000, ZEPA, LIC e RAMSAR e é pioneiro en turismo termal e ornitolóxico.

A cultura, en todas as súas vertentes, está presente durante todo o ano no municipio meco. Exposicións, certames e representacións teatrais, a galería de arte Besada, ou a nova e activa asociación “Grove Makers” que agrupa aos/ás principais artesáns/as do destino. O Náutico de San Vicente, meca da música e da creatividade, é considerada a sala de concertos de música en vivo con mais seguidores a nivel nacional.

Espazos de interpretación da vida rural galega como o tan descoñecido coma fascinante “Quinteiro de Temperán”, así como a asociación “Dorna Meca” que persegue a difusión e posta en valor das embarcacións tradicionais do Grove. O patrimonio inmaterial vencellado ao papel histórico da muller e tradición coma os cantos de taberna ou o entroido meco tamén forman parte fundamental da súa esencia.

En canto á espazos emblemáticos vencellados ao acervo cultural do Grove, gustaríame destacar dous: en primeiro lugar o museo Salgadeiras de Moreiras, antiga fábrica da salga de finais do século XVIII e XIX, rehabilitado co obxectivo de divulgar a pesca local e a tradición conserveira no máxico recanto de Punta Moreiras. E en segundo lugar o conxunto arqueolóxico de “Adro Vello”, un xacemento ao aire libre único, que representa un resumo da historia de Galicia desde a idade de bronce ata o século XX. Un inciso – nestes momentos temos esperanza de que por fin as administracións se decaten da súa transcendencia e valor e acometan as obras necesarias para crear un espazo de interpretación senlleiro na nosa comunidade.

A nivel gastronómico, O Grove ten moito que contar; desde a súa a Festa do Marisco, que ademais de ser a festa gastronómica máis antiga de Galicia, representa o evento turístico máis relevante do Grove. Naceu no ano 1963 ca idea de “[...] dar a conocer en esta pequeña península, la sabiduría de sus gentes marineras, la destreza de sus cocineros y la buena disposición del ramo hotelero para acoger a cuantos visitantes se allegaran” (Peón Blanco 2003). Outro inciso – daría para outro artigo falar de como esta celebración nacida có fin de por en valor os produtos e a xente do mar do Grove, aínda que sigue atraendo a milleiros de visitantes, foi enviciándose e perdendo a súa conexión có pobo.

Por último, non me podo esquecer do único restaurante con dúas estrelas Michelin e unha estrela verde de Galicia, Culler de Pau, que da man do cociñeiro Javier Olleros ten desenvolvida unha estratexia de sustentabilidade real de protección, interpretación e divulgación das especies autóctonas da horta do Grove, poñendo como protagonistas non só aos cociñeiros, senón aos produtores, investigadores, veciñanza e por suposto aos visitantes. Xa quixeran moitos destinos ter un Javi Olleros na súa vida...

Estamos nun punto de inflexión no que ou ben nos convertemos nun destino mais - masificado, estacional e non sostible - ou acadamos realmente a categoría de “excelente” como municipio sostible, auténtico, responsable e desestacionalizado.

Creo firmemente que, a pesar da falta de recursos, se están a dar pasos neste camiño pero tamén creo que para acadar esta diferenciación e cambio de modelo é fundamental atender a tres premisas claves no turismo responsable: a recuperación e salvagarda do patrimonio material e inmaterial, a importancia da calidade sobre a cantidade de visitantes e a integración do residente na planificación turística do destino.

Porque a “sustansia” segue aí, só precisamos rescatala.

Lanzada Calatayud
Lanzada Calatayud
LinkedIn
Licenciada en Filoloxía Inglesa e Francesa pola USC, Master en Dirección e Planificación do Turismo pola UVigo, Curso de Dirección Estratéxica e Marketing e Formación para a Igualdade da Xunta de Galicia e Curso de Especialización de Turismo Gastronómico no Basque Culinary Center. Xerenta de Turismo da Coruña de 2016 a 2021. Recentemente creou a marca A Lanzada, consultoría turística en sostenibilidade e gastronomía.