El Español
Treintayseis
Cultura

Antón Fraguas: a ponte que sitúa o idioma ao límite da modernidade

Biógrafos e intelectuais lembran as súas facetas de locutor, docente ou 'galeguista', truncadas pola represión do golpe franquista.
Ofrecido por:

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -

Locutor, profesor, investigador e mesmo actor de teatro radiofónico. A traxectoria vital de Antón Fraguas pasou por unha profunda inquietude que se estendeu ao longo do século XX, tanto pola súa paixón polo coñecemento, os costumes da Galicia rural e a cultura inmaterial, como polos novos formatos e a innovación tecnolóxica, levando a lingua galega onde non estivera antes e achegandoa a aqueles que carecían de medios.

"Unha ponte entre a Galicia actual, a Galicia do século XX e a Galicia que fomos", destacou a Europa Press Malores Villanueva, autora da biografía que publica a Editorial Galaxia sobre a figura do autor de Cotobade, protagonista este ano dos actos conmemorativos polo 17 de maio.

Esta inquietude brillou especialmente nos anos 30, un período de "ilusión" marcado pola II República e que viviu un fito tecnolóxico e comunicativo no que Fraguas asumiu un destacado papel: a chegada da radiodifusión a Galicia a través de Unión Radio, que estableceu unha emisora en Santiago de Compostela.

O 15 de xaneiro do 33 rexistrouse a primeira emisión da radio galega, desde unha sala da praza da Universidade, e 'Don Antonio' foi o primeiro locutor de continuidade en galego da historia de Galicia da man de Xosé Mosquera Pérez, unha das históricas figuras do medio e recoñecido polo seu personaxe 'O vello dos contos'. Fraguas abría e pechaba a programación, que foi ampliando o seu horario e contidos.

"Dignificar o idioma"

O autor participou como actor na peza cómica 'Vaites...vaites!', obra premiada nun certame teatral convocado pola Irmandade da Fala de Betanzos, e tamén iniciou ese mesmo ano unha sección na que recitaba poemas, falaba de etnografía ou de temas turísticos e económicos. A inquietude de Fraguas polos novos formatos levoulle, mesmo, a participar como figurante na rodaxe dun documental francés en Lugo.

"Quería dignificar o idioma. El fai radio en galego nos anos 30, fai teatro radiofónico en galego nos anos 30, e ten unha sección de lectura de poemas en galego. Falaba de calquera tema e nun momento en que a lingua estaba privada no ensino, nos ámbitos altos e cultos", destaca Villanueva.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, é un dos intelectuais que estudou os inicios da radio en Galicia e a implicación da figura de Fraguas e doutros membros do movemento galeguista a favor do Estatuto, que querían aproveitar as novas tecnoloxías para "chegar á xente do común, aqueles que non tiñan hábitos de lectura, que non sabían ler e que a través do novo medio podían chegar á cultura".

"Adiviñaron que aí estaba unha gran ferramenta importante de información e educación popular. Un espazo de entretemento pero tamén de formación e educación", lembra Freixanes, sobre unha emisora pola que pasaron "Alexandre Bóveda, Castelao, Luís Iglesias..., figuras moi importantes", que falaban desde receitas para os 'paisanos' que traballan no campo e combaten pragas, a 'cantigas' e formación para os mozos.

Un profesor bondadoso

Fraguas foi, neste sentido, un gran difusor en todas as facetas da súa vida, pero aquela á que lle tiña máis respecto era a de mestre. O 11 de novembro de 1933 deixou Compostela para incorporarse ao claustro do Instituto da Estrada, do que foi secretario, aínda que tamén impartiu docencia en Lugo e no Instituto Rosalía de Castro, onde permaneceu desde o 59 ata a súa xubilación.

O historiador Xusto Beramendi, presidente da Fundación Fraguas, lémbrao como "un gran profesor e unha persona que estaba sempre moi implicado cos seus alumnos", que a día de hoxe ségueno lembrando como unha persona "bondadosa" e mesmo están a preparar accións en homenaxe e recordo á súa figura.

Naqueles tempos, era un mestre que marcou a moita xente, exercendo "unha pedagoxía moi moderna para a época, moi na liña do que foi a renovación pedagóxica española dos anos 30, pola República", destaca Beramendi.

Pero "non se limitou a ser profesor", engade o etnógrafo Clodio González, dado que levaba a cultura onde estaban os veciños, facendo escavacións con alumnos, catalogando xacementos arqueolóxicos, e mesmo organizando excursións durante os domingos, ás que acudían tanto adultos como mozos.

"Era unha persona que lle gustaba estar no lugar do que falaba. Se falaba de arte en Santiago levábaos ao Pórtico da Gloria, ou a que coñecesen todo o que lles rodeaba durante as súas clases sobre xeografía. E agora pode sorprender menos, pero daquela era algo fundamentalmente de escola de libre ensino. El entendía que hai que aprender observando primeiro", explica Villanueva.

Compromiso galeguista

Ademais do idioma, a vida do homenaxeado estivo marcada por un profundo sentimento e compromiso galeguista, exercendo ademais de secretario xeral do Partido Galeguista na Estrada e involucrándose activamente na campaña a favor do Estatuto de Galicia, viaxando "aldea por aldea", sinala a escritora.

A radio foi un dos medios mellor aproveitados polo movemento para difundir as súas ideas, onde pasaron intelectuais e representantes do Partido e que levou á emisora de Santiago a converterse na "emisora do Estatuto de Autonomía".

"Retransmitiu noticias e intervencións da asemblea de municipios a favor do Estatuto para que a escoitasen en Bos Aires a través do tendido da liña telefónica", resaltou o presidente da RAG, e mesmo se fixo campaña "desde o primeiro cinema", coa emisión de documentais nos pobos.

O seu papel levou mesmo a que se celebrase na Estrada o que foi o último mitin do Partido Galeguista e do propio Castelao en Galicia, dado que pouco despois produciuse a sublevación e o golpe militar franquista e, con iso, a persecución, o asasinato e a represión.

"O levantamento fascista ocupou as emisoras, os xornais... El Pueblo Gallego pasou a ser o xornal do movemento nacional, a Falanxe, e a partir de aí acabáronse as historias", lamentou Freixanes.

Represión

O propio Fraguas sufriu na súa pel as consecuencias do alzamento militar. O profesor refuxiouse na súa parroquia de Loureiro, escondéndose nos montes, e volvendo a casa cando a súa nai acendía un farol nunha das xanelas, segundo relata Clodio González na biografía publicada pola Academia na súa web. A pesar diso, os seguidores do novo réxime atopárono.

"Foi unha etapa moi dura e moi difícil para el. Escapou ao monte por medo, e estaban a matar a xente, que logo aparecía nas cunetas", lembra Malores Villanueva. Un día que regresaba para facer os exames de recuperación os seguidores fascistas buscárono e humillárono publicamente, obrigándoo a cantar a 'Cara ao sol', facéndolle beber aceite de ricino e a limpar as pintadas a favor do Estatuto coas súas propias mans.

A represión continuou tras a depuración do seu cargo, que lle impediu impartir docencia durante dous anos e a empezar de novo. A pesar diso, o Franquismo non conseguiu dobregar a súa "absoluta" vocación docente, e nos anos 50 conseguiu recuperar a cátedra da que foi apartado "inxustamente".

Antonio Fraguas consagrouse como un exemplo para decenas de alumnos e alumnas e chegou a gozar do "soño" da democracia, deixando un importante legado en todas os ámbitos aos que dedicou a súa vida ata os últimos anos do século XX.

Cultura